1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 02-06-2013 09:57

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Un equipo de coitados

Só catro partidos e só unha vitoria. Algúns verán o vaso medio cheo e outros medio baleiro. Se escollemos o camiño dos tópicos, un clásico do xornalismo deportivo, o fío guiaríanos por frases escollidas desta caste: “a liga aínda acaba de comezar”, ou “o equipo ten que afacerse á categoría”, e tamén “as novas incorporacións non están aínda acomodadas”. En fín, unha chea de desculpas para non falar ou non preocuparse de máis. O certo é que o Celta só suma tres puntos en catro xornadas e hainos que xa están un pouco preocupados. O primeiro, o adestrador, que logo da última derrota en Valencia dixo “ás veces erramos en cousas infantís”. En galego con estilo Herrera chamoulles aos xogadores coitados, malpocados, miñasxoia. Esa foi a conclusión que tirou o máximo responsable do equipo. A Herrera convénlle buscar unha solución axiña porque xa saben que a vida dos adestradores é moi finita. É certo, porén, que o Celta tamén deu síntomas de equipo con expectativas de mellorar nestes primeiros partidos pero...

Na primeira xornada, contra o Málaga, o equipo vigués xogou mellor, tivo as mellores ocasións e rematou perdendo por mor do gol dun rapaz, Fabrice Olinga, que tan só tiña 16 anos e 98 días e ademáis xogaba o seu primeiro partido en Primeira. Coitados. No seguinte partido, en Donosti, o Celta tivo a sorte de cara e incluso chegou a marcar antes ca o seu rival. Fíxoo De Lucas, que logo dunha parede con Iago Aspas, conseguía un gol de Primeira logo de moitos anos agardando esa sensación. Pero o Celta estragou a ocasión de gañar e dous goles de Agirretxe en sete minutos viraban a sorte do partido. Malpocados. A preocupación era evidente. Comezouse a falar do problema do gol e esa semana chegaba a Vigo Park Chu Young, o primeiro coreano en vestir a camisola do Celta, que se saiba. Foi así como na terceira xornada e contra Osasuna, que aínda non gañara, o Celta encetaba o casilleiro das vitorias grazas aos goles de Aspas, o seu primeiro gol na categoría, e de Mario Bermejo. E despois dun paréntese de duas semanas o Celta volveu vestirse de petapouco en Mestalla. Comezou recibindo un gol moi cedo mais conseguiu empatar e xogar mellor que un equipo con etiqueta Champions. Aínda así tornou o mal fado contra o equipo vigués que vía coma outro debutante chamado Cissokho tombaba ao Celta. Miñasxoias.

Pero non son todo dramas. Do mellor do Celta é poder afirmar que o adestrador segue confiando na canteira. Nos catro partidos xogados o equipo vigués saiu sempre con seis xogadores galegos. Esa é unha proba da confianza que se ten no club na calidade de homes como Oubiña, Túñez, Álex López, Roberto Lago, Hugo Mallo ou Iago Aspas. Xa debutou outro lateral dereito de nome Jonny. Pero tamén houbo outros que tiveron que facer as maletas, o caso de Jota, que deixou as Rías Baixas polo Castela, o filial do Real Madrid. Aí seguen en calquera caso Toni, Jonathan Vila, Sergio ou Dani Abalo agardando o seu momento.

E dos de fóra ou dos que son novos nesta aventura da volta á Primeira, polo momento, quedámonos cos apuntes de xogadores como o arxentino Augusto Fernández e o danés Krohn Dehli, dous xogadores que farán medrar ao equipo a pouco que amosen o que custaron, que anda polos 2 millóns e medio de euros. Non parece mala a chegada para a portería de Javi Varas (cedido polo Sevilla), máis dúbidas deixou Gustavo Cabral, un central arxentino que tivo luces e sombras nas súas primeiras aparicións, e outro central inédito, Samuel, que xa veremos o que pode aportar. E de Park Chu Young sabemos que vén do Arsenal e que é internacional por Corea do Sur.

Coitados, o que se di coitados, non parecen estes xogadores. Pero Paco Herrera terá tamén que pasar a proba de amosar que é un adestrador para a Primeira división . Meu pobre. 

FOTO: www.realsociedad.com