1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

''¡O subidón, que o paguen os Borbóns!''

Queremos estudar, e non emigrar!”, “que pague o subidón Casares Long” ou “Feijóo, escoita, o ensino está en loita”. Con estes gritos de protesta, un cento de estudantes da Universidade de Santiago concentráronse esta mañá  fronte a reitoría da USC para mostrar o seu rexeitamento aos 3.000 millóns de recortes no sistema educativo que supoñen unha suba das taxas para os universitarios do 66%.

Esta primeira acción de protesta, convocada polos Comités, coincidía coa reunión do Consello de Goberno da Universidade, na que un dos puntos do día era o debate sobre a suba das taxas. Mentres, na praza do Obradoiro, os representantes desta organización estudantil xunto cun cento de alumnos e membros de Galiza Nova, gritaban para que a USC non aplique o decreto de recortes do Executivo de Mariano Rajoy.

“Estamos a pagar por unha crise que non provocou o estudantado”, explicaba Inma García Escudero, representante dos Comités no campus de Compostela. Deste xeito explicaba que a suba “inxustificada” dun 66% dos prezos da matrícula suporán un incremento duns 540 euros por ano, o que segundo esta organización, podería “limitar o acceso a un dereito básico como é o ensino universitario”.

Non obstante, desde os Comités falan desta concentración coma unha acción “preparatoria” para a folga que xa convocaron xunto coa organización Galiza Nova para o próximo 10 de maio. “Estamos ante a maior suba das taxas da historia”, explican na súa web.  “É unha agresión sen precedentes ao carácter público e universal do ensino”. 

MOVILIZACIÓNS CONTRA OS RECORTES

Esta non é só a primeira das movilizacións que se producen en Galicia contra a suba das taxas universitarias, senón que é o inicio dunha serie de accións de protesta contras as políticas de recortes dos dereitos sociais que está levando acabo o Goberno central. 

A esta seguirán as manifestacións que sairán de todas as cidades galegas o próximo un de maio, para celebrar o Día Internacional da Clase Traballadora, e que terán coma telón de fondo a reforma laboral e as demais políticas económicas do Partido Popular.

Os estudantes volverán as protestas o dez de maio. As asociacións do alumnado Liga Estudantil Galega, Sindicato de Estudantes ou os Comités, xunto con outras organizacións coma Galiza Nova convocan para ese día unha gran folga no ensino que busca mostrar o total rexeitamento aos 3.000 millóns de recortes no sistema educativo.

Mentres, a sección galega da Plataforma pola Sanidade Pública realizará accións informativas e de protesta sobre a reforma sanitaria durante todo o mes de maio. “Pretenden pasar dun modelo gratuíto e universal a outro privatizado”, explica o portavoz da organización Manuel Martín. “É un sistema cruel no que os recortes os van a pagar os pensionistas, os mozos e os que menos teñen”.  As accións deste colectivo tampouco quedan aí, e prometen unha “grande movilización” polas rúas de Compostela para o próximo 3 de xuño.

A falta de que os sindicatos CCOO e UGT leven a cabo a súa ameaza de convocar novas folgas a partir do 1 de maio, a CIG xa propuxo un novo paro da actividade na primeira semana de xuño. Neste sentido, a Executiva Confederal da CIG avanzou que  “ou continuamos con esta resposta social ou non temos saída ningunha”.

FOTOGRAFÍA: Os estudantes protestan contra a suba de taxas