1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

25 de xullo alén dos políticos e na procura dunha Cooperativa integral galega

Compostela acollerá este 25 de xullo unha reunión, aberta a calquera persoa que participe ou queira participar en proxectos de autoxestión, para abordar a posiblidade de crear unha cooperativa integral galega que cubra todos os ámbitos da vida e conforme unha alternativa organizativa ó actual modelo de sociedade capitalista. A cita será no Centro Social Gentalha do Pichel, a partir das 17:30 horas. Os convocantes son un grupo de persoas ligadas a proxectos sociais existentes en todo o país e activistas, entre os que están, por exemplo, o recoñecido activista a prol do decrecemento Carlos Taibo.

Persoas procedentes de diversas iniciativas sociais galegas, entre elas xente dos centros sociais (CS Mádia Leva!, CS A Revolta, CS Sem um Cam), do Sindicato Labrego Galego, de proxectos educativos (Associaçom Galega de Maes e Pais Agarimar, Escola Popular Galega), de meios de comunicación comunitários, de grupos de montañismo (AMAL), da edición alternativa (Estaleiro Editora), de cooperativas (Acolá S. Coop. Galega ou Hábitat Social Coop. Galega), ou activistas polo decrecemento (como o colectivo Véspera de Nada ou o profesor Carlos Taibo), escolleron o dia 25 de xullo, polo seu simbolismo, para convocar esta asemblea da que podería nacer en Galiza un proxecto de cooperativo integral semellante ós que xa existen noutros lugares do Estado español como pode ser a Cooperativa Integral Catalá.

O obxetivo desta reunión é promover o diálogo entre a gran cantidade de iniciativas sociais que xurdiron nos últimos anos en Galiza e que teñen en común a vontade de autoxestión de todas as facetas da vida, desde unha alimentación local e ecolóxica, ata escolas populares, comedores, centros sociais, colectividades rurais, grupos de consumo, redes de cambio e bancos de tempo, hortas comunitarias, redes de intercambio de sementes, etc.

Os convocantes consideran que o colapso da economia capitalista, incapaz de sosterse en pé a pesar de deborar os recursos naturais do planeta, fai necesaria un cambio de rumbo que supere o consumismo e a guerra de todos contra todos e contra a natureza. Neste sentido, os convocantes consideran que a saída pasa por construir unha nova forma de vida baseada na axuda mútua e no respecto á contorna. Comprobado que non se pode contar con que o Estado nin o Capital axuden nesta transformación social, o grupo promotor cre que chegou a hora de apostar porque sexa o pobo, directamente e dende abaixo, o que tome o destino pola súas mans.

A asemblea do 25 de xullo nom será unha cita para tomar decisións, senón unha reunión para conversar, preguntar e compartir ideas entre os asistentes. Por iso, non haberá ningunha premisa nin orde do día, co obxectivo de lograr que a reunión sexa plenamente aberta e libre. Se na asemblea se deixa notar vontade real de apostar polo cooperativismo integral galego, será o momento de crear grupos de traballo que vaian preparando unha xuntanza posterior na que se constitúa realmente a cooperativa integral galega.

Lista de persoas convocantes da Asemblea:

  • Carlos Taibo, profesor e activista social.
  • Ugio Caamanho, do Centro Social A Revolta de Vigo
  • Olalha Couso, do Sindicato Labrego Galego
  • Paulo Tobio, da Associaçom Galega de Maes e Pais Agarimar
  • Paz Romai, de Acolá S. Coop. Galega
  • Antón Gómez-Reino Varela, de Hábitat Social Coop. Galega
  • Júlio Saiáns, da Agrupaçom de Montanha Augas Limpas
  • Olga Romasanta, do Centro Social Mádia Leva! de Lugo
  • Marcos Abalde, de Estaleiro Editora
  • Miguel Garcia, do Centro Social Sem um Cam de Ourense
  • Carlos C. Varela, do xornal dixital galizalivre.org
  • Manuel Casal Lodeiro, de Véspera de Nada
  • Brais Zas, da Revoldaina Cultural da Beira de Bergantinhos
  • Júlio Teixeiro, da Escola Popular Galega