Occidente achanza o camiño de Irán cara á ‘bomba'
- Detalles
- Categoría: Mundo
- Publicado o Mércores, 29 Febreiro 2012 00:01
- Escrito por Ricardo Rodríguez
Xa que un ataque preventivo israelí contra as instalacións nucleares que Irán está a desenvolver dende hai máis dunha década con fins alegadamente pacíficos sería unha loucura de consecuencias impredicíbeis en Oriente Medio, hai un alto grao de posibilidades de que aconteza nos vindeiros meses. E non porque Obama, quen vén de perder unha guerra en Iraq e loita por zafar doutra derrota en Afganistán, deveza por encetar a terceira Guerra do Golfo a poucos meses de principiar a sua campaña para acadar a súa reelección coma presidente de EUA, senón porque o trío de falcóns que rexe a política israelí –o primeiro ministro Benjamin Netanyahu; o ministro de Defensa, Ehud Barak, e mais o viceprimeiro ministro, Moshe Yaalon– semellan dispostos a ordenar un bombardeo aéreo a grande escala para acabar co programa nuclear iraniano. Unha operación de cuxa efectividade e viabilidade dubida en público dende hai semanas o seu principal aliado e fornecedor de armas e que é criticada dentro de Israel.
Hai indicios de que Tel Aviv quere atacar, si. A prensa israelí e saudita informa pinga a pinga de pequenos detalles sobre esa operación dende hai máis de dous anos: posíbeis rotas aéreas a través de Arabia Saudita; a presenza de soldados do Thasal en aeroportos sauditas para argallar ese raid, ou traslado de grandes cantidades de bombas antibúnquer dende EUA a bases en territorio alemán. Hai, porén, un dato máis contundente que amosa que Bibi, Barak e Yaalon van en serio: a destitución a principios do ano pasado de Meir Dagan, o número un do Mossad que orquestrou a campaña de ataques informáticos contra o programa nuclear iraniano e o asasinato de científicos e sobranceiro opositor a unha operación militar contra a república dos aiatolás. Mais se Israel quere atacar, a que vén botar a lingua a pacer deste xeito? Nin en 1981, cando Tel Aviv destruíu o reactor nuclear que Sadam Hussein estaba a construír en Osiraq, nin en 2007, cando os seus F-15I bombardearon as instalacións nucleares de Al Assad nunha zona desértica de Siria, houbo este ruxerruxe. Nin a primeira nin a segunda desas operacións militares pode compararse en magnitude coa titánica tarefa de destruír máis dunha ducia de instalacións escavadas baixo terra e fortemente protexidas con defensas antiaéreas a máis de 1.600 quilómetros de territorio israelí. Pero as dúas foron concibidas e executadas en absoluto silencio. Sen esta guerra psicolóxica mediática.
Algúns analistas cren que, coma en 1967 contra Exipto, Israel tería que empregar toda a súa forza aérea, uns 350 cazas; que un cuarto deses aparellos non regresaría as súas bases, e que o bombardeo non esganaría o programa nuclear iraniano, senón que o retrasaría un ano. Tampouco está claro que a sociedade israelí estea disposta a botarse a unha nova guerra. A derrota de 2006 no Libano aínda manca.
A prognose dese suposto ataque sería a seguinte: Israel bombardearía os reactores iranianos, Irán respostaría lanzando os seus mísiles Al-Shaabab contra Tel Aviv e pechando o Estreito de Ormuz. Hizbollá e Hamás atacarían dende o Líbano e Gaza. Siria estaría tentada a implicarse na guerra contra Israel. E o esganamento da principal rota petrofílera do mundo obrigaría a EUA a intervir nunha escalada do conflito. Iso sen mencionar a posíbel bomba suxa nuclear cuxa nube tóxica aboiaría por toda a rexión no caso de que os reactores fosen alcanzados.
INCERTEZA
Ninguén sabe con certeza se Irán ten a bomba, nin sequera se está preto de acadala. Nin a propia AIEA, cuxo informe de decembro está trufado de inxerencias por propia comenencia de varios servizos de intelixencia occidentais, pode demostralo. Tampouco se sabe – sospéitase tan só– se Teherán abriu xa a porta á construción de armas nucleares, aínda que a calculada ambigüidade coa que a república dos aiatolás airea o seu programa e a expulsión dos inspectores da AIEA dean razóns para pensar que así é. No entanto, si sabemos que Paquistán, o país onde se agochou Bin Laden e principal santuario de talibáns, si a ten. Non é iso perigoso para Occidente? Mais outravolta é Teherán o retratado no main stream estadounidense e europeo coma o agresor, coma o perigo que ameaza a supervivencia de Israel. E eses son argumentos que non se sosteñen. A República Islámica non tivo dende 1979 ningunha intención de empurrar as súas tropas alén das suas fronteiras. E está máis preocupado pola súa propia seguridade ca por atacar Israel, malia toda a retórica antisemita de Mahmoud Ahmadineyad, congresos negacionistas do Holocausto incluídos. Dende hai unha década, dende que Bush iniciou a súa cruzada contra o terrorismo, Irán vive illado nunha rexión ateigada de tropas estadounidenses ás súas portas e baixo a síndrome do estado de sitio.
Irán non esquece a historia e iso é algo que os medios occidentais subestiman. Foi o noso ex-aliado Sadam Hussein quen invadiu o seu veciño en 1980 con todo apoio tácito ou declarado de Occidente e quen masacrou milleiros de civís e soldados iranianos con armas químicas subministradas por países que hoxe sancionan a Irán. Eses ataques fixeron mudar as posicións iniciais de Khomeini verbo das armas de destrución masiva. De ser consideradas contarias ao Islam, o líder da revolución pasou a cualificalas coma necesarias baixo o principio “maslahat-e nizam” ou a “o fin xustifica os medios” polo cal as necesidades da República Islámica coma institución política estaban por riba do estipulado pola lei relixiosa islámica. Khomeini ordenou nos oitenta reiniciar o programa de armas químicas. Implicitamente, isto significa que Irán considera que os principios relixiosos que prohíben desenvolver armas de destrución masiva non son aplicábeis en caso de guerra ou ameaza para a existencia do país.
PRINCIPIOS RELIXIOSOS
Até o momento, os líderes políticos e relixiosos iranianos teñen declarado que non teñen interese ningún en dotarse de armas nucleares aludindo aos principios relixiosos do Islam contrarios ás armas de destrución masiva. Semella como se antes de dar ese paso, o país tivese que acadar un consenso. Iso é o que cren algúns expertos. E, sen ese consenso, a opción de construír a bomba estaría aberta coma simple opción de futuro para preservar a súa propia seguridade.
Rodeado por ducias de soldados e bases estadounidenses en Iraq, Afganistán, Arabia Saudita, Omán, Qatar, Bahrein, Emiratos Árabes e Kuwait, a política exterior iraniana dos últimos anos baseouse en respostar con presión á presión imposta dende fóra. As recentes sancións contra Teherán non afectarán o país en exceso nin deterán o programa nuclear. Porén, o mellor detonante para acadar un consenso dentro da sociedade iraniana sobre o seu programa de armamento nuclear sería unha provocación de Occidente. E Israel semella decidido a escenificala.
FOTOGRAFÍA: Daniella Zalcman



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede