1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

O Ázkar celebra un ano máis en Primeira

O Azkar Lugo seguirá na primeira división e a tempada vindeira cumprirá a súa 12ª campaña na máxima categoría do fútbol sala español. A gran segunda volta dos de Diego Ríos culminou no día de hoxe cunha derrota en Manacor nun impresionante partido pero os lucenses aproveitáronse da derrota do Marfil Santa Coloma ante Elpozo Murcia (2-6) para así selar a continuidade en primeira. Hoxe os galegos realizaron unha segunda parte impresionante e ata nos dous últimos minutos, pese ao 7-7 e sabendo que o Marfil xa perdera, fóronse a pola vitoria con porteiro-xogador. Aí o Manacor definiu mellor ante un Azkar que case case xa celebraba a permanencia.

Nos primeiros vinte minutos os maiorquíns amosáronse un punto por riba dos azuis e é que ao minuto de empezar xa vencían 1-0. Axiña empatou o Azkar xa que aos cinco minutos Jandri facía a igualada e tras varios minutos de tanteo serían os locais os que se puñan con 2-1 tras rematar Javi Rodríguez un balón só ao segundo pau. Aí a escadra transportista parecía seriamente tocada, non lle saían as cousas, e aínda que o Manacor amosábase un puntiño por enriba o partido estaba igualado. O final da primeira parte foi trepidante, como o serían os segundos vinte minutos. E tras o 3-1 no minuto quince de Martín Amas, no dezasete Antonio anotaba o 3-2, e case sen tempo a celebralo Juan Carlos López facía o 4-2. O Manacor estivo durante sete minutos con cinco faltas pero a Azkar non foi capaz de provocar a sexta para intentar reducir o marcador antes do descanso.

Logo dos escasos cinco minutos de descanso debido á xornada unificada no día de hoxe, o partido renovouse e o Azkar pasou por momentos por enriba do seu rival. En tan só catro minutos Ossorio e Jandri colocaban o 4-4 no luminoso, e a pesar de que ao minuto seguinte Paulinho facía o 5-4, só uns segundos despois Kiko aproveitaba un erro do meta local para facer o 5-5. Eran os mellores minutos do Azkar, que se foi descaradamente a pola vitoria e noutro tramo de catro minutos Jandri no segundo pau a pase de Kiko e Paulinho en propia porta tras disparo de Juanpe colocaban o 5-7 no marcador. Cos dous equipos en cinco faltas, a sexta en contra do Azkar chegaría a cinco da conclusión e Paulinho dende o punto de dobre penalti non erraba ante César (6-7). O Manacor tamén quería a vitoria, ou polo menos empatar o choque, e a falta de catro minutos facía o porteiro-xogador, e nunha das súas primeiras xogadas facía o empate a sete goles. Nos instantes finais o Azkar Lugo tamén buscaba a vitoria con Ossorio como porteiro-xogador a pesar de que nese instante xa chegaban as boas noticias dende Santa Coloma, case festexando a permanencia, e Fisiomedia Manacor aproveitou dous roubos para facer o 9-7.

O Azkar Lugo pecha así unha impresionante segunda volta na que sumou a friorenta de 21 puntos, para acabar a Liga con 29 e no 13º posto que deu a permanencia.

 

Ficha técnica:

Fisiomedia Manacor 9:Chus López, Juan Carlos López, José Ruiz, Rubén e Vega -cinco inicial-, Javi Rodríguez, Martín Amas, Jesús Illán, Joselito, Paulinho e Lemine.

Azkar Lugo 7: César, Aranburu, Jhony, Ossorio e Bruninho, -cinco inicial-, Kiko, Jandri, Antonio, Juanpe, Xuxa e Diego.

Árbitros: Blázquez Sierra e García Donas (comité catalán). Amoestaron con cartón amarelo a Paulinho (Fisiomedia) e a Ossorio, Kiko e Aranburu (Azkar).

Incidencias: 30ª xornada de liga na 1ª división. Palma Arena. Uns 500 espectadores e preto de 20 afeccionados chegados dende Lugo.

Goles: 1-0 min. 1 Juan Carlos López, 1-1 min. 5 Jandri, 2-1 min. 10 Javi Rodríguez, 3-1 min. 15 Martín Amas, 3-2 min. 17 Antonio, 4-2 min. 17 Juan Carlos López, 4-3 min. 21 Ossorio, 4-4 min. 25 Jandri, 5-4 min. 26 Paulinho, 5-5 min. 26 Kiko, 5-6 min. 28 Jandri, 5-7 min. 32 Paulinho (propia porta), 6-7 min. 35, Paulinho (dobre penalti), 7-7 min. 36 Martín Amas, 8-7 min. 39 Jesús Illán e 9-7 min. 40 Paulinho.

 

FOTO: Ázkar Lugo