1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 02-06-2013 09:57

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

O 15M berra: 'Non é unha crise, é unha estafa'

Non temos medo, temos fame!" ou "a ti que estás mirando, tamén che están roubando" foron algunhas das consignas que máis se escoitaron onte nas rúas das principais cidades galegas, nas que miles de persoas celebraron o aniversario do movemento 15M coa reivindicación de cinco puntos concretos, entre os que Belén Soto, membro da organización en Compostela, destacou o dereito á vivenda e a necesidade dunha banca pública.

Coa música do cumpreanos feliz de fondo e sen descartar a posibilidade de retomar as acampadas, as manifestacións comezaron co obxectivo de volver "visibilizar" o movemento nas rúas e "recagar as pilas" para a xente das asambleas tras un ano no que "o contexto de crise é aínda peor", segundo explicaba Belén Soto. Neste sentido, a organización optou por realizar unha "sesión de microaberto e unha asamblea" tras as marchas para decidir cales serían os actos da celebración o propio día 15.

"Non é unha crise, é unha estafa" berraban os indignados no seu recorrido polas rúas cunha participación que se cifrou nunhas 4.000 persoas  na Coruña, 3.000 en Santiago ou mil en Ourense. En Vigo, varios medios de comunicación falan de que a cifra chegou a superar os 10.000 participantes.

A pesar de que se volveron repetir gritos como o xa coñecido "non hai pan para tanto chourizo", o movemento non esqueceu algúns das polémicas que se produciron nos últimos meses e que tiveron coma principal diana á Casa Real. "Borbón, cabrón, traballa de peón", "reforma laboral para a Casa Real" ou "Lei de estranxería para a Raíña Sofía". Tampouco faltaron pancartas con elefantes debuxados (en referencia ao recente accidente de caza) e no Twitter varios usuarios daban conta dunha pancarta en Madrid que afirmaba que "o rei non da golpe desde o 23F".

Tampouco se lles pasou aos manifestantes de Compostela o pouco tempo que durou Xerardo Conde Roa ao fronte da Alcaldía da cidade. "Non estamos todos, falta Conde Roa", berraron con sorna os indignados ao chegar á praza do Obradoiro en referencia ao político popular que tan en contra se manifestara das acampadas do ano pasado.

Chegados ao destino de cada cidade, a organización do movemento leu un manifesto que foi diferente para cada unha das cidades galegas. No caso de Compostela, este texto fixo referencia a cada un dos puntos que centraban a concentración e solicitaba actuacións e cambios concretos: unha democracia directa e asamblearia, unha auditoría cidadá para a xestión da débeda pública que se pague cos cartos dos capitais privados que a causaron, a condena dos recortes nos servizos públicos ou a retirada da reforma laboral.

Tamén demandaron os indignados a dación en pago retroactiva, pois segundo mantén a plataforma Stop Desfiuzamentos, cada día os bancos votan da súa casa a cinco familias galegas. Mentres, manteñenm "hai máis dun millón de vivendas baleiras en todo o territorio nacional".

Unha reforma fiscal, que mellore a redistribución da riqueza foi a última das medidas que se demandou desde a Praza do Obradoiro. "Sae a rúa! maniféstate!", pediron os organizadores ao resto da poboación. "¡Esta crise, non a pagamos", terminaron.

REDES SOCIAIS

Nas redes sociais, as manifestacións volveron ser Trending Topic de Twitter en España, ao que chegaron non un, senón dous enunciados: os dos que estaban a favor e o dos que se manifestaban en contra. Entre os primeiros destacaban os comentarios en referencia as marchas que chegaban á Praza do Sol, na que segundo os internautas se contaban "miles de miles" de persoas. 

Doutra banda quedaban os que se opoñen a este movemento baixo o hashtag #15mNoMeRepresenta no que se presentaban argumentos que ían desde que "a democracia se exerce nas urnas" ata outros máis relacionados coa imaxe de perroflautas que certos medios quixeron dar o ano pasado dos indignados. "Porque a maioría, cando os atopas pola rúas, atuomáticamente agarras ben o bolso e cambias de acera", era unha das razóns que avanzaba unha moza.

FOTOGRAFÍAS: Miles de persoas participan no aniversario do 15M en Santiago / R.C.