1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 02-06-2013 09:57

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Hercegóvina, os servizos mínimos e El-Rei

Non se sabe con certeza en Bosnia e Hercegóvina canto espazo corresponde a Bosnia e canto a Hercegóvina. Os límites históricos non están claros pero Hercegóvina vén sendo entre o 22% e o 24% do total da superficie do estado. O que si se sabe con certeza é a capital, Mostar. Algo semellante acontece cando temos unha greve xeral, nunca se sabe moi ben que porcentaxe dos servizos mínimos son os que se levan á práctica. Para os políticos que temos no goberno do noso país (e os do imperio pequeno tamén) deberían ser do 100%. Seica Fraga pedía greves á xaponesa, nas que os servizos mínimos serían do 200%. E nisto estabades o día 29 pasado, de greve, cando El-Rei de España andaba de visita por Mostar. Acertado foi o monarca, aproveitando o día de folga en non ir ao resto do estado, só a Hercegóvina -así que realmente non se pode dicir que estivo de visita en Bosnia como dixo o xornalista da TVE- nun acto que demostra ás grandes a súa faceta social(ista): no canto de se quedar na casa nestes tempos de crise, como funcionario público (sen oposición) que é, fixo servizos mínimos, só visitou o 23% do país! Caíanme as bágoas de emoción. E tampouco falou! Isto xa non sei se é porque estaba de folga (que non de greve), estaba de servizos mínimos polo que só foi pero non falou, ou non deron contratado intérpretes, quen sabe se por teimosía nacionalista-separatista destes ou porque tamén estaban de greve (e sen servizos mínimos).

Non estou moi inspirado para facer chistes porque son malos e o tema en cuestión é moi, moi serio. Así que vou facer preguntas e colgar hipervínculos. Vin, o xoves pola noite, o telexornal serán da TVE internacional na que, ademais de tratar o tema da greve xeral, falaron da visita de El-Rei a Bosnia e Hercegóvina. O motivo da visita, segundo o xornalista enviado a esa fermosa cidade, era a inauguración da anovada Trg España (trg é praza), en homenaxe aos soldados do imperio pequeno que estiveron alí despregados especialmente dos que morreron (incluíndo a un intérprete local) durante a misión. Bonito, aséptico, informativo. Imos diseccionar: alguén sabe porque a praza en cuestión recibe ese nome “mesturado”? Non é coincidencia. Mostar é unha cidade dividida. Cando digo dividida é dividida: non hai contacto –agás cando realmente cómpre- entre os bosniocroatas e os bosníacos, separados polo río Neretva, que divide tamén á cidade. Non van á mesma escola, non saen nos mesmos garitos e non partillan institucións agás o mínimo marcado pola lei. Nunha cidade duns 105.000 habitantes hai dúas universidades que ofertan as mesmas carreiras: unha é para croatas e outra para bosníacos. A praza recibe o nome “España” porque se non son quen de escoller alcalde e de construír un futuro xuntos, menos serían de escoller o nome: Trg Španjolske (croata) ou Trg Španije (bosnio). España dá diñeiro para anovar unha praza (que non está nin no centro, senón na parte croata) no canto de investir en máis proxectos, por exemplo, de acción social. Ah, claro, non hai fotos de xornal nese tipo de “investimentos” (que os hai, especialmente para cativos con necesidades especiais nesta mesma cidade, aínda que moitísimo máis magros cós da praza)... Polo menos non saíu ningún bífido dicindo que conserva o nome en castelán por amor “a la lengua cervantina” (e non dou ideas).

Tamén dixeron no telexornal que España axudara a renovar o instituto de educación secundaria que está xusto nesa mesma praza para que fose unha institución educativa multiétnica. Deixade de ler e se tedes media hora (e falades bosnio, croata ou inglés) vede esta película en dúas partes sobre o tema que explica con moito detalle o apartheid escolar de Bosnia e Hercegóvina que en Mostar -segundo a TVE- España derrotou.

Outra das grandes historias é a do bos que eran os soldados españois en Bosnia e Hercegóvina durante a “intervención” (!) no conflito. Non son un analista militar, non sei nada de exércitos (non fixen a mili) así que non vou falar do tema, do que El-Rei coa súa formación militar sabe infinitamente máis ca min, pero si vou recomendar, para o que lle interese o tema, unha lectura ilustrativa sobre o duro da misión para os cascos azuis. Sempre me chamou a atención que se foron tan, tan, tan, tan bos como nos contan por que ninguén fala ben deles por aquí. Hoxe estou de malas, frase curta e á caluga.

E Mostar sempre vai ligada á ponte. A ponte é preciosa, espectacular, como o casco vello desa cidade. É unha xoia da arquitectura otomana e calquera atentado contra o patrimonio (a non ser que sexas Presidente da Xunta) debería ser un delito, neste caso de guerra, e debe ser –se é posíbel- restaurado e reparado canto antes mellor. Aquí, porén, hai un problema de fondo e é o esforzo económico da reparación. Eu estou encantado con que o construísen, co esforzo que levou e o xeito no que se fixo a reconstrución, coas técnicas empregadas historicamente porque penso que era un deber da comunidade internacional. Descoñezo, porén, o orzamento para esa obra e o que investiu cada goberno... pero socialmente –ademais de servir como “limpeza de consciencias” occidentais- de pouco serviu á cidade no seu conxunto. Abofé que multiplicou o turismo pero se unha ponte ten o obxectivo de unir, non é o caso. Non vos estrañe se vos digo que unha parte importantísima da poboación da cidade nunca foi á ponte dende a súa reconstrución porque simplemente viven do outro lado e non cruzan ao lado “inimigo”. Unha vez máis: os proxectos de reinserción multiétnica, de pacificación, non dan fotos. Falo de pacificación porque se despois de vinte anos do comezo do conflito hai división é síntoma de que a guerra rematou... pero segue. Xa vos podedes imaxinar o que debe pasar pola cabeza dun mostarac que papou 4 anos de guerra, que está no paro, con estrés post-traumático, que no seu día debeu baixar do ceo ao ver o ben que estaban os cascos azuis, ver como o pasan os políticos locais ao ver a un Rei inaugurar unha praza conmemorativa deses soldados mentres os seus están xa tres semanas diante do parlamento en Saraievo protestando polas pensións.

Vivir na ex Iugoslavia non me fixo máis intelixente. Fíxome máis feliz, abofé, e por iso sigo aquí. Fíxome aprender unha(s) lingua(s), tamén. Pero sobre todo fíxome ser consciente da miña ignorancia. Cando leo novas, escoito a “expertos” falar da guerra, as crónicas dos medios sobre o que acontece aquí e miro, escoito e falo cos que viven aquí e estiveron aquí durante o conflito, decátome do manipulados que estamos (e nisto, sinceramente, non hai diferenzas entre “esquerdas” e “dereitas” cada quen co seu manipulador) e de que non sabemos nada do que acontece máis ou menos lonxe da nosa casa. Vexo como falan os medios sobre este país do que aínda teño por coñecer moitísimo máis pero abonda para me decatar das enormes mentiras que nos contan os medios cando nos falan do que acontece polo mundo adiante... e na casa tamén.

Imaxe: panorámica de Mostar en 2007 Wikipedia