1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Desfile de estrelas en Cerceda

Nunha mañá de marzo do 2006, un autobús procedente da Mariña lucense dirixíase ao lugar da Zapateira, na Coruña. Baixo un sol de xustiza, o vehículo avanzaba pola A-6 encabezado por un letreiro que anunciaba: Selección Galega de Billarda. Nel desprazábanse homes e mulleres, vellos e nenos... Todos eles chegaban á cidade herculina con orgullo, forza, ilusión e un obxectivo común: sacar a billarda, como Xermán Viluba diría un ano despois, da angustiosa cova do esquecemento.

Aquela viaxe con motivo do I All Star deste deporte fora toda unha declaración de intencións. Sen ningún tipo de complexo, un grupo de palanadores presentárase na Coruña desafiando a lóxica dos tempos e puxera o xermolo para a creación da xa histórica Conferencia NorOeste, que este ano celebra a V edición da súa propia liga. E a propia NorOeste voltou, no día de onte, ser sede do xa clásico All Star, acontecemento clave que reúne ano tras ano os astros máis brillantes do firmamento da Liga Nacional de Billarda. A bandeira da LNB, como se dun estandarte se tratase, quedou fixada na xornada de onte na vila de Cerceda, terra de bravos palanadores. A Asociación Cultural Lucerna foi a anfitrioa e encargada da organización, e o pavillón do Piñeiro convertiuse, por un día, no epicentro mundial deste deporte.

Foguetes para dar comezo á festa

Aínda non eran as 12 cando un bo número de palanadores chegados das diferentes conferencias da LNB comezaban a prepararse para a longa xornada que estaba por vir. Durante a mañá ían ter lugar os espectaculares concursos de varados e mates, mentres que para a tarde ficaba o prato forte, a desputa do emocionante Aberto das Estrelas. Os foguetes subían desde o lugar do Piñeiro a un ceo completamente despexado, anunciando ao mundo que naquel recuncho do país case medio cento de palanadores ían loitar por escribir os seus nomes con letras de ouro na historia da LNB. Mais, sobre todo, medio cento de persoas ían facer unha demostración (unha máis) de orgullo da súa condición. Ás 12 da mañán toda Cerceda miraba ao ceo. É que, como ben sabe calquera galego, unha festa sen pólvora non é unha festa.

Varados e mates, espectáculo asegurado

O concurso de varados poñíase á andar con Carliños Gendebeat ao aparato, que ía pinchando música ao tempo que animaba ás rutilantes estrelas da LNB e participaba cando era o seu turno. Os palanadores comezaban a desfilar pola rápida pista do Piñeiro mentres visualizaban nas súas mentes o golpe máxico co que esperaban que a súa billarda saíse, como se dun foguete se tratase, dirixida ao varal situado a uns 50 metros de distancia. Tras varias rondas, cinco bravos palanadores plantábanse na final: Marcos, dos Remourelle Bulls e Geni, dos Outros (Conferencia NorLeste); Serxio, dos Xarutos (Conferencia NorOeste); José, dos Trouleiros (Conferencia Centro) e Balea, dos Bateas (Conferencia Salnés). No primeiro intento desa ronda final Marcos conseguía un novo varado, deixando claro que non viña a Cerceda de paseo; mentres que Geni, Serxio e José tentaban emulalo sen éxito. Só Balea quedaba por efectuar o seu intento, polo que o palanador dos Remourelle xa se vía co título de campión desa complicada disciplina. A presión de saber que necesitaba ese tanto para seguir en competición non afectou a Balea, que conseguía unha fermosa réplica ao varado Marcos e forzaba o desempate. Nese momento si chegaban os nervios, sobre todo para o de Remourelle, que vía como varias billardas marchaban por liña de fondo á beira do varal. Din que o que perdoa o acaba pagando, e iso foi o que pasou nesta ocasión. Tras varios intentos sen éxito por parte dun e doutro xogador, Balea conseguía acadar o ansiado varado que o facía merecedor da bandexa de orellas de porco, o premio outorgado ao vencedor nesta disciplina.

Tras este intenso concurso de varados chegaba un dos momentos máis esperados do día, o concurso de mates, un auténtico show para o que os participantes levaban semanas ensaiando en eiras, prazas e corredoiras de todo o país.  De xeito individual ou en grupo, os palanadores tiñan que combinar habilidade, destreza e espectacularidade coa intención de facer levantar das súas butacas ao público, e por suposto, ás dúas experimentadas xuíces encargadas de xulgalos. Un 10, máxima puntuación posíbel, foi outorgado a Iván, Toño e Xan; autodenominados como O trío, que coa súa combinación de pau, regate e remate conseguían facerse coa bandexa de rabos de porco baixo a aclamación popular.

