1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 21-05-2013 15:45

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Balcanizándochevosnos (II)

Aznar afirma que España está 'en riesgo de balcanización' (El Mundo, 7 de septembro de 2005).

Hai moitas máis citas que nos informan dos horrores da balcanización de España. Degraciadamente non é precisamente unha sobredose de bífidus activos causada por unha enchenta descontrolada de iogures gregos nunha noite de lúa chea. Non, porque xa sabedes, que Grecia –o país da raíña- claro que non son os Balcáns senón que os Balcáns son a ex Iugoslavia, ese lugar onde –segundo o artigo do que tirei a frase- "los nacionalistas están muy envalentonados y se enfrentan a un gobierno equivocado y débil". E perante os nacionalistas envalentonados, o bifudus acitvo é unha conachada… o mellor é o “jarabe de palo” que como expresa o saber ppopular español, “los mete en cintura”. Deixade a dieta, grazas ao iogurt ibérico este verán na praia ides lucir -nacionalistas varios- o paquete... de 6 abdominais metidos en cintura. Xa me estou a esfurricar! Funciona!

O alicerce do mito do proceso de balcanización de España é que son os nacionalistas “periféricos” os que rachan a unidade de España. Nese eido, sempre me abraiou un par de cuestións meta-físicas nesa retórica da unidade de España debido ao meu feble coñecemento de química. Por unha parte, se España ten a propiedade de ter unha “indisoluble unidade” (segundo as características explícitas no manual do fabricante denominado na neofala da transición “Constitución española”), que sorte de complexo activo ten o devandito “iogur” balcánico que lles dá aos nacionalistas periféricos a capacidade de disolver o indisolúbel? Intuín que sería unha sorte de poción de Panorámix pero a pesar de beber medio litro de iogur dende hai un par de anos (a serio, o iogur aquí é un manxar) non me vexo en condicións de andar a labazadas cos gardas civís como se fosen soldados romanos. Pola outra, se España somos todos e estamos unidos e España non quere seguir unida (é dicir, unha parte quere deixar de formar parte do conxunto) que parte é nese conxunto a que decide que segue a ser indisolúbel? Pero non eran todas as partes iguais e todas son España? O termo técnico que creo que define este proceso de ruptura dun conxunto é “desmembración” é dicir, a perda dos membros. Vexámolo dun xeito gráfico e chapuceiro: se eu son España e perdo unha perna e un brazo (deus non o queira... que eu sexa España) e adquiren vida propia, quen (a perna, o brazo ou eu) decide sobre a súa indisolubilidade? Quen son eu para ser máis ca perna e o brazo que xa non son meus? Podo botar a perna e o brazo do meu piso? Podo pegalos con cola porque son “indisolúbel”? Que raios fixeron os iugoslavos para se desmembrar e disolver?

Poñámonos no caso de que o “fabricante” de Iugoslavia decide tamén incluír un manual de instrucións no que di –e realmente é- que “todos os iugoslavos son iguais” pero inclúe unha diferencia na composición do produto, en ningures di –especialmente tras unha revisión do composto activo en 1974 ou así- que “non ten unha indisolúbel unidade”. Resulta que varios anos despois (ollo ao pinchacarneiro) o fabricante que tiña a patente morre e non deixa herdeiros (porque resulta que o herdeiro morrera un ano antes) así que deciden, os da empresa, formar unha sorte de consello de administración no que as partes do produto (digamos que funciona como unha cadea de montaxe) gobernan por igual grazas a un sistema rotatorio. O fabricante orixinario creara o produto para unha serie de condicións atmosféricas que comezan nos anos 80 a mudar máis a presa do que cabería esperar (algo así como mercar un convertíbel en Lanzarote e levar o tempo galego ás Canarias) e unha parte –a máis grande do conxunto- di que como eles son máis, como eles son o principal elemento do produto, debería ter máis tempo o poder no consello de administración. Pero non só iso, aplicando unha serie de principios estilísticos e de lóxica, indican que “a maior parte do contido pode ser o continente” polo que “o continente é a maior parte do contido”. Resulta que as partes máis pequenas dese contido empezan a estar un pouco incómodas porque claro, o sistema funcionaba non atendendo a tamaños (esa máxima democrático-nocturna que di “o tamaño non importa”) senón de igualdade (é grande de tamaño... pero depende dunha pequena pílula azul). Vaites, vaites, vaites: igual esa Balcanización –no exemplo que todos pensan- foi promovida pola parte “grande” e non polas partes “pequenas”, polo “centro” e non “pola periferia”.

