1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Balcanizándochevosnos (I)

A culpa é miña por facer o que non debería cando non me quero enfurruñar co mundo enteiro pero é que andei de choio ate arriba (un día falarei do meu traballo pero polo momento non debo) e ao ter máis tempo de lecer e padecer unha mudanza nos biorritmos (comezo a durmir moitas menos horas ca antes sen me sentir canso) dou en ler El País sobre todo cando fala da ex Iugoslavia. Realmente El País cando fala da ex Iugoslavia é unha sorte de manual extraido do 1984 (o libro, non o ano das Olimpiadas en Saraievo). Por unha parte empregan o dicionario de asociacións de Newspeak – El País / El País – Newspeak (coido que se di neofala en galego, non si?) e por outra teñen aos grandes irmáns gafapastas polo mundo sementados e facendo como se andasen a sulfatar a leira da desinformación do xa pobremente informado imperio pequeno. (Un inciso: se El País mete a zoca día si e día tamén tendo cartos a esgalla, xa vos podedes imaxinar outros medios). Nese dicionario de asociacións de neofala orwelliana, as asociacións son doadas. Iugoslavia (nin ex nin caralladas) é igual a Balcáns (Albania, Romanía, Bulgaria, Grecia... non son/están nos Balcáns) e Balcáns é igual a “pifostio salvaxe” que é igual a “calquera parte do mundo que non é Europa especialmente se son doutra raza” que é igual a “o que un día acontecerá en España se os nacionalistas (xa sabemos que só son nacionalistas os periféricos) fan das súas”. Viva o liberalismo/socialismo español! Explicado porque “Balcáns é igual a España” segundo “los guais” vexamos como é para os xornais do “centro” político e xeográfico (ABC, La Razón, El Mundo, La Gazeta, Faro de Vigo) esa asociación, máis doada e infinitamente máis coherente: Balcáns = Iugoslavia = sin dios e ateismo = educación para la ciudadanía = PSOE = aborto = no nacen más españoles [de bien] = Otegi [y los separatistas] gobiernan esa nación única e indivisible = España se rompe. Vese que son fillo dun profesor de matemáticas que vai tolear ao ver que non emprego ben os () e os [].

Os sulfatadores informativos adoitan escribir bitácoras achegadas ao xornal ou crónicas “culturais” que accidentalmente falan de política. O doado sería pór a pan-pedir a todos os xornalistas pero hainos moi ben informados (como comprobei traballando con algúns deles en Belgrado). A miña experiencia persoal adoita dicir que “xornalista mediático” é a sorte de fulano que “mete a zoca no buraco do pozo negro pensando que está a lavar o nocello” como dicimos na Turania. Desa sorte de sulfatadores/informadores lín dúas novas esta semana nese grande xornal de Madrid que me arrepiaron pola frivolidade por unha parte, pola desinformación por outra pero sobre todo polo ton “compasivo”. Obviamente falar non ten cancelas, así que o que vou facer agora é falar sen cancelas e explicar o meu parecer sobre esa semellanza que ven entre os Balcáns e a Iberia (metamos a Portugal no pacote porque me fai falta) dende unha perspectiva galega. Falando de semellanzas, que saibades xa que son tantas como as que eu teño con George Clooney.
“Los habitantes de aquellas tierras tan europeas siguen enredados en un pasado repleto de sangre y odio.” Ramón Lobo, El País 16 de maio de 2012.

Escuso o obvio (“tan europeas”) para falar do pasado (cousa que España pode facer sen problema, non hai mortos en foxas comúns dende hai 80 anos) especialmente dese “repleto de sangue e odio”. Vexamos. España tivo un conflito que non deixou consecuencias para a posteridade (o chamado “conflicto civil aséptico” ou “alzamiento militar humanitario” en castelán) entre 1936 e 1939 seguido dunha transición cara á democracia de 40 anos levada por un homón con voz de barítono tolerante e liberal, que mellorou os estándares económico-sociais anteriores e posteriores, querido por case toda a poboación que aínda non o esquece e que, ademais, deixou manga ampla para decidir o proceso que seguiría tras a súa morte (“transición modélica” disque se chama nos círculos intelectuais). Os Balcáns foron gobernados por hordas comunistas dende Moscova, moi especialmente a partir de 1948, por un homiño pouco carismático que tivo a terrible idea de arredar as xentes que se benefician do Domund cara a unha distopía chamada “non aliñados” aínda por riba nun período de estabilidade mundial coñecido como a “paz quente”. Resulta que ese cerralleiro se fixo cargo dun estado que viña de sufrir unha guerra mundial e unha guerra civil á par e non tivo mellor idea que facer “borrancho” apartando das estruturas de poder os coitados grupiños indefensos que máis fixeran pola unidade e o perdón durante o conflito (os distintos líderes relixiosos dos distintos grupos étnicos: católicos, ortodoxos e musulmáns), apropiándose dos vencedores e a súa loita como un grupo reducido e elitista (chamándoo “movemento de liberación popular” -“popular”!!! sendo un roxo como era- no canto de falar como é debido e chamalo “cruzada”). Claro, por culpa disto houbo unha guerra nos anos 90 inevitábel a todas luces a pesar dos grandes e obstinados esforzos da comunidade internacional, que decidiu non vender armas para non tirar proveito das desgrazas alleas: “de se mataren, que se maten de xeito humano” foi a máxima cando estes meus veciños “salvaxes” non entraban en razón e rexeitaban as toneladas de axuda humanitaria que se lles distribuían os cascos azuis.

Deixando a neofala, unha pequena reflexión: en España –ese lugar pacífico “tan europeo”- houbo milleiros de mortos por distintos actos terroristas de distinta ideoloxía, incluído o terrorismo de estado, durante os anos de paz e democracia nos que se evitou unha guerra civil. En Bosnia e Hercegóvina –o cerne do balcanismo- un país “repleto de odios” e ademais onde hai armas en case tódalas casas, o número de mortos dende a sinatura dos acordos de paz por vendetas, vinganzas, xenreiras históricas ás que se engaden as do postconflito –é pequeno o país, coñécensevos todos por aquí- é... cero (0) . Desgraciadamente, o número de vítimas ao ano por minas antipersoa (quen llelas vendería?) é de dous ao mes. Queda claro o que é o odio. Se imos máis ao fondo da historia, resulta que en España houbo unha guerra contra Marrocos (en 1923), contra Cuba e os EUA en 1898, unhas guerras civís itinerantes chamas carlistas e unha “guerra de independencia”, se nos pomos a numerar o que aconteceu neste recuncho de paz e harmonía dende 1800 ate o 2012. Vaites, en Bosnia e Hercegovina (sen contar as Guerras Mundiais) houbo unha revolta en 1878 pola ocupación austrohúngara e unha revolta labrega en 1832; comparado con España queda claro que é un pasado repleto de sangue e xenreira. Aínda máis, á marxe das levas do imperio otomano, non houbo “guerras” propiamente ditas dende o século XV (imposíbel, estaban dominados por musulmáns, polos otomanos, polos inimigos do cristianismo que permitían a liberdade de culto!). Dende o século XV, na Iberia ademais de rematar unha guerra civil de 700 anos andaron colonizando continentes e matando protestantes de xeito case ininterrompido... alén de deseñar o preconcepto da limpeza étnica, expulsando a xudeus e moriscos polo xo e polo arre... e os violentos son outros?! Manda carallo, os bosnios aprendendo de España o que non deben! Por certo, para falarmos tamén algo de Portugal e así falar de toda a Iberia, se non ando trabucado creo que non tiveron conflitos de tipo colonial nos 60 e 70 que derivaron en cruentas guerras civís, ao contrario que Albania -por citar outro estado balcánico onde a relixión divide a todo o pobo de xeito irreconciliábel. Pero de novo, ibérico non é un termo xeográfico sinónimo do horror e España e Portugal son o Dalai Lama e Gandhi porque non son tan europeos coma os balcánicos... son moi europeos.

Pasado o limiar, tremede porque hai máis, moito máis nesta tentativa de vos nos balcanizar! No vindeiro artigo analizaremos unha máxima do filósofo do neoliberalismo (balcánico) J. Aznar recollida nas ensinazas do seu profeta mediático, El Mundo, nos tempos onde viviamos por riba das nosas posibilidades, o afastado ano 2005:

Aznar afirma que España está 'en riesgo de balcanización'