1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

“Só pensamos en sumar de tres en tres”

O coruñés Rubén Rivera, do Montañeros, é xunto co dianteiro de Silleda Joselu, do Real Madrid B, o máximo goleador do Grupo I da Segunda División B. Os seus goles nos dez partidos que faltan para o remate do campionato antóllanse fundamentais para culminar a miragre na que se emperrou o equipo coruñés dende a chegada ao banco de Álex Suárez, en lugar de Xosé Ramón: salvar a categoría despois de estar fai apenas un mes practicamente condenado ao descenso á Terceira División.


Catro vitorias en seis partidos con Álex Suárez e o posto de promoción a apenas tres puntos. Como se sente o vestiario despois desta espectacular remontada?

Empezamos a confiar un pouco máis na salvación, pois xa estamos máis cerca. Fai pouco viámolo moito máis complicado. Seguiamos a loitar pero sabendo que era moi difícil. Agora coas tres vitorias seguidas que conseguimos, e que dous ou tres equipos da parte baixa tampouco están gañando, empezamos a ver a luz ao final do túnel. A ver se somos capaces de sacar isto adiante.

Pero que pasou? Tan malos erades antes e tan bos agora?
Non sei. A verdade é que todos fan esa pregunta pero ninguén ten a resposta. É difícil de saber. Antes só conseguiramos dúas vitorias, agora en seis partidos xa levamos máis que nos vintedous anteriores (catro en seis partidos). Eu a resposta non a teño, a verdade, pero un cambio está claro que o houbo e que foi para ben.

En que cambiou a dinámica do equipo coa chegada do novo adestrador? No traballo defensivo talvez?
Sobre todo na motivación. O cambio de adestrador sempre achega motivación aos xogadores que non adoitaban entrar na etapa anterior, e aos que xa estaban xogando impídelles relaxarse. Loxicamente, a nivel defensivo melloramos moitísimo, somos un equipo máis competitivo, somos un equipo máis agresivo, o tema da estratexia tamén cambiou bastante. Eses son os cambios principais con respecto aos anteriores adestadores.

Coa calidade que hai no plantel, moitos xogadores mesmo con experiencia en Primeira... pensades que ocupades o sitio que vos corresponde na clasificación?
Hai que ser sinceros. A principios de tempada co equipo que se tiña, que mantiña o do ano anterior, e no que se procurou facer algún reforzo importante, eu pensaba que estariamos a loitar da metade da táboa para arriba, pero os inicios de Liga sempre marcan a traxectoria dos equipos. Os nosos foron malos e iso condicionounos para o resto da tempada. Agora, cando se está abaixo, o que hai que facer é remar. O Leganés, por exemplo é un equipo pensado para estar nos postos altos e tamén está aí canda nós cun orzamento moi elevado; ou o Pontevedra o ano pasado, tiña un equipo para non pasar apuros e descendeu. Daquela nunca se sabe. Eu o que digo é que os inicios de tempada marcan un pouquiño todo e nós, como empezamos mal estámolo pagando. A ver se somos capaces de solucionalo.

E ti es o máximo goleador da categoría canda Joselu, do Madrid B, con 13 goles. Non podes fallar agora se queredes culminar a remontada...
Iso pretendo, e que os goles sirvan para sumar puntos. Non serve de nada marcar nun partido se logo non se conseguen os puntos. Eu espero que sirvan para os tres puntos, ou un punto no caso de xogarmos fóra, porque tamén van ser moi importantes. Pero a nivel persoal estou moi contento porque o dianteiro o que quere é marcar goles e axudar ao equipo.

Os tres próximos partidos contra rivais directos (Leganés, Toledo e Celta B) serán fundamentais para conseguirdes o voso obxectivo?

Sabemos que nas próximas semanas veñen partidos que van marcar onde vai estar cada equipo. Son nove puntos en xogo, moi importantes porque despois só quedan sete xornadas. Esta semana vai ser clave porque é un enfrontamento directo. E non só está o noso, hai outros equipos que xogan entre eles. Daquela van ser xornadas moi importantes nas que vamos saber definitivamente se nos enganchamos por fin a eses postos de salvación ou se, pola contra, seguiremos sendo os últimos.

Agora a xeira é moi positiva, pero estades preparados anímicamente para cando chegue de novo un resultado negativo?
Non o sei. Agora mesmo coa dinámica que levamos... O outro día cando o San Sebastián de los Reyes se adiantou xa pensabamos que non seriamos capaces de remontar, pero finalmente tivemos a capacidade. Se estamos preparados anímicamente xa veremos. Nós agora estamos nunha dinámica postiva. Só pensamos en sumar de tres en tres, cando menos gañar na casa e puntuar fóra. Iso é o importante. A ver se somos capaces de seguir esa xeira.

FOTO: Web do Montañeros