Olímpico desprezo
- Detalles
- Categoría: Fútbol
- Publicado o Mércores, 06 Xuño 2012 08:29
- Escrito por Martiño Suárez
Agora que todos esperamos que o Deportivo e o Celta o fagan fantasticamente en Primeira e non gasten alí os cartos que non teñen, pode ser un bo momento para recordar unha das historias más dramáticas do fútbol galego, coñecida por servidor da man do escritor Eduardo Galeano e do xornalista Rubén Ventureira. Augusto Bebel García era á altura de 1936 dianteiro deportivista en Segunda División. Minúsculo e non moi bo (foi suplente a maior parte das catro temporadas que pasou no equipo), compaxinaba o seu labor no campo coa militancia ardorosa nas Xuventudes Socialistas.
Víñalle de familia: se a el lle puxeran o nome dun dirixente socialdemócrata alemán, aos irmáns correspondéronlles os de luminarias ilustradas como Anatole France García, Voltaire García ou Jaurés García. O pai era un roxo de armas tomar, vendedor de produtos de limpeza, o que lles valeu aos fillos o apodo de "irmáns da lexía". Bebel coincidiu no Depor con históricos coma Chacho, e antes xa botara pachangas e risas con Juan Acuña, daquela socialista coma el e despois atormentado porteiro da selección española franquista.
O caso é que Bebel e varios dos seus irmáns estiveron entre os coruñeses que defenderon o edificio do Goberno Civil da Coruña o 20 de xullo do 1936 do ataque dos facciosos sublevados, e ben que llelo cobraron. El e France foron fusilados o día 29 no Campo da Rata, cerca da Torre de Hércules; Jaurés, que se librara por ser demasiado novo, apareceu morto na mesma zona apenas un ano despois. Galeano conta nun pequeno relato do seu libro Espejos. Una historia casi universal que Bebel mandou parar ao pelotón de fusilamento cando este se dispuña a dispararlle; diante dos soldados, o chaval baixou os pantalóns e tirou de membro, e con olímpico desprezo botou a que sería a súa última mexada.
Relato segundo Galeano
Relato segundo Rubén Ventureira
FOTO: Memorial aos irmáns da lixivia', no Campo da rata da Coruña (hermanosdelalegia.blogspot.com)



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede