O Breogán está 'de baixón'
- Detalles
- Categoría: Baloncesto
- Publicado o Domingo, 15 Abril 2012 08:38
- Escrito por DIOIVO
O Breogán encaixou este sábado unha derrota (74-94) moi dolorosa ante o León. A desidia defensiva no último cuarto, no que o equipo lugués recibiu un duro parcial de 16-31, dá mostras da falla de intensidade defensiva nos momentos determinante do partido. O Breogán estivo moi lonxe do rendemento amosado durante a xeira de oito vitorias consecutivas que se truncou o pasado sábado ante o Cáceres. Ao León, un equipo que paira na metade baixa da táboa, abondoulle coa veteranía para facer moito dano nos minutos decisivos.
Pepe Rodríguez amosouse moi disgustado no post-partido e mesmo pediu disculpas á afección pola "pésima impresión" dada polo equipo. Parecía antes do partido que o Breogán contaría con superioridade na pintura, ante un equipo pouco sobrado de centímetros. Porén, o italiano Mortellaro e o estadounidense Durley fixeron estragos ante un Breogán incompresiblemente indolente. Papa Dia apenas deu noticias da súa presenza no partido só Brook Sales fixo uns números aceptables (12 puntos e 14 rebotes). No exterior tampouco estivo acertado o conxunto galego. Nin Carlos de Cobos nin Edu Sánchez estiveron á altura dun gran Juan José Bernabé. O veterano base ourensán do León leu á perfección o partido, facendo correr ao seu equipo cando cumpría e provocando unha chea de faltas en ataque do rival. O potencial ofensivo do Breogán limitouse, máis unha vez, á anotación de james Feldeine (26 puntos). Desta volta, con todo, o dominicano tivo en fronte un compatriota que lle deu boa resposta. Manny Quezada fixo tamén 26 puntos e foi o principal argumento ofensivo do equipo de Javier de Grado, que rematou o partido cun extraordinario e insólito 70% de acerto nos tiros de 2. Este dato dá boa idea da indolencia defensiva do Breogán, nomeadamente no segundo tempo. Despois de chegar por diante ao descanso (38-35), o Breogán encaixou dous parciais especialmente duros nos cuartos seguintes (20-28 no terceiro e 16-31 no derradeiro).
Pepe Rodríguez foi moi duro co equipo e co seu propio plantexamento do partido. Lamentou que o Breogán sexa un equipo con certa tendenza para "aúnar o talento coa indolencia". O adestrador catalán pediu disculpas á afección pola pobre imaxe dada nun partido que podía consolidar por fin o equipo nos play offs.
O vindeiro partido será o venres que vén en Granada, ante un equipo que ocupa a penúltima posición na táboa.
FOTO: CB Breogán



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede