Vitorias cruciais do Lugo e do Montañeros
- Detalles
- Categoría: Fútbol
- Publicado o Mércores, 21 Marzo 2012 22:15
- Escrito por DIOIVO
Na xornada da 2ªB no medio da semana había enfrontamento entre equipos galegos. O Lugo de Quique Setién, reforzado na moral despois de sumar tres puntos, por fin, o pasado domingo ante o Albacete, visitaba o Vao, onde agardaba un correúdo Coruxo que viña tamén de sumar tres puntos no derbi vigués, ante o Celta B, en Balaídos. O equipo de Josiño Abalde mora na zona morna da táboa, lonxe de calquera soño de promoción de ascenso, pero lonxe tamén, o que é máis importante, dos postos de descenso. O Lugo, en cambio, non pode perdoar se quere repetir, cando menos, a excelente tempada pasada.
O Coruxo golepou primeiro cun gol de Marcos Álvarez no minuto 19. Os lugueses, que xa perderan co Coruxo na ida no Anxo Carro (0-2) foron polo empate. Quero puido marcar no 27 mais estrelou o balón no pao. No 35, en cambio, o árbitro aliouse cos roxibrancos e pitou un penalti máis que discutible. O coruñés Carlos Pita encarregouse de executar a penalidade e puxo o empate no marcador.
Á volta do descanso isma, nun gran momento de forma, marcou o 1-2 definitivo ao executar coa dereita un lanzamento dende o vértice esquerdo da área que sorprendeu ao gardarredes do Coruxo. Os de Abalde procuraron o empate con ambición pero sen éxito. No treito final, ambos os equipos quedarían con dez xogadores polas expulsións do xogador do Coruxo Iosu no minuto 85 e do lugués Diego Garrido no 92.
Despois das dúas vitorias consecutivas, os de Quique Setién dispoñen dun agradable colchón de cinco puntos sobre o quinto clasificado, o Oviedo, que hoxe perdeu ante o Conquense.
O MONTAÑEROS SEGUE A SÚA REMONTADA. XA ESTÁ A SÓ UN PUNTO DA SALVACIÓN (2-0)
O Montañeros gañoulle 2-0 esta tarde ao Toledo en Elviña e suma a súa quinta vitoria dende a chegada ao banco de Álex Suárez. A salvación xa se ve máis que factible pois actualmente está a apenas un punto. O Toledo plantexou un sistema moi conservador que só no seugundo tempo foron capaces de desfacer os coruñeses. Como non podía ser doutra maneira, foi Rubén rivera, o pichichi da categoría, quen fixo o 1-0 ao rematar de primeiras un centro de Dopico. No treito final e con superioridad numérica, Jimmy puña a sentenza co 2-0 definitivo.
O equipo de Álex Suárez afrontará un novo partido crucial o vindeiro domingo ás cinco, en Barreiro, ante o Celta B, que despois da xornada de hoxe ten os mesmos puntos cos coruñeses.
O CELTA B RESCATA UN PUNTO DE XETAFE (1-1)
O Celta B non sae dos postos de descenso. O partido do domingo en Barreiro ante o Montañeros será crucial nas aspiracións de ambos os dous equipos pola permanencia. Os de Pichi Lucas conseguiron hoxe, en todo caso, rescatar un punto grazas a un cabezazo do central Raúl Navas despois dun córner lanzado por Jota. Antes, no inicio do segundo tempo, marcara Mendes para o filial xetafense.
FOTO: CD Lugo



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede