Chaguinha e Álex evitan que o Lobelle esperte do soño da Copa
- Detalles
- Categoría: Fútbol Sala
- Publicado o Sábado, 10 Marzo 2012 10:07
- Escrito por Óscar de la Fuente
Pasouno mal o Lobelle de Santiago para manterse con vida na Copa de España. Os santiagueses viaxaban a Logroño en mellor momento que o Carnicer Torrejón, pero os protagonistas xa se encargaran de avisar na véspera que nestes torneos o favoritismo non computa. Chaguinha, que enviou o encontro de cuartos aos penaltis ao empatar no penúltimo minuto, e Álex, encargado de deter a pena máxima decisiva, foron os heroes dun colectivo que xa pensa na semifinal deste sábado contra o Talavera.
Con Palmas fóra da convocatoria por unhas pequenas molestias e Santi Valladares exercendo de técnico na pista pola sanción a Tomás de Dios, comezou o equipo santiagués mostrando que non ía reservarse de cara a unha posible semifinal, ao cometer dúas faltas no primeiro minuto de xogo. Xa aos dez segundos do choque Raúl Campos probou a Mendiola para avisalo de que non ía ser unha tarde plácida para o exlobellista. Tres minutos tardou o plantel madrileño en provocar que Álex se desperezase para deter un chut desde preto de Rivillos. Segundos despois, Barroso aproveitou unha contra para definir á perfección tras un pase de Raúl Campos e anotar así o 0-1. O Lobelle dominaba o encontro e creaba perigo, sobre todo mediante disparos lonxanos, ante un inofensivo Carnicer, que non atopaba os vieiros para crearlle problemas á defensa granate (os santiagueses xogaron coa camisola suplente). Así se desenvolveu a meirande parte da primeira metade, ata que nos últimos minutos os de Torrejón, grazas a sendas ocasións de José Carlos, Rober e Rivillos; ameazaban con chegar con tablas ao descanso, sen conseguilo.
Logo do paso polos vestiarios o choque cambiou. O Carnicer subiu as liñas de presión e conseguiu que a acción se desenvolvese no terreo lobellista. Aos 23 minutos José Carlos, esta vez si, sacou partido dun córner cun latigazo sen deixar caer o balón, ante o que nada puido facer Álex. Eran os mellores minutos do clube adestrado e presidido por José Carnicer. No 26, Raúl Campos viuse obrigado a deter cun agarrón un contragolpe perigosísimo cando David xa se citaba con Álex no man a man. Non evitaría o gol, xa que Rivillos executou maxistralmente o golpe franco para situar o 2-1 no electrónico.
Foi outro punto de inflexión. Os madrileños decidiron replegarse atrás e conservar a súa vantaxe, sen mostrar a ambición suficiente para incrementala. O Lobelle, que non creara perigo no segundo parcial, obrigou a Mendiola a lucirse. Ata media de ducia de situacións claras foron anuladas polo gardamallas. Ata que a falta de tres minutos o corpo técnico santiagués apostou por Barroso como porteiro-xogador. Cando restaban pouco máis de cen segundos para que sonase a bocina, Chaguinha empurrou a pracer na liña de gol un tiro de Aicardo que se envenara logo de tocar nun defensor. Malia que o Carnicer contraatacou tamén coa superioridade no último minuto, non foi quen de desfacer o empate que conducía aos penaltis. Suficiente premio para os santiagueses logo de ver como o marcador reflectía un 2-1 no minuto 39.
Na denominada ‘lotería’, o Lobelle completou a faena. Trece lanzamentos alonxáronse nas mallas sen que os respectivos metas (os equipo compostelán empregou a dous: Álex e Frois) puideran evitalo. Ata que no disparo número catorce, Álex uniuse a Chaguinha no ‘miniolimpo’ de heroes dos cuartos e impediu que Juanlu anotase. Non sen sufrimento, os santiagueses xa estaban na semifinal da Copa. O soño continúa.
Ficha técnica:
Carnicer Torrejón: Mendiola, Jorge, Rivillos, Juanlu, José Carlos –cinco inicial-, David, Rober, Caio, Bingyoba, Chino.
A. Lobelle de Santiago: Álex, Barroso, Pazos, Luis, Raúl Campos –cinco inicial-, Aicardo, Hamza, David, Chaguinha, Quintela, Charlie.
Árbitros: Cordero Gallardo e Linares López. Mostraron cartón amarelo a Caio e Raúl Campos.
Goles: 0-1, min. 4: Barroso; 1-1, min. 23: José Carlos; 2-1, min. 26: Rivillos; 2-2, min. 39: Chaguinha.
Tanda de penaltis: 0-1: Aicardo; 1-1: José Carlos; 1-2: Raúl Campos; 2-2: Caio; 2-3: Barroso; 3-3: Chino; 3-4: Chaguinha; 4-4: David; 4-5: Charlie; 5-5: Rivillos; 5-6: Luis; 6-6: Rober; 6-7: David. Juanlu errou o último.
Campo: Palacio de los Deportes de Logroño.
FOTO: Autos Lobelle FS



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede