1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 02-06-2013 09:57

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

"É difícil rir dunha persoa tan patética como Conde Roa"

"Os bufóns precisan dun poder forte e seguro de si mesmo para facer bos chistes, pero cando o poder é feble e patético, os políticos superan aos bufóns. Daquela hai moitos problemas porque é difícil rir dunha persoa tan patética. Máis ben dan ganas de protexelo e darlle cariño porque o tío é tan patético que eu non quero cargarmo máis". Con estas declaracións Leo Bassi respondía á pregunta de se non lle parecía difícil superar, nas súas actuacións previstas para hoxe á tarde na Facultade de Xornalismo, a rolda de prensa do alcalde Xerardo Conde Roa do pasado luns. Díxoo nunha rolda de prensa no Concello de Santiago, onde foi convidado polo grupo municipal do BNG en resposta á prohibición, por parte do Concello, da actuación prevista inicialmente o 10 de abril no Teatro Principal de Santiago.


Foi unha mañá ben senlleira na capital galega. No día en que o alcalde da cidade tiña que declarar nos xulgados de Fontiñas pola súa débeda de 291.000 euros a Facenda, o pallaso Leo Bassi daba unha conferencia de prensa no Concello de Santiago, convidado polo Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego. Certo é que non puido facelo na sala de prensa de Raxoi, como estaba previsto. A última hora, o goberno Municipal negou o acceso, polo que houbo que trasladar ao medio cento de xornalistas ás reducidas dependencias do Grupo Municipal nacionalista. Leo Bassi agradeceu a presenza masiva de medios de comunicación: "A min encántanme os xornalistas, vese que ao alcalde non tanto (en referencia á presenza de Conde Roa nas dependencias de Fontiñas dende as 9 de mañá, seica, para evitar a presenza dos medios gráficos). Debe ser porque eu pago os meus impostos, e el non". Bassi, de feito, pagara tres taxis para facilitar o acceso dos xornalistas que o desexasen ás portas dos xulgados de Fontiñas.

Pero a xornada comezara moito antes, ben cedo, ás 10:30, cando o pallaso de orixe italiana con traxe tradicional galego, acompañado por tres gaiteiros, fixo unha ofrenda a Prisciliano ás portas da cripta da catedral. Alí levou unha coroa de flores coa seguinte lenda: Prisciliano 340 d.c-385 d.c. Primeiro martirio do obscurantismo católico. "Prisciliano foi o primeiro bispo matado a traizón por outros bispos porque pedía que se puidesen ordear mulleres como curas e por facer ritos ao xeito dos druídas, e que gañou moitos adeptos en toda Europa", precisou Leo Bassi, que se recreou na historia e sostivo que talvez os restos enterrados baixo a catedral compostelana fosen os do primeiro herexe na Historia do catolicismo. "Posiblemente por outro acto do poder católico erixiuse enriba outra igrexa para facer esquecer a memoria de Prisciliano e máis tarde, por casualidade, atoparon o corpo de Santiago". E ironizou, "se o único dato que temos da tradición é que Santiago chegou nun barco de pedra, o barco había de chamase o Titanic".  

As evocacións ao alcalde da cidade foron constantes. Moitos non puideron esquecer como, o pasado 25 de xullo, Xerardo Conde Roa facía o mesmo traxecto a pé dende Raxoi ata a Catedral ataviado co traxe tradicional galego, con moita máis prestancia, todo sexa dito, do que o fixo esta mañá Leo Bassi. "É certo que o traxe me queda un pouco estreito", respostou Bassi preguntado ao respecto, " eu o que quixera pór é o traxe de Secretario Xeral das Nacións Unidas". 

Tras a ofrenda, Leo Bassi foi recibido ás portas do Concello polo concelleiro do BNG Rafa Villar, que o acompañou cara a sala de prensa de Raxoi, cuxas portas, porén, atoparon pechadas. Foi unha mágoa non poder escoitar a Bassi co chamativo fondo vermello paixón que ornamenta decote as intervencións dos concelleiros santiagueses e houbo que contentarse coas reducidas dependencias do Grupo Municipal do BNG. Alí tomou os micrófonos Rafa Villar que lamentou que "a censura parece que se está convertendo nun perigoso costume por parte deste Goberno Municipal". Leo Bassi agradeceulle ao concelleiro nacionalista o seu convite. "Eu. dígoo sinceramente, son internacionalista, non son nacionalista. Teño seis pasaportes. Pero respecto as persoas que defenden os seus valores e a súa cultura. Eu defendo a cultura dos bufóns, ti defendes a cultura das túas terras", dixo dirixíndose a Villar, "E ti, hai que dicilo, tiveches os collóns de convidarme ao concello e agradézocho dende o profundo do meu corazón". 

Na rolda de prensa, Leo Bassi, que foi introducido polo director do Festiclown Iván Prado, volveu incidir no dito durante a semana. Lamentou a prohibición á súa actuación, non tanto por ser un ataque á liberdade de expresión como por ser un ataque á liberdade de escoitar, ver, ou asistir aos espectáculos que un queira. "Cando Conde Roa di que Leo Bassi é particularmente repugnante, o que di é que o público que vai ver a Leo Bassi é repugnante. E iso un representante político non o pode dicir". Do mesmo xeito, lembrou que a súa actuación en Santiago era a taquilla e non recibía ningún tipo de subvencións. "Eu tiña unha actuación prevista para o día 10. O teatro existe, as lámpadas existen, pero ninguén utilizou o teatro ese día. Foi un desbaldimento do lugar". Contou tamén como fai dous días, ao contar o acontecido en Santiago durante unha rolda de prensa en París, os xornalistas franceses non daban crédito. "Era difícil facerlles crer a censura dun alcalde". E engadíu:  "E agora que é tan importante a opinión dos europeos sobre a situación de España podemos mesmo dicir que o acto de Conde Roa afunde aínda máis España ao facela pasar como un lugar terceiromundista".

Na quenda de preguntas dos xornalistas, Leo Bassi desexoulle ao alcalde de Santiago "que se solucionen axiña os seus problemas con Facenda, pagando o que debe, porque neste tempo hai recortes e todo o diñeiro é necesario. Eu quero que os caciques, os poderosos e os banqueiros paguen os seus impostos porque así habería que recortarlles menos aos traballadores". E engadiu: "cando todo isto estea rematado, convidareino a tomar un viño para que me mire á cara e me diga por que son repugnante. Teño curiosidade de saber por que ten esta idea. E convidaríao tamén a vir ao meu espectáculo, porque é unha constante que todos os que critican os meus espectáculos, nunca me viñeron ver actuar". 

Preguntado polas dúas funcións desta tarde na Facultade de Xornalismo, Leo Bassi confesou que no momento da rolda de prensa quen falaba era o Doutor Jekyll, pero que os seus espectáculos fainos Mister Hyde. Porén, non puido evitar que o segundo se impuxera ao primeiro cando Iván Prado lembrou que haberá prezos reducidos para parados, estudantes e militantes do Partido Popular. "É certo", dixo Bassi, "pensei en abrir o espectáculo a todos os discapacitados".

 

FOTOS: IVÁN LÓPEZ NUNO