A mala fortuna e os árbitros cébanse no Ázkar
- Detalles
- Categoría: Fútbol Sala
- Publicado o Sábado, 21 Abril 2012 16:30
- Escrito por DIOIVO
O Ázkar Lugo perdeu 2-3 ante Caja Segovia nun partido no que a mala fortuna se cebou nos lugueses no treito final do partido. Despois dunha exhibición defensiva durante 38 minutos e medio, a muralla luguesa acabou cedendo ante a superioridade numérica dos segovianos que só apostaron polo porteiro-xogador a tres minutos do final do partido. Antes, Kiko estivera a piques de sentenciar nunha contra que culminou cun disparo ao traveseiro da porta de Cidao. Con cinco contra catro, Caja Segovia acabou atopando o gol do empate. Fíxoo Fabián despois dunha asistencia de David. Co gol recuperouse a igualdade numérica, pero o Ázkar, tocado, acabou cometendo un erro que lle custou o 2-3, moi parecido ao gol anterior. Novamente Fabián aproveitaba unha asistencia de David dentro da área. Tocaba apelar ao heroísmo para rescatar cando menos un punto. Saíu porteiro xogador e o Ázkar asediou sen demasiada fortuna a porta segoviana. Puido marcar Aramburu nun potente disparo a falta de catro segundos que Cidao desviou con apuros a córner. Inda dispuxo doutro canto máis o Ázkar co reloxo a piques de expirar, a falta de apenas 1 segundo para o final. O córner bateu claramente na man dun xogador de Caja Segovia. Viuno todo o pavillón agás o árbitro (Martinez Segovia era o seu nome, por certo), e a cegueira do colexiado restoulle un punto vital a este Ázkar que loita con extraordinaria afouteza pola permanencia. A reacción indignada dos xogadores e do Pavillón dos Deportes contra os árbitros reflectía ademáis o desencanto por perder nun partido no que os de Diego Ríos volveron dar un fantástico nivel.
Antes do último minuto e medio de goles e polémica, o partido respondera perfectamente ao guión escrito por Diego Ríos. A solidez defensiva do Ázkar foi extraordinaria e se alguén a exemplificou mellor que ninguén foi Jhony, infranqueable durante todo o partido. Ademáis, Jhony puxo a cereixa no topo do bolo co seu gol no minuto 7 que adiantaba os lugueses. O resto do primeiro tempo, foi unha exhibición defensiva dos de Diego Ríos malia o dominio de Caja Segovia que non dispuña, porén, de ocasións excesivamente claras.
Na reanudación, continuou o dominio castelán e a boa defensa galega, pero no 27 o internacional Borja Blanco conseguía por fin o empate. O Ázkar, con todo, demostrou unha vez máis a súa casta e procurou o gol con bravura. Acadouno Ossorio apenas dous minutos máis tarde. O Ázkar volveu demostrar a súa extraordinaria disposición defensiva até que aconteceu todo canto contamos ao inicio da crónica. Foi unha mágoa porque tras a derrota previsible de Marfil Santa Coloma na cancha do Barcelona, calquera punto valía hoxe o seu peso en ouro na loita pola permanencia.
FOTO: Ázkar Lugo FS



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede