1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 18-05-2013 10:33

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

O rueiro compostelán cambia de aires

 Que teñen en común o expresidente do Goberno, José María Aznar, o fundador do Castromil e a tuna universitaria? Hai preto dunha semana, o Concello de Santiago encargábase de despexar esta incógnita: estes e ata outros 50 nomes engrosan a listaxe de propostas para bautizar as novas rúas da capital galega. Este amplo catálogo aprobado no pleno municipal cos votos a favor do PP e do PSOE e a negativa do BNG servirá para encher o rueiro da cidade de referencias a diferentes entidades, empresarios locais, deportistas e sobre todo políticos. Neste ámbito, destaca a mención a tódolos presidentes que pasaron pola Xunta e o Estado. Todos, agás o expresidente do Goberno, Jose Luís Rodríguez Zapatero. A súa exclusión da listaxe xerou todo tipo de suspicacias e incluso se chegou a aventurar que a razón da súa omisión estivo no insistente reproche por parte do Goberno autonómico de non ter asistido a Galicia durante os actos do pasado ano Xacobeo. Dende o consistorio compostelán aclaran que a ausencia do mandatario socialista ten a súa orixe no feito de que esta relación de nomes foi unha proposta que arrancou no anterior mandato. Nese momento, Zapatero aínda estaba a fronte do Goberno central e polo tanto non entraba na listaxe de expresidentes. “Limitámonos a recuperar unha proposición de nomes que o PP de Santiago elaborou cando estaba na oposición. Incluímos aquelas persoas ou entidades que críamos que merecen ter un recoñecemento na cidade”, sinalan. Malia todo, no concello explican que o inventario de nomes sempre estivo “aberto a modificacións e suxerencias” por parte dos grupos municipais, e que no caso do PSdeG non se manifestou “en ningún momento” interese por incorporar a Rodríguez Zapatero ao catálogo.

Non foi este o caso da rúa adicada ao xornal El Correo Gallego, que non figuraba na proposta inicial pero foi incluída a última hora trala petición expresa da voceira popular Paula Prado. Con estas máis de 50 propostas, o Goberno local agarda cubrir tódalas rúas sen nome que hai actualmente na cidade e que sobre todo se atopan nas zonas de nova edificación e os novos polígonos residenciais. Sen embargo, a aprobación da listaxe supón só un “primeiro paso” xa que á asignación concreta das denominacións de cada rúa terá que pasar novamente polo pleno municipal.

SÓ TRES REFERENCIAS FEMININAS

Chama a atención pola súa ausencia o escaso número de referencias femininas que incorpora o inventario, unha carencia que o concello asegura “non foi premeditada”. Deste xeito, só a escritora Elena Quiroga de Abarca, a Compañía das fillas da caridade (xestoras da cociña económica) e as dúas Marías terán a súa placa na capital galega. Máis relevancia ten o colectivo eclesiástico que aporta a presencia do papa Benedicto XVI, o presidente da Conferencia Episcopal, Antonio María Rouco Varela e o arcebispo de Santiago, Angel Suquía Goicoechea.

FOTOGRAFÍA: Iván López