Continúan os peches en institutos públicos contra os recortes
- Detalles
- Categoría: Educación
- Publicado o Martes, 22 May 2012 12:58
- Escrito por Miriam Vázquez Fraga
Arredor de duascentas persoas –entre alumnos, profesores, pais e demais membros da comunidade educativa- pasaron a noite do luns ao martes pechados no interior do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo. Trátase dun encerro que se prolongou desde as 16.00 horas de onte ata as nove desta mañá, e que se enmarca nunha serie de accións convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público contra os recortes en materia educativa. Este organismo –conformado por BNG, CIG-Ensino, AS-PG, Comités, Liga Estudantil, Galiza Nova e varias asociacións de nais e pais- deseñou un calendario de encerros para esta segunda quincena de maio, que comezou no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Seguíronlle institutos de Ferrol e Verín, e nos próximos días será a quenda de centros situados nas localidades de Pontevedra, Lugo, Burela, Bueu, A Guarda, Carballo e Ourense. A cita de hoxe é no IES Menéndez Pidal da Coruña.
A Plataforma pretende denunciar deste xeito que os recortes “atacan gravemente á calidade do ensino público e ao dereito de igualdade de oportunidades do alumnado”. Consideran, así mesmo, que dará lugar a un incremento do fracaso escolar, ao tempo que provocará que uns 2.000 docentes perdan os seus postos de traballo.
A fin última é evitar que o goberno galego presidido por Núñez Feijoo aplique o Real Decreto Lei 14/2012 do executivo central, que supón, indican, “unha invasión de competencias” da Xunta.
Velorio polo ensino público
A Plataforma en Defensa do Ensino Público –da que forman parte CCOO, Confapa, Iesga, o Sindicato de Estudantes, o CSI-F, Escola Viva e FETE-UGT- convocou onte ás once da noite un “velorio polo ensino público” enfronte do MARCO (Museo de Arte Contemporánea) de Vigo, na rúa do Príncipe.
Actos similares a este realizáronse tamén na Coruña, neste caso no aparcadoiro do centro cultural Normal -antigo Maxisterio-; no Campus Vida de Santiago de Compostela; na subdelegación do Goberno en Lugo e mais na pontevedresa Praza da Ferrería. Os participantes, de loito rigoroso, concentráronse tamén como protesta polos recortes que, explican, supoñen a “morte” do ensino público.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede