1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Este ano tocáballe a Miami, este ano tocáballe a Lebron James

Miami proclamouse campión da NBA despois de derrotar a Oklahoma City Thunder no quinto partido. Lebron James, que consegue o seu primeiro anel de campión, foi escollido MVP das finais, despois dun partido no que fixo triple dobre (26 puntos, 11 rebotes e 13 asistencias). O acerto nos triples foi determinante para a vitoria dos de Florida (Espectacular o 7 de 8 dende a liña de tres de Mike Miller)

 

OKLAHOMA CITY THUNDER 106-121 MIAMI HEAT (1-4)

A NBA xa ten campión: Miami Heat. Rematou, xa que logo, esta tempada breve pero intensa na que Lebron James refrendou a súa condición de mellor xogador da competición co seu primeiro anel de campión. Os Oklahoma City Thunder afogaron na beira despois dunha tempada espectacular e curtíronse de cara a tempadas vindeiras, nas que abofé volverán ter a oportunidade de ser campións, e probablemente contra Miami, pois estes dous equipos teñen pinta de establecer unha nova xerarquía na liga profesional americana. O quinto partido foi unha festa para Miami dende ben cedo. Os de Florida deron un recital de tiro: Battier, Chalmers e, sobre todo Mike Miller, asinaron unha marca para a historia (14 de 26 dende a liña de tres, 7 de 8 Mike Miller). Lebron James quixo coroar a festa cun tripe dobre que non deixa lugar a dúbidas de quen foi o MVP das Finais (26 puntos 11 rebotes e 13 asistencias). Os Heat abriron unha vantaxe notable no marcador dende o inicio e Oklahoma acabou cedendo no último cuarto despois de intentar sobrevivir o resto do partido a base de arreóns infructuosos. Unha vez máis, Russell Westbrook tirou até as zapatillas (4 de 20 en tiros de campo), James Harden volveu ter un día gris (5 de 11 e anotando só cando estaba todo o peixe vendido, mágoa de finais as do barbudo), e a Durant fixóselle demasiado manter oaceso o facho do seu equipo en ataque e conter á besta Lebron James en defensa. Do mesmo xeito, os duros homes interiores de Oklahoma sucumbiron ante a calidade e frialdade do gran Chris Bosh, que anotou 24 puntos. A aparición do texano nas Finais despois da súa lesión abdominal foi un factor desequilibrante a prol dos homes de Erik Spoelstra. Miami é campión porque ten o mellor xogador e este ano tiña por fin un bo equipo, con homes talentosos, veteranos e loitadores como Chalmers. Miller, Battier ou Haslem para acompañar o seu deslumbrante big three. Foi unha tempada irregular na que non puideron ser primeiros de conferencia (superados por Chicago que acabou pagando moi cara a lesión de Derrick Rose) e tivo que batallar arreo contra Indiana e Boston Celtics. Pero hoxe xa ninguén lembra aquilo, nin a bronca de Wade a Spoelstra. Por riba de todas as vicisitudes estivo a figura de Lebron James, espectacular esta tempada, determinante nos partidos de maior esixencia e cada vez máis intelixente e xeneroso no seu xogo. Xusto premio en definitiva para o de Akron, como axiña recoñeceu Kevin Durant, o seu mais que digno aspirante, destrozado pero enteiro na derrota que foi o primeiro en abrazar cunha aperta calorosa á estrela do campión. Grande espectáculo a NBA que nos ofreceu hoxe fermosas imaxes na vitoria e na derrota. Emocionante a aperta de Kevin Durant aos seus pais na porta dos vestiarios, dous minutos de aperta intensa e familiar na que 'durántula' acabou por derrubarse e verteu unhas cantas bágoas. Durant, como Lebron, ten reservado abofé un lugar de honra na Historia deste deporte e seguro que acabará por lucir máis dun anel nos dedos da súa man. Pero xa terá tempo, á Historia urxíalle antes saldar a súa débeda co gran Lebron James.  

 

FOTO: nba.com