O Celta resolve un trámite por goleada
- Detalles
- Categoría: Fútbol
- Publicado o Sábado, 19 May 2012 17:49
- Escrito por Miguel Fernández
Se algo demostra o Celta e soportar con tranquilidade a presión que supón ter que gañar, sí ou sí, os partidos que lle faltan. O equipo de Paco Herrera é consciente de que todo depende deles para ser de primeira. Se o Celta segue sumando vitorias só ten que agardar un traspés do Valladolid. Pero o plan, o único plan, pasa por gañar os tres partidos que faltan para rematar a temporada. Dous en Balaídos e só un lonxe de Vigo. Xerez, o vindeiro mércores, Nàstic de Tarragona e Córdoba son os tres últimos chanzos da temporada. O do Alcoiano xa é historia. Catro goles de Álex Lopez (2), Aspas e Orellana serviron para que os seareiros entoaran a rianxeira e saíran de Balaídos con gañas de ver ao Celta canto antes celebrar a seguinte vitoria.
Foi chegar e encher. Non durou nada o empate inicial. Un remate a reviravolta de Iago Aspas na área do Alcoiano saiu cuspido e Álex López aproveitouno para golpear o coiro e converter o primeiro gol do partido no minuto 2. Era o guión perfecto para evitar calquera sorpresa desagradable no día das peñas celtistas. Coa vantaxe no marcador o equipo de Herrera acomodouse con tranquilidade nun partido que tiña trampa. O rival loitaba por manter a categoría e, xa se sabe, ese é un obxectivo que podía complicar a tarde en Balaídos. Herrera presentou un equipo no que houbo rotacións. Sen Oubiña, Insa, Bellvís e Toni, que xogaron en Guadalaxara, apareceron no once titular De Lucas, Bermejo, Bustos e Roberto Lago. O equipo ten solucións e alternativas para afrontar o treito final de liga con garantías. De feito, xogue quen xogue, o estilo do Celta non se resinte. Foi o que fixo logo do gol inicial, seguir tocando e buscando os espazos libres e tamén aproveitar as aparicións de Iago Aspas, que anda con fame de gol. O segundo do serán chegaría pouco antes da media hora de partido. Un saque longo de Sergio foi controlado por Bermejo. O pase ao espazo do dianteiro cántabro deixou só a Aspas no man a man con Dorronsoro. O resultado foi caneo e gol. O número vinte na conta particular do moañés que se sitúa a cinco de Leo Ulloa, o dianteiro uruguaio do Almería. E a primeira metade rematou coa sensación de que o trámite case estaba resolto. Do Alcoiano, equipo adestrado polo galego Luís César, so se soubo que se presentou en Vigo cun plantexamento ousado, con dous dianteiros, e con trazas de ser un equipo con algo máis que moral.
O único que tiña que facer o Celta, na reanudación, era ampliar a vantaxe para non dar sequera unha opción ao seu rival. Tentouno un voluntarioso De Lucas ao seis minutos nun disparo que foi rexeitado polo gardarredes rival. Despois, o catalán sería sustituído por Toni. Daquela tamén estaba sobre a herba de Balaídos Joan Tomás que relevara a Bermejo. Pola contra, o rival comezou a acumular xogadores no ataque, o partido tornouse de ida e volta. Estaba aberto para un gol do rival ou para o terceiro do Celta. E o que pasou foi que chegou o terceiro dos vigueses. Unha contra conducida por Iago Aspas concluiu cunha serie de remates sen fin que concluiron co segundo gol da tarde para Álex López. Respiraban os celtistas, alivio para Herrera e trámite rematado. Coa festa na bancada unha xogada en tres toques entre Aspas, Joan Tomás e Orellana finalizaba cun gol para o chileno cando faltaban dez minutos para o remate do partido. O vindeiro mércores, de novo en Balaídos, o equipo ten que cumprir outro trámite necesario contra o Xerez.
FOTO: Miguel Ángel Álvarez (xentileza EIS Vigo)



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede