1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 02-06-2013 09:57

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

O Deportivo da Coruña xa está en Primeira División

Ao final a festa puido celebrarse na casa. O Deportivo da Coruña regresa á Primeira División, logo da súa vitoria perante o Huesca. Un ano de espera e afouto combate futbolístico que tivo, desta volta, o mellor dos finais. Foi en Riazor, e arroupado o equipo por uns seareiros que, desde primeiras horas da tarde, converteron a cidade nunha maré de cor branquiazul, que desemboca desta hora no epicentro de todos os festexos do equipo herculino, a fonte de Catro Camiños. Un gol do balear Xisco foi o que puxo no marcador o 2-1 definitivo, que devolve os de Oltra á división de honra do fútbol español.

Foi un partido esforzado, rebordante de tensión nas bancadas e no campo, no que o Huesca se adiantou no marcador mercé a un gol de Antonio Núñez no minuto 32 do primeiro tempo. Foi logo de varias ocasións que non culminou o equipo local. A fortuna, malia todo, aliouse cos deportivistas e un gol en propia meta dos visitantes subía o empate ao marcador pouco antes de rematar o primeiro tempo.

Máis tentativas, comandadas por Riki e Bruno Gama, e por fin, no minuto 69 do encontro Xisco materializou o 2-1 que puxo ao Deportivo por diante. De aí ao final, máis de vinte minutos agónicos e de emoción que desembocaron na gran festa do fútbol, o arelado ascenso do Deportivo da Coruña á Primeira División.

 

Foto: o xogador do Depor Riki. E.P./Getty