1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 02-06-2013 09:57

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

A rúa protesta: '¡Non hai papel para tanta cagada!'

 

A primeira manifestación convocada conxuntamente pola CIG, CCOO e UGT desde a desfeita do Prestige arrastrou ás rúas de toda a comunidade a unhas 350.000 persoas que mostraron deste xeito o seu rexeitamento ao recorte de 65.000 millóns decretados polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy. "Por fascista, dimisión", foi un dos berros que máis se escoitou entre os manifestantes, que defenderon a necesidade de reformar o sistema por completo.

Deste xeito, as pancartas, os berros e as consignas esqueceron durante unhas horas o rescate ao sistema financeiro para se centrar na figura do presidente do Estado e do presidente de Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que fican sós ante o descontento da cidadanía ante a suba do IVE, a eliminación da paga extra dos funcionarios ou o recorte de fondos destinados á dependencia.

Segundo as organizacións, a cidade onde a concentración contou cun maior apoio foi Vigo, onde ata unhas 110.000 persoas percorreron as rúas. O número alcanzou os 70.000 manifestantes na Coruña e os 40.000 en Ferrol. Pola súa parte, na capital galega, os organizadores conseguiron encher a praza do Obradoiro.

PARTICIPANTES

Ademais das tres centrais sindicais convocantes, ás mobilizacións acudiron un bo número de organizacións coma Unión Sindical Obreira (USO) ou a Central Sindical Independiente e de funcionarios (CSIF). Tamén acudiron ás protestas as centrais vinculadas a un sector, entre os que destacou o Sindicato Unificado de Policía (SUP), que no caso da capital galega, foi recibido no Obradoiro entre aplausos por parte dos manifestantes.

O movemento do 15-M tampouco quixo quedar fóra desta convocatoria e nas rúas da comunidade volvéronse a oír algunhas das consignas que máis se asocian ao movemento coma "non nos representan" ou unha modificación do "non hai pan para tanto chourizo", que no caso concreto dos recortes de Rajoy mudou por "non hai papel para tanta cagada".

O único colectivo que non participou nesta primeira cita oficial de protesta pola decisión de Rajoy, ademais do Partido Popular, foi o sindicato CNT. Porén, a pesar de non se sumar á unidade do resto das forzas sindicais, esta central optou por se concentrar en solitario unha vez rematadas o resto de mobilizacións. 

 

FOTOGRAFÍAS: Diferentes momentos da manifestación en Santiago de Compostela / R. C.