O xantar, cita ineludíbel

Coa vitoria d'O Trío poñíase fin á primeira metade da xornada, e os billardeiros dirixíanse á de Primo, no centro da vila, con motivo doutro acontecemento que todos esperaban con ansia: o xantar de confraternización. Callos e ensaladilla primeiro e carne asada ou peixe despois funcionaban a modo de combustíbel para os bravos palanadores, que entre café e licor café descargaban tensión en contos e anécdotas. Se no rugbi se celebra o Terceiro Tempo, a billarda non fica atrás. A LNB é un proxecto amplo, que ten, ademais do deporte, a música, a literatura e a gastronomía como eixos fundamentais e vertebradores. Alguén pensa que se pode celebrar algo sen un bo xantar?

Durante a longa sobremesa apareceu tamén Gende, protagonista da espectacular promo do All Star realizada pola xente de Lucerna, e que ao entrar no restaurante recibiu unha grande ovación dos comensais. Houbo quen lle dixo que a súa próxima parada eran os Oscars, pero el, con grande retranca, respondeu que xa lle chegaba cun neto que levaba ese mesmo nome. Tras unha breve parada n'A Taberna, os billardeiros poñían de novo rumbo ao pavillón do Piñeiro coa intención de levar para a casa a prezada cachucha. Ese sería o trofeo a entregar ao campión ou campioa do sempre emocionante Aberto das Estrelas, que nesta ocasión contou coa participación de 42 palanadores que brillaron con luz propia.


A hora da verdade

Mentres moitos dos participantes se queixaban por teren xantado demasiado, outros ultimaban a súa táctica e decidían que conxunto de palán e billarda era máis recomendábel utilizar nesta pista tan rápida e longa. Na mente de todos estaba o ansiado premio, que significaba un auténtico recoñecemento de parte de todo o mundo da billarda.

Sobre as 17h os foguetes volvían soar. As facianas dos palanadores denotaban a concentración propia dun momento de tal importancia, que non voltará a ter lugar até marzo do ano próximo. As madeiras batían e as billardas xa zoaban con furia no ar do Piñeiro. Comezaba o aberto.

A primeira criba foi a fase de grupos, que era necesario superar para ter un billete nas eliminatorias. Geni, Daniel, Toño e Xan clasificábanse en 1ª posición, polo que pasaban directamente a 1/8 de final, mentres que os que remataban a fase entre o 2º e o 7º posto tiñan que enfrentarse nunha primeira ronda eliminatoria. Se querían marchar á casa coa cachucha debaixo do brazo, as estrelas da LNB tiñan un longo camiño por percorrer.

Os oito magníficos

Tras un grande número de carreiras cargadas de emoción, chegaban os cuartos de final. Sheila, a xovencísima palanadora do Centro, deixaba fóra a Geni, do NorLeste, quizais a xogadora máis regular do circuito; mentres que Iván se enfrentaba a Daniel noutro duelo Centro-NorLeste con idéntico resultado. Nesta ocasión, a xuventude e o atrevemento impoñíanse á experiencia. A primeira semifinal estaba definida. Na outra parte do cadro, Toño e Rubén, ambos representantes do Centro; deixaban fóra a Juan, do NorOeste, e Xan, do Salnés; dous palanadores que até aquel momento realizaran un aberto impecábel.

As últimas rondas tiña a cor dos Furabolos, o equipo de Toño e Iván, e a dos Trouleiros, de Sheila e Rubén. A Conferencia Centro demostraba o seu poderío. Nas semifinais, dúas carreiras chegáronlle a Sheila para desfacerse do seu contrincante, Iván, na pista 1; mentres que na pista 2 Toño facía o propio con Rubén. Como preámbulo á grande final, Iván e Rubén loitaban polo 3º posto, saíndo vitorioso este último.

Sheila e Toño, Toño e Sheila. Unha trouleira de só 13 anos e un furabolo de 43 desexábanse sorte mentres os seus compañeiros Rubén e Iván se retiraban da pista. Todos os ollos estaban postos nesa xoven rapaza que conseguira deixar no seu camiño a palanadores da talla de Lois Fontán, Lois González ou ao xa mencionado Iván. A pesar da súa curta idade, a presión de estar a un paso do título non puido con ela, e a Toño non lle quedou outra opción que aplaudir o efectivo xogo amosado pola súa contrincante tras ser derrotado nas dúas carreiras disputadas. Así, a palanadora do Amenal, lugar do concello do Pino, era premiada coa desexada cachucha e presentaba a súa candidatura a ser coroada tamén como Coroceira Nacional nos Play Off de Conxo, que terán lugar o 27 de maio. Onte naceu unha estrela. Esperemos que detrás dela veñan moitas máis, pequenas e grandes, e que as que xa brillan nas pistas do país non esmorezan nunca. Longa vida á billarda, longa vida á LNB!