1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 21-05-2013 15:45

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Adeus gringo vello

Era o paradigma da imaxe que México gustaría de exportar ao mundo: branquiño con rasgos marcados, guapo, pijo, educado e cunha labia exquisita para engaiolar señoras. Tamén un excelente escritor. En cada unha das súas obras foi quen de trazar a cartografía dun país que arrastra a maldición de Porfirio Díaz: «tan lonxe de deus e tan cerca de Estados Unidos». Quizabes por iso de non ser profeta na súa terra, famosas son as súas disputas con Octavo Paz e, posteriormente, có discípulo de este Enrique Krauze, quen o acusaron de seren «estranxeiro no seu propio país» e de «reclamar unhas credenciais que non ten». Chegou máis aló Krauze ao cualificalo de símbolo dun apelativo envelenado: a guerrilla dandy. Os gardiáns das esencias son sempre así. Non só pretenden dicir que batallas hai que loitar, senón como facelo. Nada máis lonxe da realidade. Precisamente pola súa forma de ver o mundo, desde fóra cara dentro e desde dentro cara fóra, foi Carlos Fuentes un dos máis universais, cando non o máis mexicano de todos os intelectuais daquel país. 

Carlos Fuentes (Panamá, 1928) morreu onte nun hospital do DF. aos 83 anos. O seu pasamento colleu de sorpresa a propios e estraños. Non hai pouco, el mesmo nunha entrevista a un medio español falaba dos seus futuros proxectos, entre eles unha novela de próxima aparición que agora virá coa etiqueta de póstuma para maior gloria dos seus lectores e, especialmente, da súa editorial. 

Con Fuentes marcha un expoñente do escritor total. Coma Jorge Luís Borges, Fuentes non soubo ou non quixo facer outra cousa na vida que escribir. Axudou ara cumprir o seu destino manifesto que nacera nunha familia con posibilidades, cun pai diplomático que lle permitiu viaxar e ter unha educación multidisciplinar e multicultural que sería envexa de calquera. Falaba varias linguas e vivía a cabalo de México DF., Londres e Nova York. Graduouse en Dereito na Universidade Nacional Autónoma de México e no Instituto de Altos Estudios Internacionais de Xenebra. Deixa unha bibliografía inmensa que abarca ensaio, teatro, conto e guión cinematográfico ―o cinema foi a súa outra gran paixon colaborando con xente coma Luís Buñuel, entre outros―, ademais de vinte e tres novelas. En vida recibiu case todos os premios literarios agás o Nobel―din que pesou a súa polémica con Paz―, incluído o Cervantes en 1987. 

Como intelectual foi un todo terreo, sempre atento ao devir político e practicándoa. Ocupou a Embaixada de México en Francia de 1972 a 1976, momento no que abriu as súas portas aos refuxiados políticos latinoamericanos e á disidencia española.

Se por algo será recordado será pola súa condición de membro dese selecto grupo de escritores encaixados no chamado Boom Latinoamericano, unha etiqueta comercial coma outra calquera saída da factoría Barral e que axudou a tender as pontes entre o universo de escritores e lectores que compartía unha lingua común: o castelán en calquera das súas variantes. A salvagardar a lingua adicou gran parte da súa vida pois como el mesmo chegou a sinalar estivo a piques de perder «cada vinte e catro horas».  «O idioma quería dicir para min nacionalidade: era un conxunto opresivo de significados suxeitos sempre a loita, a reconquista», apuntou.

Porén é no campo da renovación literaria onde a súa impronta deixa unha maior pegada. A novela, paradigma da modernidade, é para Fuentes un artefacto total onde linguaxe e estrutura deben transformarse en mito para dar cabida a calquera condicionante da existencia. A política, por suposto, pero tamén a busca dese santo graal que é a identidade. Que é o ser mexicano? Que é o ser Latinoamericano? Son dúas das preguntas que impregnan cada unha das súas obras, unha busca eterna a prol de respostas nunca ben definidas. «O que un escritor pode facer politicamente ―sinalou nun ensaio de 1972―, debe facelo tamén coma cidadán. Nun país como o noso, o escritor, o intelectual, non pode ser alleo á loita pola transformación política que, en última instancia, supón tamén unha transformación cultural». 

Como todos os escritores do Boom ―Vargas Llosa, Cortázar, Donoso e García Márquez, como figuras máis sinaladas―, sentiuse atraído polos cantos de serena da Revolución cubana de 1959. O que un día os xuntou, pronto Fidel Castro acabaría por separar. Salvo Gabo e Cortázar, fieis até o final, o resto déronlle as costas a unha revolución que xa a finais dos setenta ameazaba por converterse en Castrismo a secas. Iso non impediu que os lazos se mantiveran funcionando Fuentes, en moitos casos, como correa de transmisión entre os vellos camaradas. Non é casualidade que a Fuentes e á súa xenerosidade lle debamos boa parte das páxinas de Cien años de soledad posto que para escribila, García Márquez, tiña que comer e durmir nalgures. E aí estaba a casa e o peto de Fuentes. O mesmo pasou con parte da obra de Donoso, El oscuro pájaro de la noche. E tamén con outros moitos escritores que petaron na súa porta na busca dun camiño no mundo literario nas últimas décadas.

A ruptura coa aventura cubana, a diferenza de Vargas Llosa, non significou que abxurara da súa maneira de entender a esquerda, ilustrada, respectuosa pero sempre do lado da liberdade e da democracia. «A única liberdade que existe é o camiño da súa busca», dicía. En 1983 nun discurso de graduación en Harvard, Fuentes, chegou a amoestar aos Estados Unidos pola súa «diplomacia brutal». Diante del, sentado en primeira fila entre as autoridades estaba o secretario de Defensa de Ronald Reagan, Caspar Weinberger. «Vostedes deben amosar a súa humanidade e a súa intelixencia nesta casa que compartimos, o noso hemisferio», espetou Fuentes no seu discurso, «ou en ningures serán democraticamente cribles». Nese momento, EEUU libraba a súa guerra sucia en Centroamérica, especialmente contra os Sandinistas nicaragüenses. 

A folla de ruta da súa literatura pode rastrexarse desde a súa primeira novela La región más transparente (1958), onde o retrato de Cidade de México nos anos 50 do século pasado resulta tan caótico desde un punto de vista estilístico como o seu reflexo real. Un estertor do que puido ser e non foi coa Revolución Mexicana (1910-1917) como pano de fondo. A Revolución, sempre a Revolución. Personaxe central en moitas das súas obras será en La muerte de Artemio Cruz (1962), cando Fuentes trate de axustar contas co gran mito fundacional de toda unha nación. Artemio Cruz, no leito de morte, repasa a súa vida, os seus triunfos e fracasos, máis sobro de todo pon en evidencia o que poucos, naquel momento, se atrevían a cuestionar: o propio senso revolucionario. A obra é un torrente, non só pola forma elixida, un monólogo interior que flúe dun xeito en ocasións violento, senón porque pon ao lector diante das grandes contradicións da natureza humana e dispara unha pregunta sen resposta que, como un mantra, aínda soporta o México actual: estaba corrompida a Revolución desde o seu propio seno, ou fomos nós quen acabaron por traizoar os seus ideais? Artemio Cruz é un paso indispensable para todo aquel que queira achegarse a comprender a complexidade do México actual. Unha obra imperecedoira en todos os sensos. 

Se os escritores do Boom foron os primeiros en tratar de matar ao pai rachando, supostamente, coa xeración inmediatamente anterior (Borges, Gallegos, Carpentier, Asturias...), Carlos Fuentes foi un dos abandeirados. Nun dos seus ensaios máis lúcidos, La nueva novela Latinoamericana (1969) marca o mapa de ruta para unha renovación da novelística hispanoamericana onde o primeiro que hai que facer é rachar co realismo, especialmente aquel realismo socialista apegado á nación: a chamada Novela da Terra que practicaron moitos dos escritores anteriores buscando nas páxinas das súas obras unha xustificación para a recén emprendida aventura nacional. Esta ruptura, co paso dos anos, devén máis simbólica ―formalista―, que real pois nas novelas do Boom, e nas de Carlos Fuentes en particular, cambian os medios, pero a fin segue a ser a mesma: a idea dunha nación, si, pero unha nación que racha fronteiras cartográficas na que artellar a orixe da existencia. 

No seu camiño innovador na busca das orixes cómpre destacar obras como Terra Nostra (1975), Gringo viejo (1985, levada ao cine con Jane Fonda e Gregory Peck nos papeis estelares), Cristobal Nonato (1987) ou Adán en Edén (2009). Pero sobre todo Cambio de Piel. Aparecida en 1967, galardoada co Premio Biblioteca Breve e prohibida pola censura franquista baixo a acusación de ser unha obra «pornográfica, comunista, anti-cristiana, anti-xermana e pro-xudía» é unha especie de road movie lisérxica onde catro mozos, dous homes e dúas mulleres inician unha peregrinación de México DF. a Veracruz en plena Semana Santa. A viaxe convértese nunha baixada aos infernos poboados polos mitos mexicanos, que quedan esnaquizados para chegar á conclusión de que, arestora, xa non é posible falar de esencias. A mestura é Hispanoamérica: todo mexicano, senón todo latinoamericano é fillo da Malinche. Máis nada, e comprender esa idea, mudar a pel é a fin de toda busca. Novela complicada onde as haxa, hoxe pode parecer un tanto pretensiosa, máis no seu día supuxo un punto e aparte na narrativa do outro lado do Atlántico. Todo lector que se achegara ás súas páxinas puido comprobar en carne propia a súa dificultade formal e intelectual.  

Ler hoxe as obras de Carlos Fuentes supón unha viaxe antropolóxica pero, sobor de todo e á vista do que acontece, é a constatación de que para isto fixemos unha revolución. Ese pode que sexa un dos seu maiores legados.

 

FOTO: MDC Archives