1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Todos os camiños levan a Catro Camiños

Era o partido da volta a Riazor despois da euforia vivida no derbi de Balaídos. Dende o marcador electrónico repetíuse varias veces o resumo do partido de Vigo e celebrouse o gol de Borja coa mesma intensidade de fai unha semana. Con todo, no prepartido houbo tamén momentos de emoción na lembranza dun dos directivos emblemáticos do lendoirismo, Lolo Montiel, falecido a pasada semana despois dunha longa enfermidade.

O Dépor saíu ao campo con determinación, encirrado se cadra pola derrota onte do Celta en Alacante. Sumar hoxe os tres puntos supuña selar practicamente o pase a primeira. O Elxe foi atrevido no seu plantexamento, coa defensa bastante lonxe da súa propia área. Pero o Dépor descoseulles a rede en dous toques de calidade. O equipo de César Ferrando deixaba recibir a Valerón e Juan Domínguez con demasiada comodidade na frontal da área e iso, disculpen os monárquicos, é pegarse un tiro no pé. Aos tres minutos o 28 do Dépor controlaba con inusitada tranquilidade na media lúa, deulle tempo a virarse e  deixarlle un balón franco a Bruno Gama, que gañou a liña de fondo e mandou un pase da morte á area pequena que resolveu con mestría Juan Carlos Valerón. Eran as 12:04 (iso si que é un gol temperán) e o Dépor xa ía por diante no marcador. Riazor relambíase pensando nunha agradable goleada matutina pero o Elxe foi máis correúdo do que se podía imaxinar. Apenas tardou  sete minutos en dar a resposta. Foi nun córner que non acertou a despexar Aranzubia ao que, a verdade sexa dita, non lle senta nada ben xogar tan cedo. A bola quedou morta e Ángel, o notabilísimo dianteiro do Elxe, talvez despois de cometer falta sobre a defensa, remataba a pracer. O partido, co empate, deixou de ter tan boa pinta. O Elxe tiña ambición, non é aventurado pensar que Ferrando estudou o partido do Córdoba en Riazor. Por momentos o Dépor foi inferior ao seu rival, se ben é certo que non había ocasións realmente claras en ningunha das dúas porterías. Valerón e Domínguez estaban inspirados polo centro, pero nas bandas botábase en falta a incisividade de Guardado e Bruno Gama.

No segundo tempo mudou radicalmente o guión. Coruñeses e alacantinos saíron o campo con actitude de emborrachémonos total que máis ten? e o partido virou unha loucura de resultado imprevisible. Porén, parece que no caos o Dépor non se manexa mal de todo. Ten demasiada calidade arriba como para non aproveitala cando comezan a aparecer os espazos. Así, no 54, unha boa xogada colectiva acabou na esquerda, nos pés de Guardado. O mexicano puxo un medido centro ao segundo pao, onde apareceu só Bruno Gama, que rematou esplédidamente coa súa zurda. A diferencia do seu compatriota Salomao, cada vez máis relegado ao ostracismo, Bruno Gama demostra ser un magnífico finalizador. Volvía poñerse por diante o Dépor e axiña Aranzubia teimou en poñerlle emoción ao partido outravolta. Pasaran apenas dous minutos do gol de Bruno Gama, cando o gardarredes rioxano do Deportivo comeuse incomprensiblemente un cándido remate de cabeza de Ángel nunha nova xogada a balón parado que rematou en gol. O Dépor volveu á carga polo 3-2. Vese que a Oltra excítanlle estes partidos aloucados. O adestrador valenciano meteu a Xisco no campo no lugar de Juan Domínguez (xa van dous partidos seguidos que retira ao canteirán no quince do segundo tempo). O Dépor volvía dominar. A diferencia do primeiro tempo, Bruno Gama e Guardado chegaban unha e outra vez con perigo. Pero Ángel, o dianteiro do Elxe, puido aproveitar unha contra para se chantar só diante de Aranzubía. Chegou a tempo Zé Castro de meter o pé, pero na xogada mancouse de gravidade. Haberá que ver o alcance da lesión porque non ten boa pinta. Entrou no seu lugar Borja, aclamado coma un heroe cando fai un par de semanas era un dos xogadores que máis indiferencia suscitaban entre os afeccionados. Ocupou o posto de central para frustración de Rochela. O Dépor tocaba con demasiada facilidade perto da área ilicitana e no 69, Bruno Gama acababa marcando dun magnífico dereitazo dende a frontal. Desta vez si que parecía o definitivo, pero o Elxe estaba rebuldeiro. Por terceira vez non tardaron nin dous minutos en rebaixar a euforia coruñesa. Edu Albacar marcou un auténtico golazo de falta directa. Desta volta non se lle puido botar a culpa a Aranzubia. Oltra quitou a Bergantiños e puxo a Salomao. O Dépor quedaba con Valerón e Guardado como insólita parella de mediocentros. O Dépor púxolle sal ao partido, foi pola vitoria mesmo expoñendo de máis atrás. Puido chegar o 4-3 nunha falta na frontal na que o Dépor sorprendeu cunha fermosa xogada ensaiada. Picou Valerón por riba da barreira e apareceu só Lassad que mandou o disparo á torre de marathon. O gol había de chegar de xeito máis prosaico, novamente a balón parado. Nunha xogada embarullada o balón quedou morto na área pequena e Colotto, ao que non se lle pode acusar de se poñer nervioso, resolveu cun acougo de primeira. Desta vez Riazor celebrou inda que coa mosca tras da orella. Quedaban dous minutos máis o desconto. Escoitábase o 'Colotto quedaté' dende a zona dos Blues. Ao Elxe non lle quedaban forzas e o partido rematou por fin co 4-3.

O Dépor xa conta cos dedos dunha man os días que lle quedan para celebrar o ascenso. A vindeira estación: Almería