As Fragas do Eume: a perda de algo máis que un bosque
- Detalles
- Categoría: Ambiente
- Publicado o Luns, 02 Abril 2012 11:30
- Escrito por Rebeca Hermo
Non se trata dun bosque máis, nin sequera dun parque natural ou dunha zona protexida. Non falamos dunha paisaxe senlleira, dunha reserva botánica ou dun reduto virxe. O que estes días se converte en fume e cinza na comarca do Eume é o último bosque atlántico galego: un patrimonio natural único que os intereses económicos, o desleixo político e a falta de conciencia están decididos a eliminar.
A idílica imaxe da Galicia verde é en realidade un monocultivo continuo onde a biodiversidade non ten cabida. Co país reducido a unha sucesiva plantación de árbores, as Fragas do Eume eríxense aínda hoxe como o último gran reduto duns ecosistemas vitais para a vida: o bosque atlántico, do que apenas sobrevive un 1%. Nos primeiros trinta quilómetros de costa, as fragas persisten de forma testemuñal, aglutinadas en manchas moi pequenas e sen conexión entre si, unha situación provocada por unha visión produtivista do monte, a presión humana e urbanística e unha crecente desprotección dos ecosistemas.
No medio deste panorama desolador, as 9.125 hectáreas que compoñen unha zona declarada Parque Natural en 1997 non só albergan a última gran masa forestal autóctona e centenaria, senón unha rica vexetación como violetas azuis, narcisos ou anémonas e ata 15 especies diferentes de anfibios, 14 de réptiles, 8 de peixes, uns corenta mamíferos e unha longa lista de aves.
O EUCALIPTO FÍXOSE CO 20% DO PARQUE EN 50 ANOS
O lume que aínda persiste a estas horas -que xa arrasou unhas 1.000 hectáreas segundo a consellería de Medio Rural aínda que podería duplicarse se atendemos a testemuñas sobre o terreo- é a “puntilla” para un ecosistema que nos últimos anos viu como se multiplicaban as ameazas. Á autorización dunha mina de andalucita á firma Picobello Andalucita S.L. ás portas do parque, sumouse unha progresiva e máis que preocupante eucaliptización da zona. Segundo constatou un equipo de investigación da Universidade Rey Juan Carlos, os carballos, castiñeiros, ameneiros e abeleiros que conforman as Fragas do Eume van camiño da extinción pola introdución desta especie foránea, que chegou a ocupar uns 48 quilómetros de bosque de ribeira e máis de 650 hectáreas de frondosas, provocando unha regresión do 20% no seu bosque autóctono en 50 anos.
Unha reforestación que unida á seca desta inverno, o forte vento do nordés rexistrado esta fin de semana, a intencionalidade e graves causas estruturais como unha feble política de conservación ou posibles erros de estratexia forestal provoca que Galicia viva, dez anos despois do Prestige, unha catástrofe ecolóxica sen igual.
FOTO: Incendio nas Fragas do Eume na zona da Capela. Autor: Iván López Nuno



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede