Dura derrota do Obradoiro que complica a permanencia
- Detalles
- Categoría: Baloncesto
- Publicado o Mércores, 25 Abril 2012 22:05
- Escrito por DIOIVO
O Obradoiro terá que agardar para celebrar a permanencia na Liga ACB. Podía facelo hoxe se derrotaba ao Estudiantes, un histórico contra as cordas. A salvación do Obra, de consumarse, podía ter sido a tumba do equipo madrileño. Pero ao final non houbo nin vitoria nin salvación. O Obradoiro sumou unha dura derrota (79-62), coa carga engadida de perder no basket average co Estudiantes, o inmediato perseguidor, o equipo que aínda hoxe ten a soga arredor do pescozo. Os de Moncho Fernández non se poden permitir o máis mínimo tropezo nos tres partidos que restan para o final da Liga Regular. Un histórico como Estudiantes non é o mellor rival contra o que se xogar a permanencia.
Non empezou mal o partido o Obradoiro, cun bo traballo de Andrés Rodríguez e Levon Kendall. O Estudiantes aguantaba no marcador grazas o gran partido de Tariq Kirksay, sen dúbida o mellor do equipo colexial. Chegábase ao remate do primeiro cuarto cun 23-25 para os galegos. Pero na reanudación, o Obradoiro veuse abaixo ante o empuxe dos locais, apoiados seguido polas dez mil persoas que acudiron ap Palacio dos deportes da Comunidad de Madrid. A segunda unidade madrileña fixo un estrago e cun parcial de 17-3 rompeu o partido até un 44-29. Bulfoni dende a liña de tres intentaba acurtar distancias. Dos homes interiores do Obradoiro apenas houbo noticias no segundo cuarto, ao que se chegou con 44-34. Tras o descanso a cousa foi a peor. A maior agresividade e velocidade dos colexiais aumentaron a fenda no marcador. Granger e Kirksay superaban a Rodríguez e Corbacho en cada xogada. O Obra estaba desbordado. O parcial do terceiro cuarto foi de 20-7. A Moncho Fernández só lle quedaba alentar aos seus para intentar reducir a desvantaxe o máis posible e intentar recuperar o basket average, pero o público estaba encendido. O 79-62 apraza o soño da salvación e complícalle a existencia ao equipo galego, obrigado a gañar o domingo no Sar ao Blancos de Rueda Valladolid. O equipo pucelano, por certo, certificou hoxe o seu descenso á Liga LEB despois de perder ante o Gran Canaria.
FOTO: ACB



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede