1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 22-05-2013 08:11

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Un Azkar brillante vence en Puertollano e sae por fin do pozo

O Azkar Lugo FS volveuno a facer. Gran partido, práctico e serio, e nunha pista súper complicada. Hoxe os lucenses recuperaron a súa mellor versión e tras un primeiro período no que chegou mandando ao descanso pola mínima o Puertollano, a pesar dos lucenses enviar dous disparos aos paus, no segundo período pronto empataron os galegos e no minuto 25 o Azkar lograría porse por diante. Os galegos amosáronse moi serios en defensa e o 1-3 a falta de cinco minutos para o final foi un golpe de moral importante. No intercambio de goles cando os locais atacaban con porteiro-xogador, o Azkar Lugo amarrou a vitoria con goleada final (3-7). 


O partido arrincou cun Azkar buscando o gol e así aos 25 segundos Dani Martín estrelaba un disparo no pau. Pero pronto se igualaron as forzas e o primeiro período sería iso, equilibrado. Tívoa ao minuto 5 o Puertollano cun balón na área solto que ninguén chegou a rematar e Jandri respondía na porta contraria cun remate que se paseaba pola liña de gol de Borja. O choque estaba aberto, calquera podía marcar e o propio Jandri coa cabeza despexaba un tiro moi afastado de Palomeque que parecía irse dentro, e a resposta non se facía esperar por parte do Azkar xa que Kiko mandaba ao pau tras estratexia de corner. Os lucenses presionaban ben o balón e iso leváballe a recuperar constantemente e crear a ansiedade nos locais. Tras un disparo de Fer ao pau da meta de César, o Puertollano poríase por diante co 1-0 ao rematar Contreras, cun derechazo e en volea, un saque de corner. Tras o gol dos locais o partido volveríase máis táctico, con algunhas imprecisións e con ambos equipos un tanto medorentos por non encaixar gol. Aínda así calquera o puido facer, pero o 1-0 campearía no luminoso ao descanso.


Tras o paso por vestiarios o Azkar sabía que un gol metíalle de cheo no choque e a reacción non puido ser máis rápida xa que unha boa presión de Jandri facíalle recuperar ante Werner e o lucense púñalla a Dani Martín que a pracer empataba co 1-1 ao minuto da continuación. Seguía o intercambio de golpes en forma de ocasións por parte dos dous equipos e tras a de Robert que César paraba abaixo, chegaría o 1-2: Jhony mandaba unha diagonal longa a Xuxa e o 20 do Azkar tras baixar o balón con calidade co peito, colocáballa no pé para bater de tiro cruzado a Borja (1-2). Ese gol creou certo nerviosismo na escadra local que se desquiciaba ante a tea de araña defensiva montada polos galegos. O partido non tiña tregua e se Merino mandábaa arriba tras un rexeite, Aranburu recuperaba un balón de novo en zona alta e Borja paraba a tiro de Bruninho. E é que a defensa presionante por momentos dos azuis, volveu crear problemas aos manchegos no segundo período. Unha clara ocasión sería a de Aranburu no ecuador deste segundo acto nunha contra en superioridade que paraba brillantemente Borja. E precisamente unha contra ao minuto 35 sería a do 1-3 para os lucenses cando Jhony só ante o meta local púñaa fóra do alcance de Borja. O partido púñase a favor e o Puertollano estaba contra as cordas. Eses cinco minutos restantes foron un intercambio de goles cos de David Ramos xogando con porteiro-xogador na figura de Palomeque. O 1-4 chegaría tras unha boa acción de estratexia de corner do Azkar Lugo cando Jhony púñalla a Jandri no segundo pau e un minuto despois, nun dos poucos erros dos galegos defendendo a superioridade, chegaría o 2-4 de Werner. Os locais crecíanse pero os transportisas non estaban dispostos a deixar escapar este importantísimo triunfo. Xuxa no 38 loitaba en zona alta por un balón e a mesma tiña premio co 2-5. Quedaban dous minutos, e a pesar de que Contreras anotaba o 3-5, o Azkar non sufriu demasiado xa que volveu defender ben o 5x4 dos rojillos e ademais no último minuto Kiko con dúas recuperacións, unha dende campo propio e outra en media cancha, puña a goleada co 3-7 final.


Con esta vitoria o Azkar Lugo suma 26 puntos e colócase 13º, saíndo do posto de promoción de descenso que agora ocupa o Marfil Santa Coloma tras a súa derrota ante o Ríos Renovables Ribera Navarra por 3 goles a 4, quedando o conxunto navarro un punto por encima dos lucenses.



Ficha técnica:
    Puertollano 3: Borja, Contreras, Nano, Werner e Merino, -cinco inicial-, Palomeque, Cuco, Chano, Fer, Robert e Nacho Pedraza.
    Azkar Lugo 7: César, Juanpe, Jhony, Kiko e Dani Martín, -cinco inicial-, Bruninho, Jandri, Xuxa, Aranburu, Iago Rodríguez e Antonio.
    Árbitros: Alonso Montesinos e Rubio Fajardo (comité aragonés). Amoestaron con cartón amarelo a Palomeque, Merino, Nacho Pedraza e Contreras (Puertollano) e a Kiko (Azkar).
    Incidencias: 26ª xornada de liga na 1ª división. Algo máis de 1000 espectadores.
    Goles: 1-0 min. 8 Contreras, 1-1 min. 21 Dani Martín, 1-2 min. 25 Xuxa, 1-3 min. 35 Jhony, 1-4 min. 36 Jandri, 2-4 min. 37 Werner, 2-5 min. 38 Xuxa, 3-5 min. 38 Contreras, 3-6 min. 40 Kiko e 3-7 min. 40 Kiko. 

 

FOTO: Ázkar Lugo FS