Espías en dúas rodas
- Detalles
- Categoría: Ciclismo
- Publicado o Mércores, 11 Abril 2012 08:07
- Escrito por Martiño Suárez
Parecía unha escena de Verano azul cincuenta anos antes de Verano azul. Segundo contaba Sanchia Berg para a BBC hai un par de anos, ducias de mozos alemáns, alegres, loiros e espigados, percorrían a mediados dos anos trinta as estradas de Inglaterra en bicicleta, coñecendo as comarcas rurais e gozando do aire puro e do deporte. E facendo secretamente mapas para a invasión que xa entón aniñaba na cabeza de Adolf Hitler, ou iso sospeitaba o MI5, o servizo secreto británico.
Polo que contan documentos desclasificados da espionaxe inglesa, moitos daqueles precursores dos actuais Erasmus eran integrantes das Mocidades Hitlerianas, adolescentes de lealdade sobradamente probada que aproveitaban as visitas en bici ás poboacións turísticas da illa para anotar coidadosamente a localización dos cruces, dos edificios públicos, das igrexas... Daban pedal en grupos de máis de vinte, e non pasaban desapercibidos para a prensa local: o defunto Daily Herald alertaba en maio de 1937 das andanzas dos “spyciclists” xermanos, traducindo parágrafos ben inquietantes dunha guía da Asociación Ciclista Nazi (que tamén a había): “Quedádevos ben con todos os fitos como campanarios e torres e todos os pasos e pontes, e familiarizádevos con eles ata o punto de que sexades capaces de recoñecelos pola noite”. Por se se perdían, enténdese.
Os cachorros nazis cultivaban con certo éxito a amizade de grupos locais coma os Boy Scouts, aos que impresionaban, máis que cun acompasado pedalar, coa súa disciplina, as súas ceas a base de salchicha, os seus desfiles de fachos e os seus símbolos de masculina camaradería. Se alguén sospeitaba xa que había algo morboso detrás dun personaxe tan peculiar coma o fundador do escutismo, Lord Baden-Powell, verá confirmada a súa opinión sabendo que o home, xa nos anos finais da súa vida, foi un decidido defensor da colaboración entre Inglaterra e Alemaña. Non foi o único: coñecidas son as simpatías pronazis do abdicado rei Eduardo VIII, que deixou o trono na mesma época para casar cunha americana.
Noticia na BBC: http://news.bbc.co.uk/today/hi/today/newsid_8551000/8551491.stm
FOTO: Bundesarchive.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede