1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 02-06-2013 09:57

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Gol de Caraglio. Merda de porteiro

É moi improbábel, inda que non imposíbel, que algún día se dispute un partido de fútbol entre o Rangers da Primeira División chilena, e o Cracovia da Segunda polaca. Pero no caso de acontecese tal cousa, nun devaluado torneo de verán por exemplo, podería darse o caso de que Milton Caraglio lle metese un gol a Lukasz Merda. Milton Caraglio é un dianteiro arxentino, da cidade de Rosario como Leo Messi, que xoga na actualidade nun dos clubes máis potentes da Liga Chilena: o Rangers da cidade de Talca. Dianteiro grande, forte e peleón este Caraglio, é alcumado como o "gordo Caraglio", motivo polo que posíbelmente Maradona o convocou para a Selección nacional arxentina en 2010. Unha lesión de Caraglio impedíu, porén, que o mellor xogador da historia do fútbol se convertese tamén nun adestrador de Caraglio. Curiosamente Caraglio é de orixe italiana e non galega como puidera parecer polo apelido. Seica tampouco ten orixes galegas Lukasz Merda, porteiro polaco que xoga no Cracovia da segunda división do seu país. Como o seu nome indica non se trata dun gran porteiro. Neste gráfico podemos observar ademais como dende a eclosión da crise financeira baixou considerabelmente a súa cotización no mercado futbolístico. Este valor do xogador, con todo, é enganoso. Hai que dicir que neste caso o apelido axudoulle a conquerir unha popularidade, nomeadamente en Brasil e Italia, que non tería alcanzado en absoluto polos seus méritos estritamente futbolísticos. Outro xogador ao que cómpre seguir con atención nos próximos tempos é o eslovaco con nome de cafeteira Tomas Kona, que xoga no Senica da Liga do seu país, e que debutou coa súa selección a primavera pasada nun partido contra Andorra, provocando a hilaridade da numerosa comunidade galega residente no Principado. Nesta ligazón poderedes coñecer a cara de Kona.

Continuando con estas coincidencias obscenas atopámonos na liga profesional estadounidense, nada menos que nos Red Bulls de Nova York, canda Rafa Márquez e Thierry Henry, ao aguerrido defensor colombiano Wilman Conde Roa, quen prosperou na súa carreira grazas aos Millonarios de Bogotá e, quen facendo honra do seu apelido, demostra nesta entrevista nun xornal da súa cidade, Cali, a súa preocupación pola política local, mesmo polas normativas municipais de peche de locais nocturnos. "A nosotros los futbolistas esto no nos preocupa, ya que la vida nocturna no nos afecta", asegura humilde. É unha magoa, en todo caso, que Conde Roa non xogue na Segunda División española, na que podería chamarlle 'mamón´ a vontade ao árbitro asistente Diego Barbero Sevilla.

POLÍTICOS E DEPORTISTAS

Outro 'político galego' de carreira futbolística senlleira é Paco Rodríguez, que tan bos dividendos deu na 'U', como se coñece popularmente o equipo da Universidade de Chile,- cuxo escudo inspirou tanto a Adolfo Domínguez-. Na actualidade, Paco mantense firme nas súas conviccións políticas e lonxe de xogar no fútbol capitalista europeu, triunfa na Liga Vietnamita, onde o ano pasado militou no equipo de "Ho-Chi-Min". Un dos soños incumpridos de Paco Rodríguez, posíbelmente, teña sido non coincidir no mesmo equipo con Stalin Rivas, un dos mellores xogadores da historia de Venezuela. Zurdo, por suposto, ao asinar recentemente por un equipo, prometeu  "traballo, traballo e máis traballo", estaxanovista declaración de Stalin que non se corresponde, paradoxalmente, co que contan as crónicas sobre súa disipada vida nocturna, invencións que temos que entender que proveñen de diletantes quintacolumnistas. Por certo, Stalin Rivas xogou na 2001-2002 co Deportivo Galicia de Caracas. Como era de prever, o paso de Stalin por Galicia foi un fracaso notábel. No fútbol sudamericano son aínda habituais os Stalins ou os Lenins. Non tanto os Trotskis, inda que Trotski se chamara o bisavó de David Villa, como nos contou Aníbal Malvar nunha fermosa crónica nun xornal de Madrid. 

Non hai, desgrazadamente, futbolistas notábeis que se apeliden Núñez Feijóo, pero comprobamos abraiados como Feijóo é o segundo apelido do xogador de baloncesto Juan Carlos Navarro Feijóo, cuxa nai é do concello lugués de Pol. Demóstrase, xa que logo, que este apelido non está reñido co talento. Por certo, no Deportivo da Coruña xoga Jesús Vázquez, homónimo do Conselleiro de Cultura e Educación, e que non acaba de aclimatarse ao país. Chegou con moita ambición pero a súa esaxerada tendenza ao recorte e a súa falla de creatividade condenárono ao ostracismo de Riazor. Outro xogador que non triunfou na Coruña foi o mexicano Omar Bravo, nome senlleiro que pasou tan desapercibido como o seu dono. Omar bravo de Riazor non era tan bravo como parecía.

Non faltan no fútbol internacional outros nomes ben bizarros. Sen dúbida o meu favorito é o do apetitoso centrocampista do América de México, Gil Cordero Burgos. Préstame pensar tamén que ante a desaparición da nosa Selección, poderemos cantar aínda os goles de Galicia, Juan Galicia, xogador do Boyacá Chicó da Primeira División colombiana.

Son moitas escolmas as que existen en internet sobre nomes curiosos no fútbol; en Brasil, por exemplo, esmendréllanse coas nosas futbolistas internacionais  Verónica Boquete, declarada mellor xogadora do ano na liga profesional dos Estados unidos; e Ana Buceta, gran promesa de El Olivo de Vigo que mesmo mereceu unha plana na Folha de Sao Paulo.

Pero o que triunfa en todas as listas, independentemente do idioma, é o ecuatoriano Michael Jackson Quiñónez. Con todo, de fasquía tal prefiro mil veces a altura literaria do internacional sudafricano Macbeth Sibaya e, sobre todo, o nome do xogador de baloncesto americano-montenegrino: Omar Sharif Cook, quen antes de xogar en España, Málaga e Valencia, tivo a oportunidade de cumprir cun soño: xogar no Samara, equipo ruso do país do Doutor Zhivago.