O neno ao que cambiaron por un queixo
- Detalles
- Categoría: Ciclismo
- Publicado o Mércores, 18 Abril 2012 07:49
- Escrito por Martiño Suárez
A lenda, nunca probada pero ben bonita, conta que a familia Garin decidiu contra 1885 que estaba farta de vivir penosamente na minúscula e pintoresca vila de Arvier, no Val de Aosta italiano. Non están moi claras as circunstancias da súa viaxe cara as zonas mineiras do norte de Francia, pero parece que foi ilegal, longa e accidentada.
Tamén queda entre as néboas da historia o momento no que a Maurice Clément e a María Teresa lles empezou a resultar unha carga o fillo maior, Maurice. Semella que en plena migración, vendo que o rapaz xa tiña catorce anos e parecía listo para valerse por si mesmo, os Garin vendéronllo a un home que lles prometeu traballo para o mozo, e que recibiron a cambio unha peza de queixo. A realidade sitúa meses despois ao pequeno e espilido Maurice en Reims, limpando chemineas, unha profesión habitual nos mozos roubados, extraviados ou desfavorecidos.
Pese a este triste episodio, Maurice non debeu gardar demasiado rancor contra a súa familia. Poucos anos despois xuntouse con dous dos seus irmáns e usou os aforros para abrir en Roubaix unha tenda de bicicletas, uns trebellos que o apaixonaban: cando anos despois marchou vivir a Lens, os veciños coñecíano por "Le fou", o tolo, polo seu costume de atravesar as rúas dando pedal á velocidade do raio.
Coa entrada do século XX, o rapaz ao que os pais cambiaron por un queixo entraría na historia como o primeiro gañador do Tour de Francia, no 1903, e tamén como o primeiro tramposo dunha carreira prolífica en corredores desta especie: campión de novo no 1904, foi eliminado, xunto cos tres seguintes cualificados, por faceren parte da carreira agarrados a automóbiles. Todo un pioneiro.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede