1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Un Celta de Primeira

Logo de cinco anos o Celta volve ser equipo de Primeira División. Un ascenso que se conseguiu na derradeira xornada nun partido, ou case mellor decir non partido, contra o Córdoba que rematou cun empate sen goles. O guión viña escrito, un empate cumpríalle aos dous equipos. E fixeron o que se fai nestes casos. Un festival de toques sen ánimo de agresión sobre as porterías. De feito, son os partidos nos que as porterías están demáis. Pouco que contar nun partido que tiña que confirmar un ascenso que era arelado por un equipo, unha afección e tamén unha cidade. O equipo vigués xa está entre os grandes despois de conseguir o seu undécimo ascenso á Primeira. Para chegar até aquí o Celta tivo que conseguir 26 vitorias, 7 empates e 9 derrotas. Ademáis, foi o equipo máis goleador da categoría con 83 goles. Pero, se cadra, o que cómpre destacar é que o Celta tivo que reinvertarse e case refundarse na Segunda para chegar até aquí con outra identidade. Esa que lle dan os rapaces saídos da canteira, porque este Celta debe a meirande parte do éxito á confianza que se depositou nos xogadores que se criaron deportivamente na cidade deportiva da Madroa. Yoel, Sergio, Hugo Mallo, Túñez, Roberto Lago, Jonathan Vila, Oubiña, Álex López, Toni, Dani Abalo, Iago Aspas… e seguramente máis xogadores galegos que se irán incorporando no futuro se a política do club mantén esa filosofía de confiar na canteira galega. Porque o que necesitan os rapaces é saber que algún día terán unha oportunidade para xogar no primeiro equipo do Celta. E nese cambio de rumbo tivo moito que ver a chegada a Vigo dun adestrador como Eusebio Sacristán, agora dirixindo ao Barcelona B, que foi o que arriscou e foi subindo aos xogadores que hoxe se converten en futbolistas de Primeira. Costoulle, iso sí, un susto, porque algúns aínda lembran que o Celta tivo que pasar pola dura experiencia de loitar contra o descenso á Segunda B. Foi nun partido contra o Alavés no que apareceu un rapaz de Moaña para salvar ao Celta de caer nun furado negro. Ese rapaz, Iago Aspas, conseguiu este ano marcar 23 goles e ser o segundo máximo artilleiro da categoría. Xunto a eles é de xustiza valorar ao resto de xogadores que formaron un equipo non que non faltou nada. O Celta tivo un dianteiro como Mario Bermejo que cumpriu co seu cometido e tivo que reconvertirse en Vigo en media punta. E a David Rodríguez, que fixo mellor a Aspas. Apareceron xogadores como De Lucas, Joan Tomás e Orellana, que puxeron calidade para dar e tomar. Outros como Natxo Insa e Bustos aportaron moito corazón e traballo, e Bellvís, Oier e Catalá aseguraron que nunca o equipo ía ter problemas na defensa. E para rematar o Celta contou cun adestrador, Paco Herrera, que mantivo o pulso necesario para convencer a todo o equipo de que este ano o Celta tiña que conseguir o ascenso sen pasar polas eliminatorias de ascenso. Foi un director exemplar que aproveitou o mellor de cada xogador. E tamén conseguiu que o seu equipo realizara o mellor fútbol da categoría,un recoñecemento que ten un valor simbólico. O fútbol ten distintos padais é o sabor que deixa o fútbol do Celta é para aqueles que gozan do xogo cando é ben xogado. E así foi, o fútbol premia a un Celta que se converte en club de Primeira División despois dun lustro e deixa moitos avisos de cómo facer ben o traballo. O ano que vén haberá que amosalo. Parabéns Celta! Parabéns celtistas!

 

FOTO: Partido disputado en marzo entre Valladolid e Celta no estadio José Zorrilla (Real Valladolid)