1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

O Celta golea e déitase en posto de ascenso directo

O Celta de Vigo recuperou o posto de ascenso directo ao vencer 3-0 ao Alcorcón en partido disputado esta tarde en Balaídos, á espera do que aconteza mañá no Valladolid-Hércules. Iago Aspas por dúas veces e Orellana fixeron os goles do Celta. 

O visitante non era en absoluto un rival fácil, de feito o Alcorcón estaba a ser o mellor equipo da segunda volta, o que lle permitiu rubir até o quinto posto da clasificación e comezar a fantasear coas posibilidades de ascenso. E axiña se demostrou que non ía ser doado sumar os tres puntos. O castellonenco Paco Montañés foi un auténtico pesadelo para a zaga do Celta e puido poñer por diante o seu equipo ao pouco do comezo cun remate que lambeu o pao. O susto fixo reaxir ao Celta e Iago Aspas tivo o 1-0 nas súas botas, tanto tempo que lle permitiu a Manu Herrera roubarlle o balón. E pouco despois, o de Moaña tivo ocasión de rectificar o seu erro anterior. Recibiu un pase longo de Álex López ,que deixou pasar Orellana, e marcou o primeiro gol do partido. Coa vantaxe, os de Paco Herrera fóronse facendo co dominio do xogo e o Alcorcón de Anquela recuou cara o seu campo. Era o momento de buscar a sentenza para evitar o sufrimento. Puido marcar Roberto Lago, que disparou contra o porteiro despois dunha boa parede con Aspas. E no 44 marcou por fin Orellana nunha gran xogada individual. A sensación de Balaídos ao descanso non podía ser máis prácida. Mais a volta do descanso, o Alcorcón demostrou que non estaba en Vigo de visita turística e o árbitro anuloulle un gol ao ex-céltico Oriol Riera por un fóra de xogo bastante discutible. Foi un mazazo para o Alcorcón que perdeu folgos e inda que non deixou de procurar o gol foi perdendo intensidade e concedéndolle espazos ao equipo galego. Aspas, no 85, completou a súa grande actuación persoal co segundo gol da súa conta, o 3-0 que lle permite os vigueses ir á cama en posto de ascenso, á espera do que aconteza mañá no Valladolid-Hércules.  

 

FOTO: Miguel Ángel Álvarez