1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

A LNB tomou a cidade das murallas

“Non  haberá pavillóns? Aqui o único que vades facer e romper cristais”. Así recibiu unha residente dunha vivenda lindeira aos palanadores da conferencia norleste á chegada á pista de herba artificial da Piringalla. Aínda que sexa comprensible o medo da señora, a Liga Nacional de Billarda, secundada perfectamente pola asociación Madia Leva, no seu afán de difundir a práctica deste deporte busca sempre lugares visibles e o máis céntricos posibles.


O certo é que se conseguiu, principalmente polo elevado número de palanadores participantes no aberto, de novo rondando os sesenta, e tamén pola cantidade  de persoas que se atopaban de paseo pola zona e que se interesaban en saber como ía o aberto.


As billardas preparábanse a conciencia ao ser unha superficie un tanto descoñecida, pero de contado se viu que o céspede artificial non era obstáculo para que se visen golpes espectaculares, e incluso varados, sendo Xosé Regueiro, das Troitas Bravas da Pontenova, con dous o líder neste apartado, e poñendo así un pé nas finais de Conxo na categoría de varados, malia que Eric, de Os Outros sigue sendo o que máis golpes directos acadou no que vai de liga.


Logo de disputalas cinco carreiras pertinentes tódolos palanadores, soamente dous fixeron pleno de victorias. Pepe de O Cadaval de Castro de Rei e Cascarillas da Tropa Lixeira de Meira. Ámbolos dous chegaban por primeira vez a unha final, aínda que os de Meira están a completar un final de campaña brillante, facendo pódium nos tres últimos abertos. 


Malia que Cascarillas contaba co inesgotable apoio dos seus compañeiros de Meira que o seguían por toda a pista, a veteranía e a tranquilidade de Pepe impúxose e proclamouse Campión do Aberto Cidade de Lugo.

Tamén se presumía interesante a loita polo terceiro posto, o cal disputaban catro palanadores. Daniel dos Billardeiros Musicais, que sigue loitando pola clasificación xeral, aínda que se lle resiste a victoria nun aberto, Xan Rodiño dos Bateas, Angelín de Almuinha e Héctor da Tropa Lixeira. Xan Rodiño impúxose en tódalas carreiras e conseguiu o último peldaño do pódium.

Na clasificación xeral, Markitos mantén o liderado, ao igual que os Billardeiros Musicais na clasificación de equipos dando case un golpe definitivo ao ampliala diferencia sobre Os Outros.

A vindeira cita na Conferencia Norleste será o día 15 de abril en Celeiro de Mariñaos (Barreiros.