1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 19-05-2013 19:58

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Un proxecto libre en tempos precarios

  Lanzamos o Dioivo como un medio independente no que abrir un espazo colaborativo aos profesionais do xornalismo galego nestes tempos de precariedade e paro laboral. Para iso botamos man do software libre, como unha das ferramentas máis eficaces e accesibles que a rede ofrece ao desenvolvemento de proxectos sociais.

Fiel á súa filosofía de axuntar o sinxelo e o económico coa maior eficacia posible, o Dioivo foi construído sobre Joomla, un dos sistemas de administración de contidos máis populares da rede e cun entorno de edición abondo intuitivo, que servise á nosa pequena comunidade de xornalistas e colaboradores, sen esixir grandes coñecementos técnicos. Todo o traballo de adaptación e deseño do portal foi feito de xeito voluntario por nós e na medida das nosas posibilidades, contando coa asistencia de Pancho Lapeña no deseño dos logos. Para darlle unha fasquía axeitada a un medio de comunicación escollemos un template, o pelexo do Dioivo, desenvolvido polo proxecto albanés Ice Theme, que nos forneceu o IT Newsy 3, un template para Joomla orientado a revistas e magazines, cunha estabilidade bastante satisfactoria e un prezo máis que razoable. Setenta euros abondaron para dotarnos dunha estrutura que esperemos sirva aos nosos propósitos e vos satisfaga como lectores.

Demos en denominar a esta versión o Dioivo 1.0, un bebé que precisará de todos os nosos coidados para ir medrando e aprendendo a andar con paso firme. Tal vez sufra caídas e cometa erros, pero o noso ánimo non decaerá ata facelo correr baixo a chuvia e batuxar nas charcas con toda a alegría dun pícaro da súa idade. Pregámosvos que como espectadores dos seus primeiros pasos o axudedes coa vosa comprensión e tamén coas vosas suxestións para irlle mellorando a cara e os andares.

Durante as videiras semanas iremos corrixindo e mellorando aspectos deste Dioivo que nace un 29 de Febreiro con aquela malicia de ir cumprindo un ano cada catro e ir mantendo a frescura e a mocidade a todo custo. Benvidos e benvidas por tanto e que a chuvia vos sexa propicia.