A terceira vía do independentismo escocés
- Detalles
- Categoría: Primeira Plana
- Publicado o Martes, 06 Marzo 2012 10:41
- Escrito por Ricardo Rodríguez
Nalgún momento de 2032 o Reino Unido deixará de existir coma país. É unha idea na que acreditan a metade dos británicos, segundo unha enquisa encarregada por The Sunday Telegraph, logo de que o primeiro ministro escocés, Alex Salmond, anunciase a mediados de febreiro que o referendo para decidir se Escocia quere desvencellarse de Inglaterra, Gales e Irlanda do Norte se celebrará a finais de 2014, co gallo do 700 aniversario da batalla de Bannockburn, durante a primeira guerra de independencia escocesa. Hai, porén, outras porcentaxes ben interesantes nesa sondaxe. A que amosa, por exemplo, que hai máis ingleses (43%) ca escoceses (40%) que aprobarían a independencia de Edimburgo. Ou estoutra que equipara a porcentaxe de escoceses que avoga pola independencia coa dos que prefiren unha Escocia alicerzada nos límites do federalismo: con todas as competencias fiscais e legais para o Parlamento de Edimburgo agás política Exterior e Defensa, o nexo coa Unión polo que Escocia pagaría unha especie de canon fiscal a Inglaterra.
Tres décadas despois do rexurdimento no nacionalismo, Escocia poderá decidir nun referendo marcado para 2014 sobre o seu futuro. Alén da independencia e o status quo, Alex Salmond, o líder no Scottish National Party e mentor da consulta, pretende introducir na papeleta unha terceira escolla: unha Escocia situada nos límites do federalismo que só compartiría co Reino Unido a súa política Exterior e Defensa. É a opción máis probábel e a que David Cameron realmente máis teme.
Haberá outros inquéritos e haberá danza de porcentaxes deica 2014, pero é esta última a opción, a do ‘devolution max’, a que máis arrepía a David Cameron –quen hai unhas semanas paseaba por Edimburgo todo cheo prometéndolle aos escoceses un cheque en branco logo da consulta en troca dun esmagador non nos fuciños no nacionalismo escocés– e a que máis consola ao SNP, o partido nacionalista de Salmond, que Goberna Escocia con maioría absoluta dende 2011 e propón agora o primeiro referendo sobre a cuestión nacional escocesa en 33 anos.
A principal razón que sustenta a proposta de independencia escocesa é o petróleo do Mar do Norte. Cunhas reservas que permitirían a explotación ao longo dos vindeiros 50 anos e uns ingresos estimados nuns 15.000 millóns de euros anuais, Escocia disporía dun importante colchón financeiro para principiar o seu camiño en solitario, alén dunha posición fiscal comparativamente mellor ca do Reino Unido. Esa é a baza mái sobranceira de Salmond –autodeclarado keynessianista–, quen, durante unha conferencia pronunciada na London School of Economics hai pouco, anunciou que se a independencia é a opción escollida polos escoceses en 2014, crearía un fondo con diñeiro do petróleo de 35.000 millóns de euros, semellante ao estabelecido por Noruega en 1990 e que é hoxe o maior fondo de pensións de Europa.
O revival do nacionalismo escocés está, de feito, vencellado ao descubrimento en 1974 do petróleo no fondo mariño do Mar do Norte. O SNP orquestrou daquela a campaña ‘It´s our oil’ e colleitou o 30% do voto escocés nas eleccións británicas de outubro dese mesmo ano. A cuestión escocesa meteulle o medo no corpo a Londres. O Goberno conservador encargara a principios de 1974 ao economista e asesor ministerial Gavin MacCrone un relatorio considerado máis tarde “máximo segredo” e só desclasificado en 2005, previa petición do SNP. O inquérito tirou varias conclusións. A primeira era que o petróleo do Mar do Norte teríalle dado a unha Escocia independente unha das moedas máis fortes de Europa. A segunda aconsellaba esganar o pulo que esa coxuntura económica derivada da explotación do petróleo tería a prol do SNP. E esa foi a estratexia que tanto Harold Wilson, o primeiro ministro laborista entre 1974 e 1977, e o seu sucesor, James Callaghan, empregaron na cuestión escocesa. Westminster autorizou en 1979 a celebración dun referendo sobre a devolución dos poderes a Escocia. Porén, o Goberno laborista introduciu unha cláusula: o 40% do electorado total debería votar a favor. Un 52% dos votos emitidos foron favorábeis á devolución. Pero esa porcetanxe só acadou o 32,5% do censo total.
A encrucillada nacionalista escocesa tres décadas despois é ben diferente. Cun Parlamento en funcionamento dende 1999 e unha confortábel maioría absoluta, o SNP aspira a atraer o investimento para Escocia sen a tutela británica; a dirixir as súas propias políticas fiscais e enerxéticas; a integrarse coma estado independente dentro da UE, e a manter a libra esterlina coma moeda até que os seus cidadáns decidan se prefiren ou non o euro. Esa aposta independentista completaríase coa absorción dos reximentos escoceses que actualmente forman parte do Exército do Reino Unido e a expulsión da frota nuclear británica das bases escocesas de Faslane e Coulport. E, probabelmente, coa saída da OTAN.
Westminster achaba até hai ben pouco que o Parlamento Escocés non tiña dereito a convocar un referendo vinculante –que non o sería no Reino Unido, onde este tipo de consultas non o son de seu– porque esa competencia estaba reservada ao Parlamento británico de acordo coa Scotland Act de 1998, cando Tony Blair devolveu os actuais poderes a Edimburgo. Porén, hai unha lóxica pola que Westminster autorizará a proposta para devolverlle ese poder a Escocia e celebrar ese referendo: a de inflixirlle ao nacionalismo escocés o máximo dano posíbel. A maioría absoluta do SNP no Parlamento Escocés non se traduce necesariamente nun fervor independentista entre a poboación escocesa. Por iso Salmond pretende introducir o principio da devolution max coma terceira opción na papeleta. Todo o poder lexislativo e fiscal para Escocia agás no que atinxe a Defensa e política Exterior. Se os votantes rexeitan a independencia, poderían avogar en troques por un federalismo á beira dese límite. Salmond e o SNP evitarían así a súa derrota ao ficaren tan preto da independencia. No entanto, para os unionistas o conto sería ben diferente: veríano coma a primeira gran vitoria nacionalista en tres séculos de Unión. Eis a razón pola que Cameron defende un status quo engalanado cun cheque en branco de boas intencións tras o referendo se os escoceses se comportan como Londres espera e expresan un esmagador non á opción independentista. Por iso Cameron mudará o ‘Estatuto’ Escocés. Por iso haberá referendo. E por iso os unionistas farán previsibelmente unha campaña moi dura contra a terceira vía do independentismo escocés.
Fotografia: Scottisch National Party
Sección:
This e-mail address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede