1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Miles de galegos defenden na rúa a sanidade e o ensino público

Queren acabar con todo!". Con esta frase recibía unha megafonía aos participantes das manifestacións en defensa dos servizos públicos que percorreron esta mañá as rúas das principais cidades galegas. O emprego estable, os salarios dignos, pero sobre todo a sanidade e o ensino "están en perigo"  cos novos recortes levados a cabo polo Executivo de Mariano Rajoy. 

Con esta idea, 15.000 galegos, segundo os sindicatos CCOO e UGT, saíron as rúas de Ferrol, Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Burela , Ourense, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Vigo para participar nas mobilizacións convocadas pola Plataforma en Defensa do Estado do Benestar e os Servizos Públicos, que forman unhas 55 asociacións e sindicatos. Non só en Galicia houbo protestas, senón noutro medio centenar de cidades españolas onde se mostrou o "rexeitamento" contra unhas medidas que "poñen en risco o Estado do Benestar", segundo sinalaron os convocantes no manifesto. Mentres, Rajoy mostraba a pouca atención que lle merece a opinión da cidadanía e destacaba que "cada venres haberá reformas, e o que vén, tamén".

Non obstante, as organizacións en defensa dos servizos públicos e os sindicatos manteñen o pulso ao Goberno e preparan un importante número de protestas para as próximas semanas. A defensa dos servizos públicos e o rexeitamento ás reformas dos sistemas sanitario e educativo impulsadas desde Madrid será o tema de fondo na próxima celebración do Día internacional dos Traballadores. Ademais, os estudantes preparan unha folga para o próximo día 10 e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, diversas accións de protesta que culminarán cunha grande manifestación en Santiago o próximo día tres de xuño.

A idea que defenden estas plataformas e sindicatos pasa porque os servizos públicos "non son gratuítos" en España, posto que quedan financiados cos impostos directos e indirectos. Non obstante, manteñen que o Estado apenas adica un 25% do PIB a financiar o Estado do Benestar, mentres que a media dos países que forman parte da Unión Europea está no 29%.

No manifesto lido ao final das concentracións, a Plataforma denunciou que este recorte dos servizos sociais "pon en risco o Estado do Benestar, que é patrimonio da cidadanía". "Xa está ben", proclamaron os convocantes, que denunciaron que "o Goberno aproveite a coxuntura da crise para recortar os servizos".

Os recortes no ensino "retrasan a saída da crise", sinalaba o manifesto destas mobilizacións, que explicaba que os 3.000 millóns de recortes producirán unha subida das taxas universitarias, do número de alumnos por profesor ou a non substitución dos docentes que estean de baixa.

Mentres, a reforma do sistema sanitario suporá, segundo a Plataforma de Defensa dos Servizos Públicos, "o incremento das colaboracións privadas, o peche de servizos públicos", a "condena" dos inmigrantes, dos mozos e dos pensionista ao tempo que se produce un empeoramento da saúde pública. En consecuencia, un "deterioro" dos servizos públicos e un "retroceso social" ante o que miles de galegos clamaron "xa está ben". 

 

FOTOGRAFÍA: Manifestantes contra os recortes sociais en Pontevedra