1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 02-06-2013 09:57

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

A loitar polo camiño das peixeiras para cruzar Monte Pindo

O afouto diario dixital da Costa da Morte, Que pasa na costa?, infórmanos de novas accións veciñais de “recuperación do patrimonio etnográfico do Olimpo Celta de Otero Pedraio”. 

A Asociación Monte Pindo Parque Natural abríu o domingo o seu programa de accións de voluntariado para o ano 2012 coa recuperación do Camiño das Peixeiras e as súas tres variantes, que parte desde a ponte sobre o río Xallas e chega até a aldea do Fieiro, rodeando o Penafiel.

Tal como explican en Que pasa na costa?, “era usado sobre todo polas veciñas as peixeiras do Pindo, e como non, polas xentes do Fieiro e arredores para vender pola costa ou para viaxar a Cee, unha vez cruzado na barca antes de facerse a ponte que une O Pindo e o Ézaro”. Así llelo relatou Joaquín Pais, “un dos valedores da recuperación da ruta, que xa leva catro domingos rubindo o monte para limpar o camiño”.

Cóntannos desde a asociación que ten a peculiaridade de ser un dos tradicionais enlaces entre as diferentes aldeas do Concello de Carnota e o Ézaro ou con destino a Cee e Corcubión. Era daquela o Monte Pindo de paso obrigado para os intercambios comerciais cando a actual ponte nin sequera existía, senón que no remate do vieiro agardaba un barqueiro que unía ambas marxes do río a cambio dunha módica suma monetaria ou en especie.

"Desde a construción da ponte a mediados do século XX o roteiro das peixeiras caeu no completo abandono, o que rematou por pechar e sumir no esquecemento un dos camiños máis emblemáticos do Monte Pindo e da idiosincrasia das poboacións da súa contorna". “Agardamos que coa axuda de todos e todas o camiño volverá pronto á vida, con esta acción de voluntariado impulsada polos veciños e socios Pepe do Fierro e Joaquín Pais, e co apoio da Asociación Monte Pindo Parque Natural, desde onde facemos un chamamento a todos os amantes do Monte para que se impliquen na recuperación daquelo que nos fai ser o que somos”, escriben.

Joaquín, din, tirou dos pesos pesados da vila para coñecer a ruta. Quen mellor que Pepe do Fieiro (na foto) para lembrar por onde subían as peixeiras. Este home sabe de todo e xa foi protagonista dunha documental da Produtora Faro sobre as covas dos agochados no franquismo, que tamén estamos recuperando dende esta casa.

Pepe –escriben no xornal da Costa da Morte- é do lugar do Fieiro, no Concello de Mazaricos, na entrada pola parte traseira do monte, e ademais está casado no Ézaro. “De rapaz”, cóntalles Joaquín, “tanto el como o seu pai tiveron cabras no monte e coñece cada pedra polo seu nome. E que vou dicir das anécdotas que vai contando… Hai pouco precisamente falamos de cando as mulleres do Pindo viñan cargadas cas súas caixas de sardiñas á cabeza, subindo por unha laxe empinada que el lle chama laxe Miravel, e que as xentes do Pindo lle chamaban laxe dos cabalos. Dicía el que cando subían cargadas e baixaban cargadas era boa sinal pois aparte das sardiñas que poideran vender algunhas trocavánas por ovos por millo ou por patacas”, explícalles Joaquín sobre o saber de Pepe.

Parabéns a todos.