1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

O Burela sempre dá a cara nas grandes ocasións

O CD Burela FS Pescados Rubén sempre medra nas grandes citas e sumou o primeiro punto da eliminatoria na Bomboneira, ao gañarlle 3-1 ao Manzanares, que só puido crear perigo nos últimos minutos.

Ambientazo en Vista Alegre cunha afección que nunca deixa ao seu equipo e menos nos momentos máis importantes da temporada, e o primeiro partido do play off polo ascenso á 1ª división foi esa gran tarde de fútbol sala para desfrute do público laranxa. O encontro comezou con dúas ideas moi claras, o Burela quería o balón e o partido e o Manzanares, sabedor de que é máis forte en Cidade Real, cedeu a iniciativa ao equipo local, que soubo aproveitala xa dende o inicio, e é que xa comezaba o partido de cara para os de Julio Delgado cando no minuto 2 Iago Míguez encontrou un balón rechazado por Noguera na área e subiu o 1-0 ao marcador. Os locais seguiron atacando e probando fortuna, mentres que os de Cidade Real xogaban en longo para coller a espalda do equipo mariñao. Os locais eran moito mellores e no minuto 6 Clebinho recolleu outro rechace de Noguera despois dun tiro de Ique e conseguiu levar o balón ao fondo das mallas do Manzanares para facer o 2-0. Ía todo sobre rodas para o equipo de Julio Delgado. Aínda Christian tivo outra boa oportunidade ante Fran Noguera que estivo case perfecto. Ao ir co marcador en contra decidiu o Manzanares sobir liñas e presionar máis avanzados o que lles serviu para que Juanillo no 18 tivese a única oportunidade clara visitante, despois de canear a André disparou para que Iago Barro detivese de forma espectácular. O Burela era moi superior nesta primeira metade que remataba co 2-0. Xa no segundo tempo os cidaderealeños saíron presionando moito máis arriba e facendo un xogo máis duro. Seguían probando con balóns longos e o Burela dispuxo dalgúnha oportunidade máis nos primeiros minutos por parte de Chirstian e de Ique que non chegou ao balón nunha contra cando só tiña que empurrar o esférico a gol, xusto despois probou en xogada persoal o brasileiro facendolle un sombreiro ao porteiro rival, pero foiselle fóra. Chegaron uns intres nos que o Manzanares dispuxo de algúnha ocasión nas botas de Rubén, pero nunha contra moi ben levada polo Burela, o capitán, Juanma, fixo o 3-0 de tiro raso cruzado dende a esquerda. Un golazo que case deixaba o partido sentenciado no minuto 32. Pero ao recibir o gol os visitantes sacaron porteiro xogador e intentárono de todas as formas, anque o burela defendeu moi ben o 5 para 4 e os de Cidade Real foron lentos na circulación. Co porteiro xogador os roubos do Burela convertéronse en perigo para a meta rival pero a falta de 3 minutos para o remate Juanillo facía o 3-1 de disparo potente. Nas seguintes xogadas seguiron chocando coa defensa burelá e ata Juanma dispuxo da sentenza firma nun roubo de balón que non acertou a tirar por dentro da meta contraria. Así morreu o partido, co triunfo importantísimo do Burela que colle a dianteira na eliminatoria e viaxará a Cidade Real coa intención de finiquitar o duelo no primeiro intento, que será o Venres ás 20:45 na pista do Manzanares.

O triunfo era básico para as aspiracións mariñás, xa que a pista do rival prexudica moito o xogo dos burelaos, e ir por diante na eliminatoria pásalle a tensión aos cidaderealeños.

Ficha técnica

CD Burela FS Pescados Rubén: Iago Barro, Juanma, André, Víctor López, Iago Míguez-cinco inicial- Ique, Clebinho, Christian e Purao.

Manzanares FS: Fran Noguera, Kikillo, De la Cuerda, Kike, Kiki-cinco inicial- Rubén, Juanillo e Teto. Goles: 1-0, m.2, Iago Míguez; 2-0, m.6, Clebinho; 3-0, m.31, Juanma; 3-1, m.37, Juanillo. Árbitros: González Moreta e Sánchez Chamorro.