Crónicas do Pelegrín
- Detalles
- Categoría: Humor
- Publicado o Mércores, 14 Marzo 2012 09:07
- Escrito por Xan Pelegrín
Tanto tempo dando logo e imaxe ao Xacobeo e agora aquí me tendes, empregado de balde nesta historia do Dioivo. Non hai xustiza, éche ben certo. E pídenme os que levan este trebello tormentoso que escriba algo, que me manifeste. Canta ignorancia, se eu son autoevidente como icona que fun dos tempos idos, cando mandaba en Galicia Don Manuel e Vázquez Portomeñe, meu vello patrón, lustráballe a gobernanza con moita francachada de macroconcertos, exposicións luminotécnicas e subvencións conmemorativas. Tratei eu naquelas épocas a Bruce Springsteen, un home cun punto pailán moi de New Jersey, rudo mais humano el, que non comprendía que caste de bicho era eu, se unha rata ou un membro da sección infantil do Ku Klux Klan. Tamén ao Bono, non o expresidente ese de Castilla La Mancha que parece un tratante de cabalos, ao Bono dos U2, un tipo un pouco chechas con moita labia de riquiño solidario que me confundía cunha versión art brut da bandeira cubana. Polas cores supoño, que por outra cousa... aínda que a Fidel Castro tamén o pillei por banda algunha vez no Araguaney e incluso chegou a dicir o mamalón que era eu máis feo que unha foca cangrexeira, nin que el fose un Adonis barbado. Madonna, cando pasou por aquí, que foi actuar a Vigo antes de abrochar o Xacobeo, esfregoume o sobaco por todo o corpo cando eu era aínda unha icona en cernes, o que non deu nunha relación íntima apaixonante pero quedou ben nas fotos de promoción. Xa o Lenny Kravitz levou un susto de morte cando lle ofreceron un chaveiro coa miña senlleira figura, pensando tal vez que eu viña sendo algún tipo de amuleto vudú. Outro día aclararei o meu romance con Carmiña Burana, que tanto deu que falar na altura, pero agora só quero dicir, a propósito daqueles tempos fastuosos, que se houbo alguén que me tratou coma un señor, non foi outro que o Mick Jagger. Amigamos nun tris, se cadra porque a bocaza do Mick tamén foi icona mítica dunha época. Leveino de mariscada ao Vilas e ao Porto do Son, para que flipase coas cigalas, e acabamos os dous a noite aquela do concerto no Monte do Gozo, no 99, tocando xuntos a gaita e privando whiskey do bo, Chivas Regal de 21 anos, chaval, que os Rolling, con ser septuaxenarios, reteñen como ninguén os vellos esplendores esmorgueiros.
Ai, sic transit gloria mundi! Eran tempos de vacas gordas aqueles, tempos de esbandallar fondos europeos e facer correr o cemento polas corredoiras sen maior escrúpulo. Porque ao Xacobeo criticábaselle moito, como sucede sempre cos grandes éxitos, que encirran as malas linguas e son presa fácil da envexa e a mala fe. Xa me diredes vós se isto de agora, con tanto recorte e tanta austeridade do carallo, é moito mellor, que até un logo resultón como fun eu anda paseando o seu triste perfil por xornais alternativos e revistas dixitais e non hai un mal concerto que nos distraia de tanto feixoismo cazurro e mazador. Eu, coma Franco, nunca me metín en política, e tanto me teñen uns como me teñen outros. Pero tamén teño memoria e non me esquezo que aquel conselleiro de industria do bipartito, o Fernando Blanco, nos quixo xubilar a mín e ás vieiras de toda a vida reducíndonos a unha frecha amarela sen puta personalidade. Non sei eu se a frecha indicaba o desvío para a gasolineira de Guitiriz, pero anda agora o coitado defendéndose do campión da mafia luguesa, o Dorribo ese, cun boleto de lotería, e iso, se me tivese respeitado como logotipo, igual non lle pasaba, que as miñas influenzas non eran poucas.
Tampouco esquezo que outro conselleiro, o Varela este que levaba o choio da cultura até hai un par de meses, prometeu facerme un reestiling para darme imaxe máis moderna e actual e deixoume pendurado do arame no 2010, que até os do Arcebispado de Santiago aproveitaron o despiste para sacar ao Xubi, un imbécil con forma de pera que mete medo do pelainas que é.
Eu nacín arrepiante e antisimétrico, quen o nega, que o tipo que me deseñou debía andar na verza ou ser o primo parvo dalgún deputado pepeiro, pero os anos van dando experiencia e xa eu polos meus propios medios fun gañando o cariño e o respeito de todos os galegos e todas as galegas cantas hai. Pero vaime mal, como a todos, con esta manda de ignaros que nos goberna, que non sei eu a que andan ou non andan. O que sei é que esta xente non é a de antes. Antes aínda tiñas un Cuíña ou un Baltar, que mal que ben lle daban ao bombo e o trombón e animaban as parroquias, caciques entrañables que non reparaban en gastos. Pois os cartos se están aí será para gastalos, digo eu, e non como este cara lavada do Feijoo, que recorta a destro e sinistro e logo aínda pide que o estado o premie con máis cartos por aforrar, a ver como se come iso. Con grelos non, seguro, porque se tanto aforras, para que queres máis cartos? Para aforralos tamén? Este home non ten xeito, que xa hai por aí quen o compara con aquel Mr Chance da película de Peter Sellers, un xardineiro analfabeto que chegaba a conselleiro do Presidente dos Estados Unidos por obra e graza de tres metáforas florais e unha visión da economía de poda e chapoda.
O único que me ten coña é o Conde Roa, cos seus plans galácticos para conectar Arzúa, Labacolla e Santiago coa estación espacial internacional, ISS nas súas siglas americanas, e montar na Lúa o pelotazo inmobiliario definitivo que nos deixe a todos apirolados de vez. Este é un home que dá e vai dar moito que falar, non ten dúbida. Un tipo con moito futuro capaz de mudarlle o nome a todo, que logo de darlle unha avenida sen números a Don Manuel na corredoira que sobe ao Gaiás, xa non ten parada, e onde antes dicía Castelao, Pablo Iglesias, ou Preguntoiro, agora aparecerán os Aznares, Benedictos XVI, Roucos Varelas ou Correos Gallegos que nos remodelen a cabeza e o rueiro na dirección correcta: o camiño de Monseñor Escrivá de Balaguer, presupoño. A min debíanme dar unha rúa e non a todos eses calatravas de ocasión, polos servizos prestados, ou acaso se pode comparar o que fixen eu por Santiago e por Galicia co que fixeron Aznar, o Correo Gallego e o Cardeal Suquía todos xuntos? Nin fartos de grifa! Pero de momento non me arrúan nin por fas nin por nefas, que só teño rúa a meu nome en Portomarín e non en Santiago, e aínda alí me van chantar de lado un aparcadoiro de autobuses por 220.000 euros, que xa os prometeu un conselleiro. E xa que non rúa, se ao final a ministra Ana Pastor cae trasposta pola verborrea inmobiliaria do Conde Roa -que todo pode ser con estes gobernos delirantes que padecemos- e constrúen a estación internodal en Labacolla, con aves, buses e lanzadeiras orbitais ao hiperespazo, reclamo eu aquí publicamente que lle dean o meu nome, a Estación Pelegrín, que cousa máis peregrina que esa non pode haber e ben merece un nome tan asinalado.
Con tan xusta reivindicación despídome xa, nesta miña primeira crónica para o Dioivo, onde espero non ter ofendido a ninguén, que son unha icona desastrada pero tamén unha boa persoa, dentro do que cabe. Abur calambur e até outra.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede