Actívanse as alarmas no Academia Octavio
- Detalles
- Categoría: Balonmán
- Publicado o Sábado, 14 Abril 2012 11:03
- Escrito por DIOIVO
O Academia Octavio continúa sumando decepcións neste o seu nefasto 2012 no que non coñece aínda a vitoria. Onte visitaba As Travesas un duro rival, o Fraikin Granollers de Manolo Cadenas, que levou un contundente 26-38 para a casa, aproveitando a febleza defensiva dos galegos, e demasiadas precipitacións no xogo de ataque. O 0-3 de parcial con apenas dous minutos e medio transcorridos xa deixou claro dende o inicio ás 1.000 persoas que acudiron ás Travesas, quen tiña máis determinación por levar o partido.
Quique Domínguez debeu lamentar moito a baixa de Fran González e o día algo gris de Pablo Cacheda. Os vigueses eran incapaces de atopar solucións no ataque posicional, de maneira que a vantaxe dos cataláns seguía a medrar progresivamente no marcador. O central lituano Aidan Malasinskas facía estragos (11 goles en total, 7 no primeiro tempo). Quique Domínguez procurou frear a enxurrada (11-20) cun par de tempos mortos. Non axudou demasiado a mellorar o xogo ofensivo, que batía decote con Pérez de Vargas, o prometedor porteiro da canteira do Barça, pero si que serviu para conter a avalancha ofensiva dos cataláns. Entre o final do primeiro tempo e o comezo do segundo, o Academia Octavio conseguira reducir a desvantaxe até un esperanzador 16-20. Pero foi apenas un espellismo. Axiña Malasinskas foi quen de desfacerse dos axustes defensivos que lle prepararan os académicos e volveu liderar o ataque do seu equipo con catro goles seguidos. Disparáronse novamente os de Cadenas no marcador até un 19-27 que facía agachar a cabeza aos galegos. Xa non houbo máis partido até o 26-38 definitivo.
O Academia Octavio continúa a complicar a súa situación até fai pouco prácida na clasificación. Comeza a sentir o bafo dos seus perseguidores na caluga e a estas alturas parece seguro que fará falla unha reacción para non sufrir no treito final da competición. O caso é que o vindeiro partido non será o máis acaído. O Octavio visita o luns o Palau Blaugrana para se enfrentar ao todopoderoso Barcelona.
FICHA TÉCNICA:
26. Academia Octavio: Javi Díaz, Edu Moledo, Rafa Dasilva (3), Jabato (1), Vargas (4), Cerqueira (2) y Cacheda (2,1p) -equipo titular- García Lloria (ps), Víctor Frade (2), Nantes (3), Cerillo (4), Polakovic (5,3p), Macías e Barbón
38. Fraikin Granollers: Pérez de Vargas, Blanxart (1), Raúl Campos (6), Malasinskas (11,1p), Grundsten (5), Nenadic (2) y Chispi (1) -equipo titular- Manel Pérez (ps), Resina (3), Del Arco, Reznicek (1), Eloy Felez (4), Raigal e Solé (4).
Marcador cada cinco minutos: 2-5, 4-8, 6-10, 8-12, 9-17, 13-20 (descanso); 17-21, 19-25, 20-28, 21-31, 25-35 y 26-38.
Árbitros: Juan José e Carlos Javier Gude Prego (colegio guipuzcoano). Excluíron a Nantes, Cerqueira, Macías, Rafa Dasilva por parte do Octavio, e a Chispi, Grundsten (2), Raigal, Blanxart, Raúl Campos, Reznicek por parte do Fraikin Granollers.
Incidencias: Encontro correspondente á vixésimo cuarta xornada da liga Asobal disputado no pavillón municipal das Travesas ante uns 1.000 espectadores.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede