O rural galego plántalle cara a Educación: ''Non somos ovellas''
- Detalles
- Categoría: Nacional
- Publicado o Luns, 18 Xuño 2012 14:30
- Escrito por Rosabel Candal
O rural galego está disposto a plantarlle cara ás intencións da Xunta de acometer recortes no sistema educativo público. A ANPA ‘O Carballo’ do CEIP Pena Corneira, de Carballeda de Avia, convocou para este mércores unha mobilización contra o plan da Consellería da Educación de reducir á metade o cadro de profesores. Acudirán disfrazados de rabaño para advertir que os nenos non son ovellas ó mandato das políticas económicas de Feijóo, que fan perigar o futuro dos colexios situados nas zonas máis despoboadas do país.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria planea para o próximo curso reducir á metade o cadro de profesores que actualmente imparten clase no Colexio de Educación Infantil e Primaria CEIP Pena Corneira, de Carballeda de Avia (Ourense). Así o denuncia a Asociación de Nais de Pais de Alumnos (ANPA “O Carballo”) do Colexio, que convocou para este próximo mércores, 20 de xuño, unha protesta ante o inminente recorte.
A ANPA asegura que un inspector de Educación visitou o xoves pasado o Centro, comunicando que dos 7 profesores que actualmente dan clase no CEIP Pena Corneira se recortarán 3, co que o Colexio quedará, o próximo curso, con só 4 mestres para os 50 nenos matriculados en Infantil e Primaria nese Centro.
Desde a ANPA denuncian que se trata dun “recorte” en toda regla, acorde coas políticas anunciadas pola Xunta de Galicia especialmente para os centros educativos da provincia de Ourense, que repercutirá negativamente na calidade da ensinanza impartida ós alumnos desta zona e podería levar, no futuro, ó peche do centro.
Tras a visita do xoves pasado do inspector de Educación, a ANPA celebrou ó día seguinte, o venres, unha asamblea de urxencia, na que decidiu organizar unha serie de mobilizacións e actuacións de protesta inmediatas, posto que o curso escolar remata esta mesma semana.
Durante estes días, nais e pais dos alumnos afectados colocaron pola vila carteis e pancartas de denuncia da situación de recorte prevista para o Colexio e programaron para este próximo mércores, 20 de xuño, a partir das 10:00 horas da mañá, unha protesta na entrada do Centro (Calella do Quinto, s/n, Carballeda de Avia). Alumnos, nais e pais acudirán disfrazados de ovellas, lobos e xestores da Consellería de Educación para denunciar que os nenos do CEIP Pena Corneira non son un rabaño á orde das políticas de recorte que está a acometer a Xunta de Galicia na educación pública. Para esta movilización convocaron a todo o pobo da Carballeda de Avia e agárdase que sexan centos as persoas que participen na movilización.
A ANPA do CEIP Pena Corneira oponse a esta política de recorte do profesorado e demanda “menos cartos para os bancos e máis para a educación pública” no contexto económico actual. Teñen sospeitas fundadas de que situacións semellantes de reducción de profesorado se están planeando en máis colexios rurais da comarca do Ribeiro e de todo Ourense para o vindeiro curso escolar e animan ós pais e nais doutros centros da provincia a informarse sobre a situación e protestar. O obxectivo é evitar unha situación que podería levar ó peche dos colexios rurais e á concentración de alumnos de concellos pequenos, neste caso concreto, en Ribadavia, eliminando centros de ensino rurais que son fundamentais a día de hoxe para poder evitar un maior despoboamento do rural.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede