1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 21-05-2013 15:45

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Xa vén aí o Tom de Festa

A vixésimo segunda edición do Tom de Festa, o festival de músicas do mundo organizado pola Associação Cultural e Recreativa de Tondela, ACERT, unha das asociacións culturais de referencia do país irmán, acollerá este ano, o día 28 de Xullo, a homenaxe galega a Zeca Afonso, o Terra da Fraternidade, xa celebrada en Santiago e Ourense no pasado mes de Maio, cun cartel artístico de luxo. Oficiará de anfitrión a banda A Cor da Lingua, proxecto musical impulsado desde o Trigo Limpo-Teatro Acert por José Rui Martins cun repertorio na mellor tradición musical e poética da lusofonía, e que recibirá sobre o palco as intervencións de Júlio Pereira, Vitorino, Zeca Medeiros, Uxía, Fran Pérez Narf, João Afonso, Luis Pastor, Carlos Clara Gomes, Cantos da Liberdade, Coupple Coffee, Francisco Fanhais, Lourdes Guerra, Manuel Freire, Najla Shami, New Sketch, Presença das Formigas, Sebastião Antunes, Sés & Bocixa, e as compañías teatrias Chévere e Trigo Limpo.

O festival dará inicio o día 26, quinta feira, co espectáculo teatro-musical de rúa En Viagem pela Cidade, dirixido polo Trigo Limpo, a coñecida compañía teatral tondelense con sede na Acert, coa intervención de actores e músicos voluntarios. Esa mesma noite será o grupo Karrousel o encargado de disparar a festa sobre o palco mentres nos xardíns da Acert é consumada unha das tradicións gastronómicas máis senlleiras do norte portugués: o porco ao espeto, que sen dúbida alimentará ao publico da mellor proteína para afrontar os tres días de festa.

Xa no día 27, sexta feira, o festival recibirá en xornada alargada o ben sucedido espectáculo de Luis Pastor, “Que fue de los Cantautores?”, o espectáculo cine-musical Fil´Mus, e a presenza no palco de  Sebastião Antunes e o seu carismático repertorio de música tradicional e popular.

O Tom de Festa, que durante máis de dúas décadas fíxose referencia chave no circuíto da World Music, enfronta así a súa continuidade nesta época crítica de duros recortes, que de xeito brutal se vén deixando sentir con especial incidencia no mundo cultural portugués, onde estruturas de recoñecido prestixio internacional e unha implantación comunitaria modélica, como é o caso da propia Acert, son postas en causa polas directrices políticas e económicas ditadas por gobernos e mercados. A Acert, cun percurso de trinta e seis anos na dinamización social, cultural e comunitaria do interior beirán, acode con este propósito á súa sólida rede de colaboradores en todo o mundo lusófono para dar resposta festiva e orgullosa a esta situación crítica.

O Tom de Festa é sen dúbida unha boa proposta para rematar en “alto andamento” o mes de Xullo, tres días de festa, música e teatro e longas madrugadas de celebración no entorno incomparable da Serra do Caramulo e o río Dão. Cunha oferta hostaleira, aínda por riba, máis que acaída nestes tempos de economías austeras. Veñan, descubran e gocen dun festival único.