1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 21-05-2013 15:45

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

O gol de Haydée en Elxe bríndalle a cuarta praza ao Burela FSF

Comezou o partido coas cousas claras o Femesala Elxe. As rapazas de Sonsoles retrocederon dende o asubío inicial e metéronse en dez metros para rexeitar as embestidas do Burela FSF. Haydeé e Cely, moi activas en ataque durante todo o partido, dispuxeron de varias ocasións pero bateron con Vane unhas veces e coa falla de puntería outras. O Femesala só intentou mandar balóns dende unha área á outra para buscar un erro laranxa que nunca chegaría. Milena tivo no minuto 12 unha boa ocasión para abrir o marcador. Na única oportunidade local do primeiro tempo, Sofía encontrouse cun man a man ante Jozy, pero a brasileira foi mellor. O Burela puido marchar ao descanso con vantaxe, nunha excelente oportunidade de Cely faltando 6 segundos para o final da primeira parte.

No segundo período, o Pescados Rubén intensificou a presión. O partido era un calco do primeiro período, xa que o Burela tiña a completa posesión de balón e o Femesala só podía manter a defensa ordeada para non recibir un duro correctivo. Só pasaron 3 minutos e chegaba a xusta recompensa para o Burela, xa que Haydée, no minuto 23, facía un auténtico golazo de forte disparo que poñía ao equipo de Pardeiro por diante no marcador. Era o 0-1. Tres minutos despois Haydee volveu aparecer, pero desta vez xunto a Jozi, para afastar o empate da liña de meta despois de que Yoli conseguise tirar á portería contraria, pero entre a peche viguesa e a porteira brasileira, conseguiron mandar o balón fóra. Os minutos pasaron e o partido seguía sendo do Burela, con ocasións pouco claras, pero cun rival que non conseguía poñer en apuros ao equipo mariñao. Tamén a meta rival, Vanessa, tivo culpa de que o luminoso non reflectira unha diferenza maior, xa que foi das mellores do seu equipo desbaratando múltiples ocasións burelás. A escasos dous minutos para o asubío final, Peque tivo unha boísima ocasión de subir o segundo tanto galego pero non tivo fortuna. Acto seguido, as alacantinas optaron pola saída de María Otero como porteira xogadora, pero o equipo de Javier Pardeiro sabe defender moi ben esta xogada e as locais non puideron perforar a defensa visitante, chegando así ao remate do partido que lle daba unha xusta vitora ao Burela FS.

Con este triunfo o Burela sitúase cuarto na clasificación da primeira división subindo un posto e segue coa súa serie de bos resultados. Adianta ao Cajasur que sufriu unha dura derrota (11-5) ante o Navalcarnero, líder e próximo rival das burelás na fin de semana tras o parón da Semana Santa.

 

 

Femesala: Vane; Miriam, Vero, María Otero e Noeli (quinteto inicial). Tambén xogaron, Yoli, Maite, Sofía, Jeza e Mirian.

Burela: Jozi; Dolo, Haydée, Claudia e Cely (quinteto inicial). Tambén xogaron, Lidia, Rosana, Peque, Maite e Milena.

 

 

FOTO: Haydée nun partido desta tempada (Burela FS)