1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Feijóo 2012-2016: unha Galician Horror Story

Feijóo non ten tetas, tetas de muller, e iso, ao parecer, impídelle calibrar a importancia dunha mamografía feita a tempo. Non fala galego, non na intimidade desde logo, e polo mesmo non se importa con calquera doenza que afecte o idioma deste país. Non ten problemas de vivenda porque Monte Pío xa llo pagamos nós e ten en Vigo un bonito piso de solteiro con vistas á ría. A súa experiencia do desemprego é un tempiño que seu pai, xa xubilado e cunha pensión digna, estivo no paro cando el era un cativo. E cando ten que ir ao médico só ten que mandar chamar un amigo do Chuac, do Chus ou do Chuvi que o atenda. A vida é sinxela cando es presidente da Xunta e non tés tetas. Pero, como serán os catro anos vindeiros se o mandatario máis breve da historia da autonomía recunca, outra volta, no cargo? En Dioivo tentamos facer un exercicio de ciencia-ficción que se abeira máis ben ao guión futuro dunha Galician Horror Story. Pero aí vaí, ou como diría o propio Feijóo, violando a sintaxe do idioma que di amar, "o imos facer, o imos facer..!" (*).

1) O POWER: Os Molotov cantaban aquilo de "dame dame dame todo el power/gimme gimme gimme todo el poder...". Nada do que faga Feijóo, nunha virtual vindeira lexislatura, ha depender de si mesmo. Nin sequera a convocatoria das eleccións no 21-O responde á súa vontade. El, digámolo así, non ten o poder, así que todas as súas actuacións han vir mediatizadas polas esixencias do selecto clube PP/Rajoy/Merkel/BCE. Subidas de IVE e tipos fiscais varios, desactivación total de sectores produtivos, queda e paralización das liñas de axuda... Sen eleccións no horizonte só a crecente mobilización cidadá equilibrará uns ataques á alza que danarán, máis axiña que tarde, o propio sistema de pensións.

2) A POLO PÚBLICO!: Partindo do desempoderamento de Feijóo, agravado por unha descualificación crecente do sistema autonómico e unha regresión consciente nas súas competencias e atribucións, o que se agoira nunha vindeira lexislatura do presidente sen tetas é a decantación e radicalización da tendencia actual: a privatización do público (educación e sanidade) e regresión extrema nos dereitos laborais. A tesoura estragará aínda máis a carteira de servizos básicos e aquí acabaremos pagando por todo: mamografías, urxencias, medicamentos, tacs, ingresos hospitalarios, papel de váter e calquera extra que achegue dignidade ou benestar ao cidadán. A fronteira do escravismo -con condicións abusivas para o desempregado, proliferacións de ERES, despedimentos sen dereitos, reducción de axudas e creación nula de postos de traballo- levará a cifra do paro a límites non asumíbeis e seguramente inscribirá no timeline deste país unha nova vaga migratoria. Haberá máis peña na cola dos comedores sociais que para mercar o futuro Iphone 6, iso seguro.

3) A COARTADA DA AUSTERIDADE: Valeu até o de agora, e valerá depois, cando todo vaia a pior tras o inminente rescate ao Estado español. Universidades, institutos e colexios estarán no punto de mira. Feijóo non considera a educación pública un ben sagrado e por iso continuará coa caza e captura do docente, epítome do funcionario aproveitado e lacazán. Máis nenas e nenos nas aulas, máis horas, exaltación da precariedade e da interinidade, peores condicións e medidas que ameazarán a liberdade de cátedra... Atención preferentes aos colexios relixiosos, aos que segregan por sexo e fomentan o bilingüismo español/inglés. Canda o ensino, a Cultura. A cultura entendida como luxo das elites, e non expresión necesaria da cidadanía. Quen queira ópera que pague un voo a Madrid e vaia ao Real. O resto destinarase ao pozo sen fondo da Cidade da Cultura, que, descartada a posibilidade de Eurovegas, seguirá sen achar a fórmula máxica que a dea amortizado ou mesmo xustificado moralmente.

4) DEJEN EN PAZ A LAS FAMILIAS!: Iso é o que lles berraban aos paparazzi, nun aeroporto, Rocío Jurado e Ortega Cano e o que as familias non heteroparentais lles berrarán de aquí en diante a Feijóo e á curia. O goberno de Feijóo ergue dous únicos logros en toda a lexislatura: a fusión aínda non concretada dos concellos de Oza e Cesuras, equiparábel a outros históricos eventos de alianzas territoriais, como o da antiga Iugoslavia, e a defensa da familia tradicional católica, abenzoada pola Conferencia Episcopal Española. A penalización do aborto ou o limbo legal no que, depois de cinco anos, se mantén aínda o matrimonio civil entre persoas do mesmo sexo, nun recurso ante o Constitucional avalado persoalmente polo propio Feijóo, fan proba do modelo de convivencia que impulsará o futuro presidente, algo así como o envés mesquiño e reseso do Obama esperanzador do Yes We Can.

5) AVE CÉSAR: Se Feijóo goberna catro anos máis non daremos visto o AVE en Galicia. Tanto ten. As peaxes da AP9 seguirán a subir, salvo badalada electoral, e moverse por este país para vellos será a cada volta máis penoso. A previsión do AVE é agora o 2018. Así que a ilusión presidencial de poñerse en tres horas (o que leva chegar de Vigo a Lugo en autobús) na sede de Génova, no plató de Ana Rosa Quintana ou na casa da súa moza verase, outra volta, anubrada polo evidencia dun sistema de comunicación deficiente e en proceso de desmantelamento perpetuo. Renunciouse aos metros lixeiros nas cidades, e se cadra a principal infraestrutura nos vindeiros catro anos será o telesférico da Cidade da Cultura, se ao final llo deixan facer.

6) LO DEL GALLEGO: Nunca tan irrelevante resultou o idioma e nunca tan pouca vontade política existíu na normalización do galego. Non é que non sexa unha prioridade, é que non existe. Nin axudas á edición, nin á tradución, e axudas si aos medios de comunicación que pulan pola lingua do país (ulos?). Medra o uso ritual da lingua, litúrxico, circunscrito a festividades gastronómicas e ordes cabaleirescas de capa e espada.

7) ADEUS AUTOESTIMA: un pobo non precisa sempre dun goberno que inze o seu orgullo, pero non estaría mal, de cando en vez, unha alegría, un motivo de satisfacción. Algo polo que sentir fachenda que non foran os anuncios de Gadis nin as campañas de turismo antifeísmo. Nin en 2013, nin en 2016. Con Feijóo non haberá autoestima e si maltrato cronificado. El asina o guión, nin sequera o redacta, desta ficticia, virtual, pero moi probábel Galician Horror Story. Agora serán os votos do 21-0 os que finalmente decidirán se este país muda de xénero narrativo ou nos abonamos á traxicomedia popular.

 

Foto: Acto de presentación de Núñez Feijóo como candidato a reeditar a Galician Horror Story. Tirada da web do PPdeG.