Indagando tras este pequeno limiar, atopo que, segundo a RAE –estamos a falar de cousas serias, nada de usar dicionarios de linguas de aldea-, o termo en cuestión significa precisamente iso, balcanización: (Del fr. balkanisation, y este de balkanique, balcánico, por alus. a la desmembración en varias naciones acaecida en la península de los Balcanes). 1. f. Desmembración de un país en territorios o comunidades enfrentados.

Co engado de que –e manda carallo para a RAE- o resultado da desmembración ten que incluír enfrontamento –xa vexo a miña ex-perna batendo no meu ex-brazo mentres a man me agarra polo...- e non teñen porque ser territorios, senón poden ser comunidades... estará a RAE a pensar nas comunidades de veciños??? Serve a linguaxe á ideoloxía imperante ou a ideoloxía imperante serve á linguaxe?

Tirando das hemerotecas, naquel ano 2005 precisamente ese mesmo político, que temía a balcanización, e o seu segundo promovían un boicot dos produtos cataláns. Curioso que aló polo 1989 un tal Slobodan Miloxévich promovía o boicot aos produtos eslovenos. A lectura non é que sexa moi complicada: acuso de balcanización (de iugoslavización) aos nacionalistas periféricos porque dada a desinformación existente (xa sabedes polo artigo anterior o que penso) é moi doado acusar aos separatistas das desgrazas. Emprego un cóctel perigoso e tendencioso cunha óptica puramente cañí: Iugoslavia funcionaba ben e vivían moi ben. Uns non querían ser parte dese estado e por culpa deles houbo unha guerra. Non é plausíbel, con eses medios e con esa caste política obsesionados na mimetización dos Balcáns, axudados pola linguaxe ideoloxizada –territorios ou comunidades (autónomas) enfrontados- pensar que “quizais” o conflito foi causado precisamente polos que querían manter a unidade do estado “a toda costa”. Por eses que consideran ser o cerne que decide que se segue a ser o que se é (indisolúbeis) a pesar de que partes do conxunto se desmembren. Non é que España se balcanice senón que nós “balcanizamos España” porque dicir que vai haber mortos e sufrimento dá votos: “achégase a fin do mundo, a balcanización de España; arrepentídevos!”.

Inconscientemente? Síntoo pero non: Aznar sabía do que falaba a non ser que teña unha pésima capacidade lectora. No ano 2000 sendo Jon Juaristi director do Instituto Cervantes, Mira Miloševi (coa que Juaristi tivo descendencia) publicou un libro titulado “Los Tristes y los Héroes” sobre o nacionalismo serbio que o propio Aznar levou e leu no congreso (El País 6 de abril de 2000) polo que intúo que lle interesa o tema (e ben que lle fixo propaganda). Non lembro se Milošević trataba o boicot dos produtos eslovenos pero certamente hai outro libro sobre o tema en castelán, do 1999, titulado “El laberinto de los Balcanes” escrito polo defunto presidente esloveno Janez Drnovšek no que se fala abondo deste tema. Curiosamente, Drnovšek falaba español fluidamente e reunírase con Aznar en xuño dese ano e -a non ser que fose esloveno de máis- agasallaríao cunha copia do seu libro. Algo sabería o político esloveno -estaba en primeira liña política cando Iugoslavia se “balcanizou”- e se alguén sabía que non son precisamente as forzas centrífugas as que romperon o país, era el. Por certo, vinte anos despois do boicot, Eslovenia era membro da Unión Europea (onde nunca poderán ir os “separatistas españois” segundo esa prensa tan ben informada sobre os Balcáns) e o promotor da acción andaba na pataqueira tras estar a ser xulgado nun tribunal penal internacional, eses xiros da historia dos que eses medios non se lembra.

A que vén todo isto cando xa pasaron 7 anos desas declaracións? A tres cuestións: a primeira que os medios xeralistas no caso dos Balcáns non informan, falan da feira segundo a España lle vai nela. Segundo, a que o medo dun escenario violento implica a realidade informativa que se proporciona: houbo guerra, si, pero non é o mesmo unha guerra ofensiva ca unha defensiva, non dende un punto de vista moral (non falo do sufrimento intrínseco). Isto ten a ver co xeito no que informan do caos económico, por exemplo, e das protestas gregas con ese “evitaremos ser coma eles” tan ao uso na paranoia balcanizadora. Eu que pouco sei do que pasou por aquí, sei abondo como para aplicar o filtro “iugoslavista” ao resto das informacións e non crer ren; e tres, pasaron sete anos pero o medo á balcanización ha volver a estar de moda como as cancións de Abba e en certo modo, nunca marchou.

No seguinte e derradeiro artigo, un caso que nos é aínda máis próximo: “a balcanización do galego” ou como ilgarretas, agalrretas e os terroristas de GB balcanizan os conflitos e liortas varias desta nosa lingua.