O Obra desmonta á 'Penya' e fai historia
- Detalles
- Categoría: Primeira Plana
- Publicado o Domingo, 25 Marzo 2012 22:16
- Escrito por Manel González
Nove vitorias como nove soles converten a este equipo no mellor Obradoiro da historia do club, superando xa, cando aínda estamos na xornada 26, o anterior rexistro. Porén, máis importante aínda que este fito é que o conxunto de Moncho Fernández dá un paso de xigante na loita pola permanencia, mirando polo retrovisor a UCAM Murcia (oito vitorias) e, máis alá, a Estudiantes (sete) e Blancos de Rueda Valladolid (seis). Diante, un histórico con catro Ligas, unha Euroliga e oito Copas do Rei –entre outros moitos títulos-: o FIATC Joventut. A ‘Penya’ asistiu pampa ao recital de Stephane Lasme (26 de valoración). O gabonés fixo o que quixo cos badaloneses mentres Andrés Rodríguez manexaba os fíos e sentaba cátedra.
O encontro comezou igualado. A loita polo rebote ofensivo encarnizouse. Lasme por un lado e Latavious Williams polo outro enseñorábanse baixo os aros. O Joventut conseguiu un parcial de 0-7 que foi contrarrestado con dúas triplas de Corbacho e Washington e unha canastra de Levon Kendall para igualar o marcador ao final do primeiro cuarto (16-16).
O inicio fulgurante de David Jelinek no segundo cuarto, que chegou a situar ao seu equipo seis puntos arriba (18-24), non foi suficiente para que o conxunto de Salva Maldonado se escapara no marcador, pois de xeito case consecutivo o Obradoiro gozou de tres dous máis un que volveron equilibrar a contenda. O empuxe de Lasme obrigou a Maldonado a solicitar un tempo morto, tras do cal a ‘Penya’ volveu poñerse por diante. Washington, voando nun alley oop con Andrés Rodríguez, e Bulfoni dábanlle ao Obra unha vantaxe de tres puntos ao descanso (38-35).
Intentouno Pooh Jeter no recomezo, autor de dúas canastras seguidas, mais o balear Corbacho tiña escondido un regalo en forma de tripla para borrarlle o sorriso aos verdinegros. Lasme, Kendall e Rodríguez ampliaron a vantaxe antes de que Corbacho, outra vez dende 6’75, puxera terra de por medio. Finalizaba o cuarto 56-44 cando os visitantes pediron que se concedera canastra un lanzamento de Jelinek co tempo xa cumprido. Os árbitros corrixiron a decisión primeira do internacional Hierrezuelo de dalo por válido e o Joventut pagou o enfado cunha antideportiva sinalada a Albert Oliver.
Coa ‘Penya’ desencaixada só quedaba non relaxarse, e os de Moncho Fernández responderon con profesionalidade. Entrou Hopkins para colaborar na anotación e sentenciar o partido. Os minutos finais foron un show onde Lasme engordou as súas cifras e onde se viron xogadas para o recordo como un crossover espectacular de Washington entre un Sar que facía a onda. Moncho Fernández premiaba a Lasme e a Rodríguez substituíndoos para que recibiran a ovación da bancada. A novena vitoria xa estaba no peto (73-60). Que mellor forma de rubricar un resultado excepcional de cara a salvación que facendo historia.
Estatísticas do partido
73-Blusens Monbus: Andrés Rodríguez (4), Javier Bulfoni (4), Alberto Corbacho (10), Stephane Lasme (21), Oriol Junyent (-) -cinco inicial-, Bernard Hopkins (6), Mario Cabanas (-), Ebi Ere (4), Milt Palacio (2), Deron Washington (12), Levon Kendall (10) e Richard Nguema (-).
60- FIATC Joventut: Pooh Jeter (18), Fede Van Lacke (2), Derrick Obasohan (11), Nacho Llovet (4), Latavious Williams (10) -cinco inicial-, Jordi Trías (4), Albert Oliver (-), Henk Norel (3), David Jelinek (8) e Lubos Barton (-).
Parciais: 16-16, 22-19 18-9, 17-16.
Árbitros: Hierrezuelo, Araña e Sánchez Mohedas.
Pavillón: Multiusos Fontes do Sar. 5100 espectadores.
FOTO: Obradoiro CAB



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede