Un clásico lisboeta que pode decidir unha Liga
- Detalles
- Categoría: Fútbol
- Publicado o Luns, 09 Abril 2012 15:43
- Escrito por Carlos Meixide
Esta noite hai clásico lisboeta mais non será un clásico calquera. Do que aconteza hoxe no José Alvalade poderase adiviñar en boa medida a resolución do campionato, despois de que o sábado o Porto lle puxera fin de vez ao soño do Sporting Braga. Quedan catro partidos para o final do campionato -cinco no caso dos equipos da capital- e un tropezo do Benfica deixaría medio título na cidade invicta. O Sporting non se xoga nada especial, mais que o pracer de amolar ao seu eterno rival.
Fai dúas semanas falabamos da oportunidade de ouro do Sporting Braga, líder a seis xornadas para o fin do campionato, pero por diante quedaba o que Irureta chamaba o 'tourmalet', capricho do calendario que xuntaba en xornadas consecutivas a visita ao Benfica e o partido na casa contra o Porto. Na Luz, os de Jardim rozaron o empate pero acabaron perdendo. Este sábado, o Sporting Braga pecou de prudencia, se cadra atordoado pola inevitable vertixe ás alturas. Leonardo Jardim decidiu plantexar o partido ao contrataque, co equipo ben formado no seu campo á espera de poder enviar un balón en profundidade a Hélder Barbosa ou Rodrigo Lima. Regaloulle o control da bola ao Porto, que xa non é o equipo tan brillante das últimas tempadas, pero ten moitos xogadores determinantes, nomeadamente nas bandas o colombiano James Rodríguez e o brasileiro Hulk. Precisamente, o Porto procurou facer dano seguido polas ás, pero os laterais do Braga, Miguel Lopes e o nixeriano Elderson, estiveron inmensos en defensa. De maneira que Quim apenas tivo traballo, apenas rexeitar cos puños un disparo dende a frontal do arxentino Lucho Rodríguez. Tampouco Helton, gran porteiro que ás veces gosta de cuestionar a súa propia calidadade mediante excentricidades de toda caste, sufriu demasiado, inda que as dúas oportunidades máis claras dos primeiros corenta e cinco minutos foran os dous únicos achegamentos dos encarnados. Na primeira Alan gañou a liña de fondo e o seu centro enviouno Otamendi a rentes da súa propia porta. Na seguinte xogada, Hugo Viana mandou un pase xenial co exterior da súa zurda a Rodrigo Lima que encaraba só a porta de Helton. Defour cruzouse no seu camiño e derrubouno sobre a liña da área. Olegario Benquerença, o árbitro do partido arriscou, dando a falta fóra da área e o certo é que acertou. O lanzamento posterior de falta de Hugo Viana despexouno con apuros Helton. Viana, o centrocampista de Barcelos, estaba a ser sen dúbida o mellor xogador do seu equipo e probablemente do partido, organizando perfectamente aos seus compañeiros en defensa e inciando sempre con intención e calidade a transición cara ao ataque. Porén, como é habitual no mundo do fútbol, o heroe virou vilán no minuto 55 cando lle regalou un balón cándido no mediocampo a James Rodríguez, que estivo rápido para enviarlle a Hulk en profundidade. O brasileiro, o home máis determinante do fútbol portugués, cruzou ben ante a saída de Quim e puxo o 0-1 que facía estalar a burbulla dos soños minhotos. Quedaba tempo e Jardim abandonou as precaucións ofensivas. O Braga tivo até tres ocasións claras para o empate pero Helton, ao que o sábado acompañou máis a fortuna co acerto, acabou desbaratando a igualada. Co pitido final, o Porto certificaba a súa candidatura ao título, á espera do que hoxe aconteza en Alvalade. A cidade do Porto verá o partido coa bufanda do Sporting de Lisboa ao pescozo. Calquera opción que non sexa vitoria saberalle de pouco ao técnico benfiquista Jorge Jesus, por canto o goal-average favorece aos dragoes. Con todo, o adestrador encarnado non quere pensar no peor, mesmo poñéndose no peor dos casos, e lembra que o porto inda debe visitar ao cuarto clasificado Maritimo de Funchal, e recibir ao Sporting de Lisboa no Dragao.
O Sporting, quinto na táboa e lonxe dende xa fai moito tempo da loita polo título, acabou por converterse en xuiz do campionato. Inda que coa cabeza posta nas semifinais da Europa League ante o Athletic de Bilbao, non quererá esta noite desaproveitar a oportunidade de amolar o seu eterno rival. Quen sabe se non o acabará axudando, paradoxalmente, dentro de tres semanas na súa visita ao Porto. O derbi chégalle ao Sporting nun bo momento de xogo baixo a dirección de Sa Pinto.
DO SOÑO FRUSTRADO DO SPORTING BRAGA AO SOÑO DO GIL VICENTE DE BARCELOS
Para coñecer o desenlace final do campionato haberá que agardar. Esta próxima fin de semana non haberá xornada pois dispútase en Coimbra a final da Taça da Liga. Despois do soño frustrado do Braga, é a quenda para o soño doutro equipo veciño, o modesto Gil Vicente de Barcelos, que terá a oportunidade de conseguir o primeiro título da súa historia. O rival, porén, non llo porá fácil. Será o Benfica, quen sabe se daquela coa Taça da Liga como único título ao seu alcance. Para o Gil Vicente trátase da primeira final da súa historia.
FOTO: Estádio José Alvalade (photogal)



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede