1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Adeus a Maurice Sendak, o pai dos monstros infantís

Maurice Sendak nacera en Brooklyn o 10 de xuño de 1928. Era fillo dunha familia de emigrantes xudeus polacos, un cativo que fascinado pola  película Fantasía de Walt Disney decidíu facerse ilustrador. Estudou pintura e debuxo na Arts Students League de Nova York, traballando depois como ilustrador para All America Comics, e desde 1951 para a editorial Harper and Brothers. A súa consagración como debuxante e autor literario chegaríalle en 1963 co que internacionalmente é o seu libro máis lido, vendido, traducido e adaptado: Where the wild things are, en galego Onde viven os monstros (Kalandraka). Un relato dunha gran riqueza visual e narrativa que rachou algunhas convencións sobre o libro infantil, naquela altura, e na maneira de concibilo, tanto formal como literariamente.

Onde viven os monstros é a historia de Max, un pequeno que, castigado sen cear, emprende desde o seu cuarto unha viaxe alucinante só coa forza da súa imaxinación. Nese país de monstros ao que chega deberá afrontar os seus medos e inseguridades, no medio de reflexións sobre a liberdade, os desexos, os soños prohibidos e os pesadelos. Max convive cos monstros, supera os seus medos e logra facerse o seu rei, regresando logo á realidade onde o agarda a súa cea morna.

Segundo a nota de edición da editorial Kalandraka, que publicou en galego en tradución de Xosé Manuel González esta obra capital da literatura contemporánea, é "un exemplo de álbum ilustrado pola súa perfecta conxunción entre palabra e imaxe; unha historia poética e sinxela, contada con humor, total economía expresiva e absoluta harmonía entre texto e imaxe. Todo se conxuga neste libro, pensado artisticamente ata no máis mínimo detalle: o xogo coa diagramación, o formato, a atmosfera case máxica que destila cada páxina, a tensión argumental e a combinación de palabras, sons e repeticións. Así, o tamaño das ilustracións vai ‘in crescendo’ a medida que o protagonista se adentra no mundo onírico; as ilustracións ocuparán a totalidade da páxina cando a historia acade o seu clímax e irán diminuindo en envergadura cando Max vai voltando ao plano da realidade".

A autonomía que Sendak lle concede a Max foi unha das máis singulares achegas deste autor ao relato infantil, un autor máis querido polos cativos que polos pais que, alá a mediados dos sesenta, consideraban mesmo unha ameaza a fasquía escura, arriscada e independente dos seus textos. De feito segundo a American Library Association, A cociña da noite, outro dos seus libros, foi censurado frecuencia por certas connotacións eróticas -nus infantís- que moitos pais e nais fóbicos quixeron advertir nesa obra. A súa teima por amosar o lado escuro da psique humana, a incorrección política, a viveza das súas imaxes e relatos e o falarlle aos leitores pequenos con especial respeito valeulle a Sendak, con todo, o aprezo de xeracións e xeracións de nenos e premios destacados como o Hans Christian Andersen de ilustración, en 1970, e o premio Memorial Astrid Lindgren en 2003.

A Sendak nunca lle importou transgredir as normas, e por iso, as heroínas e heroes dos seus libros non son arquetípicos e presentan decote protagonistas teimudos, maleducados ou desagradábeis. Con todo, logrou darlle forma á fantasía de millóns de nenos ao longo de case medio século, xa fora na versión orixinal dese libro de referencia, xa fora na teatral ou cinematográfica, dirixida en 2010 por Spike Jonze.

Nunha entrevista conThe New York Times en septiembre de 2008, Sendak revelou a súa homosexualidade. O escritor viviu co seu namorado, o psicoanalista Eugene Glynn, durante case cincuenta anos, até o falecemento de Glinn en maio de 2007. Sendak sobreviviríalle cinco anos.

Bumble-Ardy, publicado en setembro de 2011, foi o seu derradeiro libro, e o primeiro que escribía e ilustraba en tres décadas. Agardábase que en febreiro de 2013 chegase ás librarías My Brother`s Book (O libro do meu irmán), unha homenaxe ilustrada a Sendak do seu irmán Jack.

 FOTO: gothamist.com