O Celta a dous puntos do ascenso directo
- Detalles
- Categoría: Fútbol
- Publicado o Martes, 08 May 2012 21:42
- Escrito por Miguel Fernández

Demasiada ansiedade foi a que se sentiu no equipo vigués que tivo pouca pólvora e escaso tino para enfiar xogadas e atopar espazos frente a un Cartaxena que pareceu coller mellor o ritmo neste minipartido. No Celta, o seu adestrador, escolleu xogar con Joan Tomás, De Lucas e Toni de avanzados. Pouco remate e moita mobilidade foi o resultado do experimento. Tamén deu entrada a un Oubiña, impreciso e falto de ritmo, ao que acompañaron Insa e Bustos no centro do campo. E na defensa apareceu Catalá, un central con gol, e Bellvís, ao que lle deixaron toda a banda esquerda. Foi precisamente nun remate deste último cando o Celta estivo máis perto do gol. Un disparo dende fóra da área, que foi rexeitado por Reina a córner, cando ao partido só lle quedaban apenas cinco minutos. E aí acabou todo.
Xa se sabía que xogar con tan pouco tempo non ía ser doado. Ao Celta faltábanlle xogadores e, sobre todo, un dianteiro centro. Por iso, ver na banda a Mario Bermejo quecendo, pero minguado físicamente, foi frustrante. Era, quizais, a mellor opción que tiña o equipo vigués para poñer en apuros a un rival que defendeu con facilidade os balóns aéreos que chegaron á beira da súa área. Pola contra, o Celta sufriu ao verse superado nos contraataques que lanzou o Cartaxena. E tamén nalgúns saques de banda que sobrevoaron a área do Celta e que tiñan moi mala intención.
O mellor para o Celta é que conservou o que tiña, un empate, e que aínda mantén esperanzas para darlle caza ao Valladolid. En Cartaxena non se perdeu nada. Só se xogou media hora que quedará no anecdotario dunha temporada á que aínda lle quedan seis partidos máis.
FOTO: celtavigo.net



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede