1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 19-05-2013 19:58

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

O Porto apagou a Luz no 'clásico'

 O Estádio da Luz presentaba un aspecto extraordinario. Practicamente cheo, máis de 60.000 seareiros encarnados ruxían para escorrentar o medo. Medo porque últimamente o Porto sempre colleitaba demasiado premio do campo do seu rival. Na última tempada, co invicto Vilas Boas, fora insoportable: os da cidade invicta gañaran en Lisboa o ´clásico', mais tamén de paso, o título, e celebrárano diante dos seus fuciños. Inda por riba, nas últimas semanas os resultados non acompañaban. En Liga o equipo de Jorge Jesús sumara apenas un punto nos dous últimos partidos (un empate coa Acadêmica de Coimbra e derrota ante Vitória de Guimaraes) e derrota tamén na ida dos oitavos da Champions co Zénit de San Petersburgo. E todo iso notouse, e moito, no comezo do partido.

O Porto saiu ao campo cunha disposición táctica impecable. liñas moi xuntas e presionando moi arriba. O Benfica non cheiraba a bóla e no minuto sete, Hulk disparou un deses trallazos seus dende non se sabe onde que collen despistados a calquera porteiro. Era un gol deses que che dan arreguizos. Parecía difícil pensar nunha reacción do Benfica. Non foi doado, mais finalmente acabou por esquecer os seus traumas e foi cara arriba, máis con corazón que con cabeza; máis co corazón de Maxi Pereira, incansable no lateral dereito, que coa cabeza de Aimar, totalmente desaparecido como xa vén sendo habitual nos últimos tempos. O andaluz Nolito, unha das revelacións do campionato, tampouco tivo o seu día; cada vez que collía o balón acababa prendendo en calquera silveira. Por iso, so a forza do uruguaio Pereira e as súas combinacións co interior Gaitán, o empuxe de Witsel e Javi García no mediocentro, e a intelixencia para xogar de costas de Cardozo, conseguiron orixinar sensación de perigo, sobre todo en forma de faltas na frontal que o propio Cardozo teimaba en tirar contra a barreira. Pero, con todo, o Benfica volvera definitivamente ao partido e ao Porto pouco lle durou a boa facha do inicio. A falta de catro minutos para o descanso, Cardozo recolleu un rexeite na área, nunha posición dubidosa mais corrrecta pois o habilitaba Otamendi, e dun bo disparo marcou o empate. Alivio para a parroquia encarnada de cara ao segundo tempo.

Na reanudación o Porto seguía sen aparecer. O Benfica, en cambio, continuou coa actitude do último cuarto de hora da primeira parte e non tardou en colleitar a recompensa. No 47, Aimar bota unha falta lateral e Cardozo remata na área entre dous despistados: Rolando e Maicon. Case vén abaixo o Estádio da Luz. Remontada e, en frente, un Porto cada vez máis pequeno ao que so sostén o espléndido trinco brasileiro Fernando, conmovedor no seu esforzo, nas súas coberturas aos compañeiros, nos seus ofrecimentos de apoio...  Vítor Pereira non quixo renunciar ao partido e procurou un revulsivo, e o revulsivo ultimamente por Porto é sempre o mesmo: James Rodríguez. Para darlle máis verniz de entusiasmo meteuno no campo por un central: Rolando. E a xogada funcionoulle de marabilla. O colombiano acabou sendo o gran protagonista do partido. A súa habilidade para conducir o balón colado á súa zurda, e a velocidade endiañada á que o fai, é de verdade espectacular. Inda por riba é intelixente e ten bo disparo. Todas as características agromaron no gol do empate. Recuperación, como tantas veces, de Fernando, gallopada imparable de medio campo do colombiano, parede novamente con Fernando e furolo pola escadra.

O medo agromou novamente no estadio. Hulk, que dende o gol sumírase no no máis patético ostracismo, conseguiu forzar a segunda amarela de Emerson. Con inferioridade, a maioría dos benfiquistas terían asinado polo empate. Máis os do Porto era visto que non. O gol definitivo chegou no saque dunha falta moi afastada da área, lanzada precisamente por James Rodríguez e peiteada pola calva de Maicon que se adiantou a un impreciso Artur Moraes.

O Porto volveuno facer máis unha vez, o Porto apagou a Luz e retoma a iniciativa no campeonato (52 puntos por 49 do seu rival, a falta de nove partidos)  Ao Benfica, que tan tranquilo vivía fai tres semanas, xa lle entra a vertixe do que empeza a ver que logo pode quedar sen nada.

FOTO DE VÍTOR PEREIRA: thesportreview